Rubalcaba pide a dimisión de Rajoy na sesión de control ao Goberno

Alfredo Pérez Rubalcaba no Congreso © PSOE

O mesmo día que se coñeceu que o PP lle seguiu pagando a liquidación ao seu ex tesoureiro Luís Bárcenas até decembro, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, tivo que volver responder á oposición na sesión de control sobre corrupción. "Como pensa abordar a crise política que atravesa España?", preguntoulle o portavoz socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba. "Gobernando", espetoulle Rajoy. "Con transparencia e reformas".  O socialista insistiu: "No ano que leva gobernando rompeu consensos básicos en España, no traballo, a sanidade, a educación. De nada disto falou nas eleccións xerais. Non ten autonomía política para facer nada, rompeu as regras da convivencia entre os españois e a crise política está servida. Non está en condicións de abordala, pola ruptura dos consensos sociais e a falta de reacción ante a corrupción. Pídolle que renuncie, que o deixe, que dimita porque é o mellor para España e os españois".

Rubalcaba: "Pídolle que renuncie, que o deixe, que dimita porque é o mellor para España e os españois"

Rajoy, na súa réplica, aludiu á herdanza socialista e aos vellos casos de corrupción socialistas: "Como o obrigan a facer estas papeletas. Aquí hai un Goberno maioritario que está a afrontar a maior crise económica e estamos a tomar decisións importantes. E en todo o que pasa, vostede non ten nada que ver, claro. Temos outro problema importante, que é o paro, e vostede e o seu Goberno, tampouco teñen que ver con esta situación. Non vou mencionar a ningunha persoa que están sentadas enfronte de min: faga o mesmo exercicio de transparencia que fixen eu coas contas do seu partido e de vostede. E cando a faga, se cadra ten autoridade moral para dicir algo".

Na mesma liña preguntáralle previamente a portavoz de UPyD, Rosa Díez: "Nunca neguei que a corrupción sexa un grave problema", dixo Rajoy: "Outra cousa é que me pareza responsable estender o manto da sospeita a todos. En política hai xente honrada que asume as súas responsabilidades públicas con altos custos persoais e familiares. O que non se pode é xeneralizar". "O que non é responsable é non asumir que é o maior problema da nosa democracia", replicoulle Rosa Díez. "O problema é quen a oculta, minimiza e pacta non falar dela nos debates en televisión. O problema é ocultala e non combatela con leis para que se saiban as contas dos políticos e os partidos e que sexa delito o financiamento ilegal e unha lei de transparencia que afecte á Casa Real e a todo o que reciba fondos públicos. Entón, os cidadáns crerán en nós".

Rajoy: "Se alguén presentou medidas e foi pioneira na loita contra a corrupción, foi nosa forza"

O presidente respondeu sacando peito: "O mellor argumento de que estamos a loitar contra a corrupción son as normas que aprobamos. Hai novas obrigas de transparencia, hai límites para as doazóns dos partidos, reformamos o Código Penal, presentamos unha lei de Transparencia, excelente antídoto contra a corrupción, encargamos propostas de medidas, e anúnciolle que a lei de Transparencia debe afectar os partidos políticos. Se alguén presentou medidas e foi pioneira na loita contra a corrupción, foi nosa forza".

Alfredo Pérez Rubalcaba no Congreso © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.