Rajoy: "Pido comprensión e solidariedade"

Rajoy, durante o seu balance do ano 2012 © Goberno de España

"Sentamos as bases para que non volva ocorrer o que ocorreu". O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, referíase á Lei de Estabilidade Orzamentaria. Rajoy, na súa análise sobre a xestión do ano, cualificou de alicerces fundamentais á reforma laboral e a do sistema financeiro: "Sentan as bases para un crecemento estable e sustentable". Iso si, evitou responder cando o redactor de El País Carlos E. Cué lle preguntou pola súa soada foto na cola do paro cando gobernaba José Luís Rodríguez Zapatero, na que se presentaba como a solución ao paro, que agora está en cifras récord do 25%. Chegaremos ao seis millóns de parados? "Tentaremos que iso non sexa así e confiamos en que a última parte de 2013 podamos dar noticias positivas. Facer prognósticos ten pouco sentido".

"Somos conscientes de que pedimos un esforzo moi grande aos españois, pero era imprescindible se queriamos manter un sistema público en sanidade e educación", recoñeceu. "Austeridade e reformas son os dous ingredientes dunha política pensada para que se poida crecer e crear emprego. Sabemos que hai moita xente impaciente, que hai moita xente que se deixa levar por escepticismo e desesperanza, decepcionada pola falta de resultados. Entendémolo, pero estamos a facer o que é necesario. Preocúpanme as folgas. Se non o fixésemos, estariamos nunha situación moitísimo peor".

O presidente do Goberno central mantén que os recortes son "imprescindibles" para "manter un sistema público en sanidade e educación

Neste sentido, Rajoy fixo "un eloxio da sociedade española. Da súa vontade por manter o espírito de cohesión, e en particular aos funcionarios públicos e aos pensionistas, aos que non puidemos actualizar as pensións na medida en que desexaríamos. Pero esta política está a dar froitos (redución de déficit, confianza europea), o cal é un paso previo importante".

Rajoy falou das "consecuencias da crise financeira na área do euro e as evolucións na prima de risco. As nosas posicións en gobernanza, unión bancaria e converxencia fiscal están a imporse na Unión e conseguiuse algo máis de calma nos mercados". O presidente afirmou "que Europa avanzou dun discurso de só recortes ao dunha maior integración".

Iso si, Rajoy asegurou "que non hai que enganarse. Temos por diante un ano moi duro, e esperamos que empece a mellorar na segunda metade de 2013. Non estamos onde quixéramos estar, pero grazas aos sacrificios realizados non nos enfrontamos a outros maiores.

Sobre o rescate, Rajoy afirmou que "non pensamos facelo pero non descartamos facelo no futuro"

En canto a Catalunya, dixo: "Debemos apartar todo o que nos distrae da saída da crise e a creación de emprego. Toda a nosa enerxía debería centrarnos no que nos une. Non alimentarei ningunha tensión centrífuga e dialogarei todo o dialogable. Pero sei as miñas lealdades e o meu papel na defensa da Constitución".

No relativo ás fortalezas, falou "do progresivo desendebedamento, competitividade, exportacións e crer en nós mesmos. Empézanse a recoñecer os nosos esforzos. Creo en España e o seu futuro. A miña conduta vaise  acomodar ao que sirva mellor ao seu interese xeral. O que importa son os resultados, o benestar, o sinal de que imos no bo camiño. Non vou pedir paciencia nin confianza cega. Pido comprensión por aplicar unhas medidas que a ninguén gustan e solidariedade para entender que todos temos que achegar algo do sacrificio común para superar os problemas. Se facemos valer a nosa unidade como unha fortaleza, pesaremos máis en Europa e no mundo. Ese é o noso camiño, na seguridade que máis pronto que tarde sairemos desta crise".

Preguntado polo rescate, afirmou: "Non o pedimos porque pensamos que non o necesitamos. Se España e o seu Goberno o visen necesario, fariámolo. Pero non pensamos facelo pero non descartamos facelo no futuro".

Catalunya é o problema de España?

Catalunya é o problema de España? "O problema que máis afecta a España é o económico. Eu farei canto estea nas miñas mans para reconducir as cousas. O presidente da Generalitat tomou as decisións que cría importantes e a min falar paréceme moi ben. Estou disposto ao diálogo con Mas. Cando queira verme, recibireino con moito gusto. Eu nunca rompín os puntos de encontro, farei o que estea nas miñas mans para que podamos refacelos".

E flexibilizaranse os obxectivos de déficit a Catalunya? "Non. Boa parte dos nosos problemas veñen de gastar máis do que se ingresaba. Imaxínese que o fixese unha familia. Leva a crebar. Gastar por encima do que se ingresa non se pode manter moito tempo. Ese diñeiro hai que pedilo, e tal e como están os mercados non hai que pedir demasiado. O tres grandes instrumentos da política económica son: redución do déficit, reforma laboral e do sistema financeiro".

"Son un incondicional da Constitución, ás veces esquecemos o que sucedeu en España no pasado"

"Son un incondicional da Constitución", dixo, "e ás veces esquecemos o que sucedeu en España no pasado. A Constitución puxo de acordo a quen viñan do réxime anterior, do exilio e de ningunha parte. Pero con esta Constitución integrámonos na UE, España descentralizouse e progresou moitísimo. Non é algo que non se poida tocar de ningunha maneira. Modificouse despois de Maastricht e para o pacto fiscal. Para modificala necesítase saber o obxectivo, que haxa consenso tanto como en 1978 e a oportunidade. E nestes momentos o prioritario non é reformar a Constitución".

"Tomamos decisións moi duras", recoñeceu, "pero, que ocorrería se non tomásemos esas decisións en impostos e gasto público, que non figuraban no noso programa electoral. Chegariamos ao 11-11,5% de déficit, que sería insustentable. Estamos a facer un gran esforzo en recesión, o cal é máis difícil. E co financiamento moi caro. Ninguén pode dicir que o Goberno se quedou cos brazos cruzados".

E é que, segundo dixo: "Nunca se lle pediu tanto a un país, cos problemas de recesión e financiamento. E a Comisión Europea ha dito que non fan falta medidas adicionais para 2013".

No relacionado co cambio de modelo sanitario en Madrid, respondeu: "As decisións que tomou son de acordo ás súas competencias. Non creo que sexa bo que haxa persoas que non sexan atendidas como o eran en circunstancias normais. Quero que sexa universal, gratuíta e de calidade. Modelos hai de todo tipo en España, con concertos con privados. O importante é que sexa universal, gratuíta e de calidade. E creo que estes principios fundamentais están a manterse".

Que lle pareceu a mensaxe do Nadal do rei?: "O discurso que fixo o rei é o discurso do rei, e pareceume moi ben".

Rajoy, durante o seu balance do ano 2012 © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.