Pontón cre que o "escándalo" de Fernández Díaz "evidencia" que "o voto que lles doe é o do BNG"

Pontón, no acto contra a emigración xuvenil CC-BY-SA BNG

O BNG considera que o "escándalo" que arrodea ao ministro Jorge Fernández Díaz polas súas conspiracións para atacar o independentismo "evidencian" que "o voto que máis lle doe ao statu quo é o voto ao nacionalismo que representa o BNG". Para a voceira nacional, Ana Pontón, as prácticas "parafascistas e de caza de bruxas" deixan ben ás claras "que o proxecto político e social que lle preocupa é o nacionalismo porque pon en cuestión o actual réxime".

Para o BNG, o "escándalo" de Fernández Díaz "evidencia que o voto que máis lle doe ao statu quo é o voto do nacionalismo"

“Queda claro nesas gravacións que reflicten un Estado con prácticas antidemocráticas, parafascistas, de caza de bruxas co obxectivo de criminalizar o nacionalismo”, insistiu Pontón, que insistiu no voto ao BNG, o que "vale para desaloxar as políticas antisociais e antidemocráticas e, ao mesmo tempo, é garantía de darlle voz a Galiza”.

Para o Bloque o presidente en funcións e candidato do PP, Mariano Rajoy, é tan responsable como o ministro do Interior. “Os dous estarían fora de xogo e asumirían as súas responsabilidades políticas en calquera estado democrático, pero aquí non pasa nada e temos que facer que asuman responsabilidades o 26X co noso voto”, argumentou Pontón.

 

A portavoz nacional participou en Compostela nun acto de campaña organizada por Galiza Nova para protestar pola precariedade, o paro e a emigración que afecta á mocidade. "90.000 mozos e mozas colleron as maletas desde que Feijóo chegou á Xunta, isto é como se desaparecera toda a poboación de Compostela”, comparou.

Nunha figurada carreira de obstáculos, -salarios de miseria, paro, emigración, lei mordaza-, a organización xuvenil do Bloque denunciou cunha perfomance a “falta de futuro” da xente moza. denunciando todas as políticas que se impoñen desde a UE, do Estado e desde o goberno galego. “Queremos botar abaixo todos eses obstáculos que impoñen as políticas da UE, do Estado e da propia Xunta”, explicou o secretario de Galiza Nova, Alberte Mera, “pensamos que para iso o primeiro paso ten que ser que este país volva ter voz en Madrid tras o 26X”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.