Pontón acusa a "nova política" de "defender o mesmo centralismo que podería defender Aznar"

Pontón e Bará, no Local de Música Dominio Público @obloque

"Os dirixentes da denominada nova política veñen a Galiza a defender o mesmo centralismo que podería estar defendendo Aznar". Con esta frase, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, quixo constatar "as portas xiratorias entre a nova e a vella política" e poñer en valor un BNG que é a opción que vai máis alo do "menú dos catro magníficos". 

"A denominada nova política vén a Galiza a defender o mesmo centralismo que podería estar defendendo Aznar", di Pontón

Nun acto en Pontevedra, a tamén candidata do Bloque á presidencia da Xunta asegurou que "Galiza existe" e ten dereito a "rachar con este modelo centralista", así como co "espolio dos nosos recursos, co paro e coa emigración". Para Pontón, no país hai "unha alternativa" para todos aqueles que queren un cambio no Estado para desaloxar o PP. E pasa, segundo dixo, pola que defenda os intereses galegos os 365 días do ano. Nesta lexislatura sen maiorías absolutas, “Galiza non pode ser espectadora nin celeiro das forzas estatais, o voto dos galegos e galegas debe servir para acadar solucións aos problemas do día a día do noso país", insistiu. 

Pontón e o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará visitaron o  Local da Música de Pontevedra onde e mantiveron un encontro coa mocidade. A portavoz nacional compartiu coa xente nova a preocupación pola realidade laboral e social en Galiza cos continuos recortes de Feijóo, Rajoy e a UE "que están a provocar unha grave precarización do  mercado laboral". "Nós temos un compromiso con Galiza e cun proxecto alternativo para que a mocidade galega non se vexa obrigada a marchar. Non temos que emigrar, non nos da a gana de coller as maletas e marchar porque vivimos nun país rico”, engadiu, tras reiterar a necesidade dunha "voz firme" no Congreso e non un "apéndice" de forzas estatais. 

Pontón pide unha "voz firme" no Congreso e non un "apéndice" de forzas estatais

Pola súa banda, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará salientou a importancia dos locais de música como aposta polo talento e proxectos innovadores, unha experiencia, explicou, que naceu co goberno do BNG na Xunta de Galiza e que nalgúns lugares foi paralizada. "Pero en Pontevedra continuamos e xa deu os seus froitos co paso de máis de 300 grupos musicais coa posibilidade de gravar neste local e iniciar o seu camiño musical", dixo Bará.

 

Novo vídeo electoral

Ademais, o BNG vén de lanzar un novo vídeo de campaña electoral que reivindica unha "Galiza orgullosa da súa identidade, unha declaración de intencións para deixar claro que Galiza ten futuro, que é un país vivo e cheo de talento e só precisa ter voz propia para demostralo". "O BNG é esa voz propia que representa Galiza", insiste. 

O vídeo "atrévese a actualizar imaxes icónicas que se reinterpretan para rachar tópicos e amosar un país vivo, moderno, aberto, integrador e diverso"

O vídeo, con música orixinal interpretada por Alonso Caxade e Navia Rivas, "atrévese a actualizar imaxes icónicas que se reinterpretan para rachar tópicos e amosar un país vivo, moderno, aberto, integrador e diverso". "Tolerancia, amor en diversidade, loita feminista, firmeza contra o racismo, identidade aberta, tradición e modernidade, internacionalismo, defensa dos sectores produtivos, do talento creativo e da propia cultura, confianza nas posibilidades deste país son valores que se reivindican como propios do proxecto político que representa o BNG e de Galiza como pobo", resume. 

Pontón e Bará, no Local de Música Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.