Moita cautela. É a actitude que emanou este venres dende os dous grupos da oposición parlamentaria tras a sinatura, rodeada de solemnidade da, en verbas do presidente da Xunta, "alianza estratéxica" para a construción en estaleiros galegos de catorce remolcadores -sete íntegros e sete parciais- para a petroleira mexicana Pemex. Se ben tanto PSdeG como BNG concordan en que calquera operación que implique carga de traballo para o sector naval é positiva ambas formacións avanzan con pés de la á hora de valorar un acordo cuxo texto é unha incógnita. É por iso que o secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, optou por reclamar a través do Parlamento unha copia do asinado por Alberto Núñez Feijóo e o director xeral da compañía, Juan Suárez Copell, a quen non foi posible formular pregunta ningunha no acto oficial do pasado xoves
"En principio, soa ben, pero hai que ler o acordo", di Vázquez que, no marco cunhas xornadas do seu partido sobre a pesca na Unión Europea, botou man do refraneiro para ilustrar a súa precaución. "Alí, na miña terra, hai un dito que di que cando a esmola é grande, ata o santo desconfía; e neste momento esta esmola é tan grande que fai desconfiar o santo, non?", ironizou. Retranca á marxe Pachi Vázquez coida que se os documentos reflicten "o que dixo o presidente" sería "un bo acordo" e terá "o aplauso do Partido Socialista". Pero "se houbese algunha dúbida, tamén o diremos", advirte.
Pachi Vázquez: "Cando a esmola é tan grande, ata o santo desconfía; hai que ler a letra pequena e se é bo, aplaudirémolo"
Aínda máis cauteloso se amosa o candidato do BNG á presidencia da Xunta. Francisco Jorquera arrefría a euforia presidencial por unha "noticia positiva, pero insuficiente, pois é meramente paliativa e non resolve os problemas" dun sector que, lembra, "dende o inicio da crise perdeu 9.000 postos de traballo". A encarga de Pemex, subliña, traerá consigo "como moito" uns 2.000 empregos, tendo en conta ademais que "estamos a falar de pequenos remolcadores, non de grandes petroleiros". E isto non é unha cuestión menor para Jorquera. Mentres Feijóo, de visita nunha escola infantil do Pino, mantiña que calquera estaleiro galego podería concorrer aos contratos o nacionalista non dubida que esta "carga de traballo temporal" irá parar "aos pequenos estaleiros da ría de Vigo" e non para as grandes factorías, "que non están especializadas en construír pequenos remolcadores".
Neste contexto o candidato do Bloque desbota que o anuncio da Xunta "vaia repercutir nos estaleiros públicos de Ferrolterra" porque, malia ás declaracións do presidente, "estamos a falar de construción naval civil" e sobre Navantia Fene "segue a pesar o veto da Unión Europea". Así as cousas, o aspirante nacionalista á Xunta "congratúlase" do acordo con Pemex pero fai especial fincapé en que os problemas do naval seguen vixentes. Tampouco hai nada pechado, alerta, a respecto da posibilidade de que a petroleira mexicana se estableza no porto exterior de Punta Langosteira. "Abrir negociacións non significa feito ningún, ningún compromiso tanxible". "Gustaríanos que se concretase porque sería unha boa nova" pero polo momento, di, non hai nada pechado.
Jorquera: "Estamos a falar de pequenos remolcadores, non vai repercutir nos estaleiros públicos de Ferrolterra"
Onde si se mantivo e mesmo se acrecentou a euforia do presidente foi na sede do PPdeG onde o seu voceiro, Antonio Rodríguez Miranda, non aforrou eloxios para o "mérito" de Feijóo no "histórico anuncio" do acordo con Pemex. Neste contexto, Miranda reclámalles a PSdeG e BNG que sexan "igual de rápidos celebrando publicamente esta noticia" que cando "criticaron a súa xestación -en referencia á petición de explicacións pola viaxe de Feijóo a México en marzo, sen ningunha explicación oficial previa-". "O poderío do sector anval galego é anterior á chegada de Feijóo pero sen el podería non ter cristalizado este histórico acordo", asegura o conservador.