"Foi un erro. Pero imos ver se agora o corriximos". O lamento é da deputada Carmela Silva, responsable de políticas de emigración do PSOE, que, como galega, sabe que unha presada de votos dos españois que viven no estranxeiro pode ser decisiva para dar a un partido incluso a maioría absoluta nunhas eleccións.
Ese arrepentimento ao que se refire Silva é a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg), que case ao final da anterior lexislatura propiciou o Goberno socialista para privar do voto nas municipais aos residentes no estranxeiro e implantar o voto rogado -é dicir, solicitado previamente- no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), como paso previo a poder participar nun proceso electoral. Agora, os dous grandes partidos xa negocian, menos dun ano despois de que deixaran claras as súas intencións, tamén desde Galicia, ao apostar por revisar o sistema, tal e como recoñecían a Praza.
PP e PSOE queren reformar a Loreg tras comprobar alarmados como caeu en picado a participación dos emigrantes nas eleccións
Dous anos despois de introducir eses cambios, cos que se pretendía mellorar un sistema sempre envolvido en sospeitas e achegarlle maiores garantías de "transparencia", os seus propios impulsores viron alarmados como a participación dos emigrantes nas eleccións autonómicas e xerais celebradas durante ese intervalo caeu en picado.
Segundo os datos comparativos que levaron a cabo os socialistas, "das eleccións autonómicas de 2007 coas celebradas en 2011 (xa co voto rogado) obsérvase que a porcentaxe de votos recibidos nas Xuntas Electorais Provinciais (JEP) representa sobre o total do Censo do CERA o 3,69%. Do total de electores CERA, solicitou o voto o 8,23%. A diferenza entre as solicitudes aceptadas e os votos que chegaron ás Xuntas provinciais é do 44,85%".
Nese estudo interno do PSOE, consta así mesmo que a participación que alcanzou as xerais de 2011 descendeu notablemente en comparación coa que se rexistrou en 2008, antes da reforma da lei. "Fronte ao 31,88% dos votos que sobre o total chegaron ás Xuntas Electorais Provinciais en 2008, a porcentaxe de votos en 2011 representou o 4,95% do total da CERA. A diferenza entre as solicitudes aceptadas e os votos que efectivamente chegaron ás Xuntas foi do 53,14%. É dicir, unha porcentaxe altísima de votos non se materializou, o 46,86% dos votos".
A participación da emigración nos comicios autonómicos galegos pasou do 30,3% do censo en 2009 ao 3,2% de 2012
No caso galego, a instauración do control legal á votación no exterior fixo caer a mínimos históricos a participacion nas eleccións autónomicas. Dos 30.524 electores do CERA que solicitaran a documentación só 12.954 dun total de case 400.000 votantes rexistrados na diáspora completaron o trámite, o que supuxo unha abstención do 96,05%, sendo a metade dos sufraxios para o PP. Nos anteriores comicios autonómicos emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, sobre un 600% máis dos que o fixeron hai un ano. A comparación das porcentaxes de participación tampouco deixaban lugar a dúbidas: o 3,2% de 2012 fronte ao 30,3% de 2009, cifra media que na circunscrición de Lugo acadou o 35,2%.
Mentres o Goberno central xa traballa nunha contrarreforma que permita volver ao antigo sistema -no que, por exemplo, os inscritos no CERA recibían na casa a documentación electoral sen comprobacións previas de identidade e sen nin sequera confirmar que o elector seguía vivo- as comparacións coas cifras de hai catro anos son elocuentes. Tamén noutros territorios como Andalucía.
Co anterior sistema os emigrantes recibían na casa as papeletas sen comprobacións previas de identidade e sen confirmar se o elector seguía vivo
Nas recentes eleccións andaluzas de marzo de 2012, houbo un descenso da participación do colectivo emigrante, que non chegou a alcanzar nin a 5% fronte ao 30% doutras convocatorias. O último censo elaborado polo Instituto Nacional de Estatísticas (INE), actualizado en xaneiro deste ano, cifra en 1.609.989 o número de emigrantes inscritos na CERA. Só en Arxentina residen 349.868; en Francia, 178.327; e en Venezuela, 150.559.
A importancia do voto emigrante non é pouca cousa. E precisamente por iso, sempre estivo rodeado de polémica e, en varias ocasións, baixo sospeitas de fraude electoral con censos adulterados, onde chegaron a votar até os mortos. Os galegos, sobre todo, e os asturianos saben moito diso.
O voto emigrante: polémico e en continua sospeita
Nas eleccións autonómicas celebradas en Galicia en 2005, os votos dos emigrantes quitaron a Fraga -que sempre coidara a este colectivo con especial mimo- a posibilidade de conseguir o escano número 38 en Pontevedra, que lle deu de novo a maioría absoluta necesaria para poder continuar como presidente da Xunta. Os populares puxeron en dúbida o resultado e ameazaron con recorrer ao Tribunal Constitucional despois de que a Xunta Electoral considerase non válidos os votos de emigrantes depositados nunhas sacas en valixas sen data de orixe nin emisión. Pero non houbo que facerlle, e finalmente Fraga quedou sen o escano, o que abriu a porta a un goberno entre o PSdG e o BNG.
Tamén nas últimas eleccións asturianas, convocadas por Álvarez Cascos cando non levaba nin un ano gobernando a Xunta, xurdiu a polémica. Tivo que intervir até o Tribunal Constitucional para resolver o conflito aberto polo voto emigrante entre o PSOE e Foro Asturias, que o reclamaba. Na súa denuncia ante os tribunais, o partido de Cascos falaba de "votos manifestamente falsificados". Pero, ao final, o escano en disputa foille asignado ao PSOE, que logrou recuperar o Principado grazas ao apoio de EU e UPyD.
PP e PSOE pretenden eliminar o 'voto rogado', volver ao sistema anterior e axilizar os trámites
Logo de constatar ese descenso na participación tras a reforma da lei, populares e socialistas iniciaron os contactos non só para volver ao sistema anterior, no que os inscritos na CERA non tiñan que solicitar previamente o voto, senón tamén para axilizar os trámites e que non teñan que enfrontarse a tanta burocracia. O PSOE propón mesmo que poidan votar electrónicamente, como plasmou nunha proposición non de lei rexistrada no Congreso na primavera de 2012 (con moitas coincidencias con outra presentada pola Izquierda Plural en datas moi próximas), que irritou os populares ao considerar que era unha "deslealdade" ir "por libre" cando estaban en plenas negociacións.
Agora parece que as augas volveron calmarse algo e a propia Carmela Silva recoñece que está novamente en conversacións con Alfredo Prada, secretario executivo do PP no Exterior, para propiciar a contrarreforma da Loreg, aínda que vai ser difícil que os cambios poidan estar aprobados antes das próximas eleccións europeas, que se celebrarán o 25 de maio de 2014.
O PP non quere esperar e puxo en marcha unha campaña para mobilizar os seus militantes no exterior, de cara a esa importante cita que vai servir de termómetro para comprobar o comportamento da cidadanía cos dous partidos maioritarios. Prada comezou un periplo por varios países europeos e latinoamericanos para vender aos colectivos españois a mensaxe de que, grazas ao Goberno de Mariano Rajoy, a recuperación económica está en marcha. Os socialistas afirman que eles "sempre" están a mobilizar ese voto.
A elevada abstención que se prevé nas europeas fai temer aos dous grandes partidos os peores datos da historia na emigración
Segundo as últimas enquisas, as previsións non son boas nin para un partido nin para outro. A abstención a nivel estatal podería superar o 60% cando nas anteriores europeas de 2009 rozou o 45%. Non é de estrañar que PP e PSOE teman que a participación dos emigrantes co sistema de voto rogado descenda a límites históricos.