Rubalcaba insta a Galicia a elixir "entre un presidente e alguén que aplique os recortes de Rajoy"

Rubalcaba e Vázquez, en Cerceda CC-BY-NC-SA PSdeG

Na campaña autonómica de 2009 o PP de Alberto Núñez Feijóo botou man de Mariano Rajoy en innumerables ocasións. Mentres o candidato á Presidencia da Xunta centraba os focos o daquela líder da oposición no Estado percorría pequenas vilas, acompañado aos líderes locais e pedindo o voto para o seu aspirante. Tres anos despois os conservadores dosifican a presenza de Rajoy e, pola contra, os socialistas multiplican a participación do secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, que este venres se lanzou a “patear” o país para resumir a alternativa que, ao seu xuízo, existe o 21 de outubro: “elixir entre un presidente dos galegos, Pachi Vázquez e alguén que aplique os recortes de Rajoy”.

Rubalcaba insta a elixir "entre un presidente dos galegos e alguén que aplique os recortes de Rajoy"

En tres actos de pequena dimensión, en recintos reducidos e micrófono en man, Rubalcaba centrou a mensaxe en Rajoy porque, asegura, el e mais Feijóo “van xuntos” e dicir o contrario sería “dicirlle á xente que é parva” pero, “alguén pensa que Feijóo non é o monaguillo de Rajoy?”, pregúntase. Neste contexto é no que o líder do PSOE le tamén as eleccións galegas en clave estatal: o 21-O pode ser o primeiro “basta xa” a un PP que, censura, segue a “mentir” e “ocultar”, a comezar polos recortes de pensións. “Quere vostede dicirlles aos pensionistas galegos se lles vai vostede a actualizar ou non a pensión?” O Goberno central “débelles” unha suba do 2,3%, a do custo da vida. “e non o vai facer”, asegura.

“O programa máis curto do mundo”

Nas súas tres intervencións, en Cerceda, Vilalba e Silleda, Rubalcaba apostou por cederlle o protagonismo ao candidato, Pachi Vázquez. Sensiblemente máis cómodo nas distancias curtas que nos mitins ao uso o cabeza de cartel do PSdeG amosoulles aos seus simpatizantes o “programa máis curto do mundo”, de só “catro palabras: emprego, sanidade, educación e dependencia”, resume.

"Os pensionistas non van pagar os medicamentos, ímosllelos cobrar aos que nos meteron na crise", di Vázquez

“Galicia está mal pero non ten por que estar así”, di Vázquez. “Todo o mundo sabe que van recortar as pensións, que aos enfermos de diálise lles van cobrar as ambulancias, pero non ten que ser así”. Non será, afirma, se á Xunta chega un “goberno de progreso con maioría socialista”, que “en vez de gravarlles aos pensionistas”, aplique “impostos á banca, que é a xente que nos meteu neste lío”. Por esa vía, di, poderíanse recadar 52 millóns ao ano. Do mesmo xeito, “atrévome a dicirvos que lle digades a todos: se ganamos nós, non van pagar os medicamentos, porque llelos imos cobrar aos que nos meteron na crise”.

Impostos ás grandes áreas comerciais ou tributos “verdes” son outras das propostas que, explica Pachi Vázquez, manterá durante unha campaña na que “non lle vou contar unha mentira a ninguén”. Porque “só hai unha cousa peor que perder unhas eleccións: gañalas e que te insulten pola rúa por enganar a todos”. “Xa non queren traer a Rajoy, como van querer?”, ironiza.

 

Rubalcaba e Vázquez, en Cerceda CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.