A petición unánime do Parlamento de Galicia de que a titularidade da autoestrada AP-9 pase do Goberno central á Xunta vai ser á fin debatida no Congreso dos Deputados tras levantar o PSOE o veto co que durante anos o impediu o PP, pero nin populares nin socialistas aclaran que votarán nese momento. “Unha cousa é que se discuta e outra é votar a favor de que se aprobe”, advertiu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Feijóo centra a responsabilidade nos socialistas despois de que os populares vetasen durante anos a petición unánime do Parlamento de Galicia
Despois de que o Executivo de Pedro Sánchez informase ao Congreso de que non ten impedimento en que se debata a proposición de lei remitida polo Parlamento de Galicia, este xoves Feijóo centrou a responsabilidade do que pase a partir de agora nos socialistas. “Veremos a postura dos grupos da Cámara, basicamente a do Goberno, que é quen ten a chave, sen o Goberno non se pode aprobar”, di o presidente galego. Porén, aínda que ningún deles é determinante para o resultado da votación senón que unha decisión ou outra requirirá do que voten o resto de grupos, os populares contan con máis deputados que os socialistas. Preguntado por ese feito e por cal será o voto do PP, Feijóo non foi quen dicilo.
“Que vai facer o PP? Eu teño claro que o que debería é votar a favor. Que fixo en anteriores ocasións? Votar en contra”, admite Feijóo
“Que vai facer o PP? Eu teño claro que o que debería é votar a favor. Que fixo en anteriores ocasións? Votar en contra”, dixo o presidente. Feijóo asegurou que el seguirá a “trasladar” aos seus compañeiros de partido en Madrid a conveniencia de votar a favor do traspaso, pero engadindo a continuación que “o PSOE non nos transmitiu que vaia votar a favor desa transferencia”, en referencia ao encontro que mantivo con Sánchez en xullo e no que o segundo limitouse a abrir a porta a esa posibilidade.
Este mesmo xoves o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi preguntado por esa mesma cuestión e, ao igual que Feijóo, non aclarou cal vai ser a postura do seu partido en Madrid. O socialista centrouse en salientar o cambio de actitude e “talante” do Goberno central con Sánchez á fronte ao permitir agora o debate da iniciativa. Pero nada dixo sobre o sentido do voto socialista.
En Marea e BNG reclaman ao novo Goberno central que desbloquee as transferencias a Galicia
Pola súa banda, desde o BNG, grupo autor da primeira iniciativa legal aprobada no Parlamento de Galicia para a transferencia da AP-9, a súa súa portavoz, Ana Pontón, insistiu este mércores en que os socialistas deben desvelar xa cal vai ser o sentido do seu voto. Do mesmo xeito, En Marea vén insistindo na necesidade de que o novo Goberno socialista reinicie o traspaso de competencias a Galicia tras dez anos sen concretarse ningunha. Este xoves o seu vicevoceiro no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, considerou unha "boa nova" o desbloqueo do debate, reclamou a PSOE e PP que voten a favor do traspaso da AP-9 e insistiu en que o resultado final ten que ser "o seu rescate para o público", que considera "economicamente factible".