Quedou en nada. O goberno local da Marea Atlántica e o PSOE alcanzaran na pasada madrugada un preacordo para a aprobación dos orzamentos logo de meses de desencontros. A última hora da mañá deste xoves, o executivo municipal deuno por roto e acusou aos socialistas de incumprir o pactado. Sen agardar máis, o alcalde Xulio Ferreiro ordenou iniciar os trámites para a convocatoria dun pleno a vindeira semana na que aprobará a vinculación das contas a unha cuestión de confianza. De non saír adiante, a oposición ten un mes para mudar o goberno da cidade ou os presupostos recibirán o visto e prace automaticamente.
O goberno da Marea acusa o PSOE de anunciar publicamente que os seus proxectos sumaban 14,5 millóns fronte aos 1,5 que se pactaran
O executivo da Marea sitúa a razón principal para dar por roto o preacordo no anuncio que esta mañá fixo o concelleiro socialista, José Manuel García -ademais de en nota de prensa-, anunciando que o acordo estaba listo e que os proxectos do seu grupo incluídos nas contas sumaban un investimento de 14,5 millóns. Segundo fontes do goberno local, o pacto ao que chegaran situaba a cifra entre os 1,5 e os 2 millóns e non nos 13 máis aos que se referiu o PSOE poucas horas despois.
Ademais, o goberno local tamén aclara que o preacordo incluía a posibilidade para o PSOE de propoñer tres concelleiros para supervisar e guiar os proxectos xunta ás concelleiros do executivo municipal, pero os socialistas achegaron catro nomes.
Na nota de prensa que emitiu o grupo municipal socialista aclarábase que se alcanzara "un acordo coa Marea Atlántica que ser recollen nuns vinte proxectos que suman 14,5 millóns de euros". Desde a Marea, pola contra, insisten en que o gasto pactado non superaba os 2 millóns e que os proxectos eran o Clúster da Saúde, a Cidade da Música, o Distrito Mallos e o Apoio ao Emprendemento, Investigación e Transferencia Tecnolóxica. Con todo, e segundo fontes do executivo, sempre había posibilidades aumentar pequenas partidas pero nunca en tal cantidade, que insisten en que nunca foi aceptada nin moito menos pactada.
O executivo local asegura que propuxo tres concelleiros do PSOE para guiar os proxectos e os socialistas achegaron catro
Os nomes dos catro concelleiros que achegaba o PSOE eran Fito Ferreiro, Silvia Longueira, José Manuel García e Mar Barcón. O desta última -a ex secretaria xeral da agrupación coruñesa socialista e que dimitiu a pasada semana- era o que podía crear máis polémica, pero desde o goberno local nada se dixo expresamente sobre a ex-voceira do grupo. O que si saben, tanto no grupo de goberno como no socialista, é que dificilmente as bases da Marea Atlántica ratificarían en asemblea un acordo que incluíse unha edil con tan senlleiro protagonismo nos gobernos de Francisco Vázquez na cidade.
Florencio Cardador, presidente da xestora da agrupación socialista, di estar disposto a que o PSOE volva negociar en calquera momento e pídelle á Marea que aclare que persoas non poden ser propostas para guiar os proxectos dos orzamentos.
A inclusión de Barcón, que non é aceptada polas bases da Marea, supoñía un atranco máis
Ante esta situación, Xulio Ferreiro decidiu acudir ao que se pode denominar como o botón vermello da política local. O artigo 197 da actual lei electoral outorga ás alcaldías a posibilidade de formular unha cuestión de confianza, isto é, de propiciar unha votación en pleno sobre a continuidade ou non do goberno ligada á aprobación de catro tipos de asuntos, un deles os orzamentos xerais do concello. Será o que faga o alcalde, como fixera o seu homólogo en Pontevedra non hai moito. A Marea Atlántica, nas redes sociais, advertiu que "A Coruña non pode seguir agardando a que o PSOE amañe as súas cuestións internas" logo de censurar que os socialistas "amenceran rachando o pactado e non respectando as liñas do que faltaba por acordar".