Os primeiros datos ofrecidos por Correos xa avanzaban a pasada semana que, como era previsible, as solicitudes de voto por correo nas eleccións galegas do 18F descenden a respecto dos comicios de 2020, celebrados nun inédito contexto de pandemia e restricións sanitarias por mor da COVID. Aqueles primeiros números, que tamén sinalaban un forte incremento de peticións con relación ás anteriores eleccións celebradas nun contexto de normalidade, as de 2016, podémolos debullar agora territorialmente, por provincias.
As peticións de voto por correo son case un 20% menos que nas eleccións da pandemia, pero un 35% máis que nas eleccións galegas de hai oito anos
Atendendo á información provisional xa publicada pola Oficina do Censo Electoral, a provincia de Pontevedra é a que rexistra unha menor caída de solicitudes de voto por correo a respecto de hai catro anos. Fronte ao descenso medio de case o 19% no conxunto do país, na circunscrición pontevedresa son apenas un 16%. Séguea A Coruña, onde as solicitudes aceptadas caen un 20%. Lixeiramente por riba da media están as diminución sen Lugo (-20,56%) e Ourense (-23,07%).
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, tamén existen notables disparidades territoriais a respecto das eleccións de 2016. Na provincia de Lugo as solicitudes de voto por correo dispáranse ata case un 50% con relación aos comicios celebrados hai oito anos, moi por riba do 35,7% da media galega. Ourense e Pontevedra rexistran incrementos semellantes entre si, próximos ao 40%. Mentres, na circunscrición da Coruña as solicitudes de voto por correo tramitadas aumentan por baixo da media, en torno a un 30%.
En cifras absolutas, os colexios electorais poden recibir o 18 de febreiro ata 62.490 votos por correo de electorado con residencia en Galicia. A cifra total máis elevada é a da provincia coruñesa, con algo máis de 24.000 solicitudes aceptadas. Séguea Pontevedra, cunhas 20.000. En Lugo son algo máis de 9.200 e en Ourense quedaron lixeiramente por riba das 8.800.
Segundo o estipulado pola Xunta Electoral, o voto por correo nas eleccións galegas pode ser remitido ata este xoves, día 15. A entrega pode realizarse en calquera oficina de Correos.