Quen "dana" o Concello de Compostela?

Hernández, con Currás e Feijóo nun acto oficial © Concello de Santiago

Se todo vai segundo o previsto pola cúpula do PP nos primeiros días de xullo o xa ex conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, tomará posesión como alcalde de Santiago. Tres anos despois de que Gerardo Conde Roa fixese o propio para ter que deixar o posto aos nove meses por culpa da súa fraude fiscal, o número tres dos conservadores en Galicia porase á fronte dun equipo formado maioritaramente por persoas non elixidas nas eleccións e no que cando menos un nome xa figura no sumario da operación Pokémon, a mesma na que están imputados Conde Roa e o aínda alcalde, Ángel Currás. Con esta treboada perfecta de fondo Hernández está estes días inmerso nunha rolda de entrevistas nos medios de comunicación nas que sitúa o "dano" á cidade na banda da oposición municipal, formada por PSdeG e BNG.

Despois e que o futuro rexedor dese a coñecer o equipo co que pretende chegar aos comicios de 2015 o Bloque, primeiro, e os socialistas, despois, anunciaron a súa aposta por frear a operación. No caso dos nacionalistas o seu voceiro, Rubén Cela, coida que os populares están a transgredir o artigo 140 da Constitución, que estipula que os edís "seran electos pola veciñanza do municipio", valéndose para isto do "subterfuxio legal" da lei de partidos e o seu desenvolvemento. Mentres o BNG prepara o seu recurso ante os xulgados o grupo municipal socialista traballa para que a dirección nacional do PSdeG recorra ante a Xunta Electoral este "perigoso precedente", un "emprego interesado" da lei, que, en verbas de Francisco Reyes, "permitiría que nas próximas eleccións municipais os partidos poderían presentar unha lista que despois o alcalde podería substituír por outra de concelleiros escollidos a dedo".

Socialistas e nacionalistas prevén recorrer a composición do goberno, formado maioritariamente por persoas non electas

Con este pano de fondo Hernández acudiu este domingo a unha entrevista na Cadena SER, na que se amosou "sorprendido" pola "actitude da oposición". Despois dos inefables avatares vividos dende 2011 o aínda deputado consdiera que "Compostela non merece que a oposición presente un recurso contra esta decisión, porque engade unha cuestión xudicial máis á vida do Concello". Mentres se dispón a gobernar con, entre outros, un Currás duplamente imputado nas súas filas, Hernández censura que PSdeG e BNG non tivesen a "lealdade" de transmitirlle persoalmente a súa "decisión, lexítima" pero "equivocada", contra o que denomina como "intento do PP de delverlle a normalidade ao Concello".

O futuro alcalde asegura que abondou "unha mirada" de Feijóo para asumir o compromiso: "Non lle diría nunca que non"

Así as cousas, Hernández critica o que considera unha "táctica a nivel autonómico" do Bloque e un "interese de afastar os focos mediáticos da súa situación interna" no caso do PSdeG. A intención duns e doutros, acusa, non é outra que "demorar o cambio" e "en absoluto beneficia o normal funcionamento" do consistorio. Ao contrario, censura, estanlle a "producir un dano á volta á normalidade e non están a achegar nada en favor da gobernabilidade" dun Concello ao que, vén admitir, chega en última instancia por "disciplina" cara ao seu xefe de filas. "O presidente -relata- non tivo que pedirme nada", senón que abondou con "trasladarme unha mirada" para asumir que tería que ser alcalde. "Non lle diría nunca que non", asegura dende a "absoluta disciplina, ilusión e compromiso coa cidade".

Mentres esa resignación se vai estendendo tamén á máis que probable opción de que Feijóo o coloque como cartel electoral en 2015 o ex conselleiro asegura que, neste momento, o seu único obxectivo é "xestionar a cidade, devolvela á normalidade e tentar sacar adiante a meirande parte dos proxectos que poidamos". Mentres no Pazo de Raxoi o propio Currás e a súa número dous, Reyes Leis, seguen a asumir a totalidade das competencias do equipo de goberno Hernandez pídelle "reflexión" á oposición. "Podemos discrepar, mesmo é bo, pero o necesario para a cidade non é formular novos recursos", reclama.

Hernández, con Currás e Feijóo nun acto oficial © Concello de Santiago
Hernández, en rolda de prensa con Conde Roa © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.