PP e PSOE válense do Parlamento galego para dar marcha atrás á lei electoral

Paula Prado defende a proposta do Parlamento no Congreso © Congreso dos Deputados

O Congreso dos Deputados aprobou a toma en consideración da proposta que o Parlamento galego lle presentou este martes para volver reformar o sistema de voto emigrante co fin de facilitar o voto en urna, pero que agora será "o punto de apoio" para tamén suprimir o voto rogado que se instaurara hai tan só dous anos. Agora, PP e PSOE -co apoio de todas as forzas políticas agás o BNG- dan marcha atrás na reforma legal que eles mesmos propuxeran e impulsaran valéndose dunha proposición da Cámara galega de hai case seis anos e que non foi presentada ata hoxe.

A proposta do Parlamento propón unha modificación dunha lei xa reformada que agora usan PP e PSOE para a 'contrarreforma' do voto emigrante

Malia que a proposta do Parlamento galego -defendida por Paula Prado (PP), Marisol Soneira (PSdeG) e Yolanda Díaz (AGE)- propón a modificación dunha normativa que xa foi reformada, os dous grandes partidos usaron esta oportunidade para dar comezo á contrarreforma da lei electoral que prevé eliminar o sistema de voto rogado, que dá maiores garantías ao exixir aos emigrantes ter que solicitar o voto por anticipado antes de poder exercer o dereito. Carmela Silva, deputada socialista no Congreso, deixou clara a intención e os motivos deste intento de marcha atrás: o enorme descenso na participación electoral da diáspora.

"Estamos abrindo o camiño para modificar unha norma que foi  un erro; a intención de quen a votou era dotar de maiores garantías ao voto emigrante xa que se producían denuncias continuadas de fraude. Pero a participación descendeu bruscamente ao aplicar a nova lei e a realidade do acontecido fai necesario reconsiderar a decisión", asegurou, tras advertir de que "se  hai que asumir unha decisión errónea, faise". O PP, a través de Alfredo Prada, recoñeceu que esta proposta da Cámara galega podía ser "o punto de apoio" para revisar as condicións de voto dos inscritos no CERA e para permitir "máis participación sen diminuír as garantías". Todo isto, "de acordo con todos os grupos".

Aquela proposta do Parlamento galego fora aprobada por unanimidade hai cinco anos e medio, nun pleno extraordinario celebrado en 2008, cando aínda gobernaban PSdeG e BNG. Os tres grupos, tamén o PPdeG, coincidiron en que era hora de que os emigrantes puidesen votar en urna. Pero tras a reclamación que agora chegou ao Congreso houbo unha reforma electoral de ámbito estatal que implantou o voto rogado. Pretendíase así evitar fraudes no Censo de Residentes Ausentes (CERA) e PP, PSOE, CiU e PNV decidiron apoiar o cambio. Tamén o BNG, que sempre reclamou un maior control do voto da diáspora. Pero pronto cambiaron algúns a súa postura.

Os dous grandes partidos, populares e socialistas, non tardaron en poñerse a negociar para recuperar o voto emigrante e eliminar o voto rogado. As razóns eran obvias para os dous: o enorme descenso na participación dos emigrantes nos distintos comicios desde que a reforma entrou en vigor en 2011. O feito de que a diáspora xa non recibise as papeletas directamente no seu domicilio provocou que o número de votantes de tornase ridículo.

A instauración do voto rogado elevou fixo descender a participación nos comicios autonómicos a menos do 4%

No caso galego, a instauración do control legal á votación no exterior fixo caer a mínimos históricos a participacion nas eleccións autónomicas de 2012. Dos 30.524 electores do CERA que solicitaran a documentación só 12.954 dun total de case 400.000 votantes rexistrados na diáspora completaron o trámite, o que supuxo unha abstención do 96,05%, sendo a metade dos sufraxios para o PP. Nos anteriores comicios autonómicos emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, sobre un 600% máis dos que o fixeran. A comparación das porcentaxes de participación tampouco deixaban lugar a dúbidas: o 3,2% de 2012 fronte ao 30,3% de 2009.

PP e PSOE levan meses traballando nunha volta atrás que permita volver ao anterior sistema

Os dous grandes partidos traballaron nunha contrarreforma que permitise volver a un antigo e criticado sistema -no que, por exemplo, os inscritos no CERA recibían na casa a documentación electoral sen comprobacións previas de identidade e sen nin sequera confirmar que o elector seguía vivo- mentres se sucedían as comparacións coas cifras electorais dun e doutro método. Pero PP e PSOE non chegaron a un acordo, que si parecía claro entre o PSdeG e o PPdeG, que sempre recelaran dunha reforma que facía descender enormemente a participación e que excluía os emigrantes das eleccións municipais.

Hai agora medio ano, o PSOE, xunto a Izquierda Plural e UPyD, propuxeron no Congreso derrogar a exixencia de voto rogado que se lle impuxera aos emigrantes coa reforma de 2011. Pero o PP rexeitouna daquela mentres non houbese unha alternativa. Este martes, todos estes partidos, xunto a CiU, Coalición Canaria ou Foro Asturias, votaron a favor da toma en consideración da proposta. Non así o BNG, que quedou só defendendo un voto rogado que dá maiores garantías e dificulta a fraude que tantas veces se deu nos comicios galegos.

O BNG queda só na defensa do voto rogado e advirte de que a proposición "pode aproveitarse para dar un paso atrás na lexislación que impide a fraude"

 

O BNG queda só na defensa da lei electoral vixente

Olaia Fernández Davila, voceira do Bloque, aclarou que a súa formación "non podía votar favorablemente" de tomar en consideración a proposta "malia ser promotora dela", xa que é unha proposición que pode "aproveitarse para dar un paso atrás na lexislación que impide a fraude" e porque foi "superada pola lei de 2011", algo no que incidiron moitos outros deputados, incluso os que a apoiaron. A portavoz do BNG dixo estar "preocupada polas razóns que teñen os grupos que agora votan a favor" e recordoulles aos parlamentarios -en especial aos que descoñecen a realidade da diáspora e os comicios autonómicos- que a normativa actual "impide a fraude". "Esa que non percibiron nin viviron como o fixemos nós, esa que permitía que votasen persoas inscritas no CERA que xa estaban mortas ou que chegaran centos de sobres coa mesma letra e a mesma dirección ás urnas", engadiu, tras lembrar que "foran estas e outras razóns as que nos levaran a contar cunha lexislación garantista como a de 2011" e logo de defender tamén o sufraxio en urna.

Non foron poucos os deputados que lle recordaron ao PP e PSOE a súa marcha atrás e o feito de que defendan agora xusto o que derrogaron hai tan só tres anos. Ana Oramas, voceira de Coalición Canaria, non dubidou en chamalos "falsos" e en lembrarlles que "xa llo advertiran". O PNV, malia aceptar que se debatese a proposta, ve "complicada" a eliminación do voto rogado ante a "escasa fiabilidade do censo" e UPyD, que defende tamén volver ao sistema anterior, reprochou que se intente "cambiar un artigo dunha lei que xa non existe". Ademais, Izquierda Plural, que xa se opuxera á reforma de 2011, preguntouse se había "galegos de dúas categorías" e censurou o "retroceso sen límites na participación" que supuxo a reforma normativa.

En canto á defensa da proposta en representación do Parlamento galego por parte das deputadas, os argumentos foron ben diferentes. Mentres Yolanda Díaz aludía á necesidade de que os cidadáns "exiliados e emigrados por falta de traballo" poidan evitar logo de que "se depuren os censos e se regule a igualdade de oportunidades nas campañas para todos os partidos", Paula Prado aludiu á importancia do elevado número de emigrantes para o Estado e "para a marca España". "Falamos de reclamar igualdade e de garantir o dereito fundamental de sufraxio activo". Pola súa banda, a socialista Marisol Soneira, como as súas compañeiras, fixo unha louvanza da achega da emigración ao país e recoñeceu que o seu partido víase obrigado a rectificar. "Neste caso, corrixir non é de sabios, senón de xustiza", rematou.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior
Paula Prado defende a proposta do Parlamento no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.