Podemos quere que Marcial Dorado vaia ao Senado tras citar o PP a Inda polo seu financiamento

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

O PP pretende sentar no Senado, onde conta con maioría absoluta, a cargos do Goberno venezolano de Nicolás Maduro nunha sesión monográfica para indagar no financiamento de Podemos e fixou como data o próximo 13 de outubro, día en que tamén pretende citar a un dos fundadores do partido, Juan Carlos Monedero. Como resposta, Podemos propón que comparezan os presidentes Feijóo e Rajoy e os narcotraficantes Marcial Dorado e Laureano Oubiña para aclarar os “vínculos do narcotráfico e o financiamento ilegal do PP”.

Os populares, con maioría na Cámara Alta, propoñen unha sesión monográfica sobre as contas do partido morado e estes retrucan pedindo aclarar os vínculos dos conservadores co narcotráfico

Na comisión que creou na Cámara Alta, onde si ten maioría, como resposta á decisión do Congreso de investigar a súa contabilidade en negro, o PP pretende convidar o presidente da Comisión Controlatoria de Venezuela, Fredy Guevara, e á ex fiscal xeral do Estado daquel país Luisa Ortega Díaz. Xunto a eles, os populares tamén pretenden que compareza Eduardo Inda, director de Ok Diario, un dos medios máis belixerantes co partido de Pablo Iglesias e o que publicou un informe policial apócrifo sobre supostas achegas do Goberno venezolano que non foi aceptado en ningún tribunal. A proposta ten que ser debatida e aprobada o vindeiro luns pola Comisión, na que o PP ten maioría absoluta.

A oposición, que acudiu á reunión de hoxe da Mesa e Portavoces da comisión para coñecer os plans do PP, anunciou que non asistirá o luns porque vai manter o plante que xa decidiu no mes de xullo. O resto de partidos interpretan que o PP só pretende usar a súa maioría na Cámara Alta para contrarrestar os efectos da investigación no Congreso sobre o seu financiamento, na que participa todo o arco parlamentario.

En resposta á proposta popular, Unidos Podemos propón que na comisión do Senado comparezan os presidentes Rajoy e Feijóo e varios narcotraficantes para “investigar os vínculos do narcotráfico e o financiamento ilegal do PP”. Podemos mencionou a Marcial Dorado, amigo no pasado de Feijóo segundo revelara El País e admitiu o propio presidente galego; a Laureano Oubiña, que se ten gabado en diversos medios de comunicación de financiar o PP; e os propietarios do barco Moropa, no que Rajoy fixo campaña electoral en 2009, segundo desvelara en 2011 o desaparecido Xornal de Galicia.

Portada do desaparecido Xornal de Galicia coa información sobre Rajoy facendo campaña nun barco ligado a narcos Dominio Público Xornal de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.