PP e PSdeG impiden que o Parlamento de Galicia analice o accidente do Marisquiño como pedían En Marea e BNG

Parte do paseo derrubado durante O Marisquiño en Vigo © 112-Galicia

Co popular Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, e o socialista Abel Caballero, alcalde, desviando un ao outro as responsabilidades políticas polo accidente do pasado 12 de agosto durante o festival O Marisquiño que provocou varios centos de feridos, este xoves PP e PSdeG impediron que polo menos a curto prazo o sinistro sexa analizado no Parlamento de Galicia, como pedían En Marea e BNG con varias iniciativas.

Socialistas e populares rexeitan convocar un Pleno extraordinario no que compareza Feijóo e no que as outras dúas formacións querían solicitar unha comisión de investigación política

As dúas formacións reclamaban en primeiro lugar a convocatoria dun Pleno extraordinario no que comparecesen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e no que tamén se debatese a creación dunha comisión de investigación política sobre o sinistro. En pleno verán, e fóra do período de sesións da Cámara, a decisión para convocar ese pleno extraordinario correspondía á Deputación Permanente, órgano que se reuniu este xoves e no que PP e PSOE impuxeron a súa ampla maioría en contra.

Os populares argumentaron que será o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o que compareza a petición propia no primeiro Pleno ordinario, a mediados de setembro, para explicar a actuación do Goberno galego. Pero este xoves o PP xa avanzou que a súa liña argumental será a de centrarse en que a culpa do sinistro foi do Concello de Vigo mentres que os dispositivos de emerxencias autonómicos que atenderon aos afectados funcionaron correctamente.

Será o vicepresidente Rueda o que compareza no primeiro Pleno ordinario a mediados de setembro

O PSdeG, pola súa banda, botou a responsabilidade ao Porto de Vigo, e dubidou da utilidade das comisións de investigación política. Socialistas e populares coincidiron en indicar que o asunto é de ámbito local e non debe ser analizado no Parlamento de Galicia.

Pola contra, En Marea e BNG lembraron as implicacións autonómicas do sinistro, desde a atención ás vítimas ata a normativa autonómica en materia de festas, e salientaron a necesidade de analizar as responsabilidades políticas máis alá das penais que xa está a investigar un xulgado de Vigo. A negativa final de populares e socialistas a convocar un pleno extraordinario obriga así a En Marea e BNG a adiar ao primeiro pleno ordinario de mediados de setembro as iniciativas ao respecto que queiran reiterar.

Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.