PSdeG: un golpe que se vía vir

Leiceaga analiza os resultados na noite electoral © PSdeG

Un golpe duro pero que se vía vir. Os malos resultados do PSdeG levantan unha treboada da que só se dubidaba sobre a súa intensidade. Será importante visto o contexto e os números finais dun partido que vén de colleitar o seu peor resultado nunhas eleccións autonómicas, que nin tan sequera evitou o sorpasso á fronte da oposición e que terá que remendar as costuras internas sendo terceira forza do Parlamento e cunha batalla interna aínda máis convulsa a nivel estatal. 

Leiceaga loitou case en solitario entre as pelexas internas, as manobras á contra e a indiferenza de varios referentes do PSdeG

"Dabondo fixemos", din desde dentro voces autorizadas ao analizar os resultados. As pelexas internas polo poder e as ansias de desquite contaminaron unha campaña na que o seu candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, loitou en solitario contra os rivais da outra banda e contra a indiferenza, desmobilización e mesmo manobras á contra na súa propia formación. O malestar indisimulado tras a confirmación das listas por Ferraz e o convulso panorama que deixaron a dimisión de Gómez Besteiro e as posteriores primarias formaron un combo complexo para un PSdeG que ocupou máis espazo mediático polas súas liortas que pola construción dunha alternativa. 

Abonda con analizar os índices de participación e resultados en comarcas pachistas ou en Vigo e na súa contorna. Ás críticas constantes do ex secretario xeral Pachi Vázquez e á indiferenza total de Abel Caballero ante a campaña uniuse o desolador panorama a nivel estatal e o bloqueo no Congreso. Desde dentro asegúrase que houbo quen acadou o obxectivo: evitar a entrada de Gonzalo Caballero por Pontevedra e a de Carmen Rodríguez por Ourense, quinto e terceira da lista respectivamente e cuxo posicionamento nas listaxes fora denunciado polos críticos. O PSdeG perdeu un deputado pola provincia atlántica e dous na do interior

Os socialistas sufriron as leas internas, o desgaste político a nivel estatal e a clásica desmobilización urbana nas autonómicas

En Vigo, onde Caballero pasou do 50% dos votos nas últimas municipais, o PSdeG foi superado unha vez máis por En Marea. O alcalde obtivo 40.000 apoios máis que o seu partido hai ano e medio. O 20D, os socialistas foran terceira forza na cidade coa confluencia de esquerdas no primeiro posto; o 26X volveu ser terceira, pero co PP de primeiro. Neste domingo, volveu quedar por debaixo de populares e do seu rival no espazo progresista. 

 Ademais, os socialistas volveron sufrir unha eiva histórica da que xa advertira Xoaquín Fernández Leiceaga en campaña: a desmobilización do seu electorado nas autonómicas. Perderon case 100.000 votos en Galicia respecto do 26X e sufriron o sorpasso en todas as cidades, onde a participación caeu entre 4 e 9 puntos.

E Caballero non se agocha. Un día despois das eleccións pide "ás direccións" do partido en Compostela e Madrid que "dean explicacións" e fala duns resultados "moi malos, sen paliativos". "Se onte houbese eleccións municipais e eu me presentase, a lista que encabezase tería obtido 19 concelleiros. Teriamos subido dous. Lean ben os resultados", dixo, para a continuación presumir de que en Vigo "parouse o avance do PP", aludindo a que na cidade obtén o 34% dos votos, "doce puntos menos que a media galega". 

Caballero pide "explicacións" ás direccións estatal e galega e volve sacar peito polos seus votos en Vigo

Sexa como for, os socialistas acadaron os seus peores resultados nunhas autonómicas, empeorando, precisamente, aqueles 15 escanos que en alianza con EU acadara o propio Abel Caballero hai case dúas décadas. Agora, o sorpasso vénlle por En Marea e cun espazo á súa esquerda -a suma da confluencia e o BNG supera os socialistas en máis de 135.000 votos- cada vez máis grande. Na candidatura sabían da dificultade de que a esquerda evitase a maioría absoluta de Feijóo, pero aínda confiaban en manter o liderado na oposición. Aínda así, non lles sorprende tampouco demasiado. 

O PSdeG ve como se alarga o espazo á súa esquerda: En Marea e BNG xuntos suman 135.000 votos máis que os socialistas

"Os 14 deputados son de Xocas", insisten fontes internas para subliñar que o aspirante á Xunta loitou en solitario contra todas as circunstancias adversas, que eran moitas. Tamén as dun partido a nivel estatal dividido e enlamado na pelexa entre os que apoian a Pedro Sánchez e os que tratan por todos os medios de librarse del. Con todo, chaman á calma e advirten que Leiceaga vén de gañar unhas primarias. Saben que os focos da crise socialista han xirar máis aínda cara a Madrid. E aí haberá un tempo para lamber feridas. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.