Rueda gábase da "unidade" do PP mentres se ve obrigado a intervir en Santiago e Ames

Rueda, con Prado e outros dirixentes do PP © PPdeG

As augas seguen a baixar revoltas no PPdeG. Ao contrario do que cabería esperar no terceiro día despois do congreso previsto como unha cerimonia de aclamación a Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral do partido e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, viuse forzado a intervir na mestura de imputacións xudiciais e enfrontamentos internos que arde en Compostela e tamén en Ames, concello próximo á capital no que o conflito está unicamente motivado por leas intestinas. Despois de que, a última hora do martes, saltase á luz que o alcalde compostelán, Ángel Currás, é chamado a declarar como imputado noutro caso ademais de no Pokémon -desta volta, pola denuncia dun policía local- Rueda revelaba a súa intención de falar co rexedor este mesmo mércores. Quere coñecer "exactamente os termos" da imputación "e a súa valoración" ao respecto.

Fronte á pechada defensa de Currás realizada polo propio Feijóo en pasadas semanas, o número dous do presidente semella medir agora moito as súas mostras de confianza cara ao sucesor de Gerardo Conde Roa. A posibilidade de que esta imputación estea vinculada co caso Espadas -o ex edil do PP de Santiago interceptado durmido ao volante do seu vehículo a altas horas da noite- non fai máis que avivar o lume, máis aínda despois do ascenso á portavocía do PPdeG de Paula Prado, principal opositora interna ao alcalde.

Rueda falará con Currás para coñecer "exactamente os termos" da súa segunda imputación xudicial 

 Neste marasmo Alfonso Rueda admite que lle gustaría  que "ningunha destas imputacións se producisen" e, unha vez escoitadas as explicacións de Currás, aplicarase a máxima de que "os órganos do partido examinen a actuación xudicial". Non haberá unha "dimisión automática" do alcalde porque sería "incoherente" co xeito de proceder do partido, di, nun  contexto no que non cabe "equiparar imputación e culpabilidade nin pensar que todas as imputacións teñen a mesma gravidade". 

Así as cousas, Rueda non aclara se a cúpula conservadora se decantará por forzar a marcha de Currás e fai o propio cando é cuestionado polo momento en que se resolverá a acumulación de cargos de Prado, que actualmente é concelleira, deputada e voceira do partido. "A decisión será tomada nun prazo de tempo curto", asegura. En todo caso, nega que as "tensións" existentes no grupo municipal de Compostela se vaian "aliviar" se Prado deixa o consistorio. Nesta liña, envía o enésimo recado aos seus compañeiros de Santiago: "o que hai que facer é gobernar para os cidadáns e dedicarlle o menor tempo posible, ou ningún, a discutir entre as persoas", advirte.

A "unidade" como "imaxe de marca"

A mensaxe oficial do partido incide na "unidade" mentres en Ames os edís populares deixan o alcalde en minoría

Malia ter todas estas frontes abertas a mensaxe oficial do PP é que a intención dos seus dirixentes é "protexer a unidade interna que é a súa imaxe de marca dende sempre". Así o asegura a formación conservadora nun comunicado remitido aos medios, no que ademais atribúe a Rueda a explicación de que "os populares non consentirán que a unidade, a cohesión interna e, en suma, o traballar unidos por un proxecto común, que sempre caracterizou o partido, se vexa comprometida por diferenzas particulares".

Con estas afirmacións o partido non terza na guerra aberta dos seus edís en Santiago, senón en Ames, onde catro dos concelleiros críticos co alcalde, Santiago Amor, abandonaron as súas áreas de goberno este martes despois de deixar o rexedor en minoría no último pleno -a corporación ten 21 edís e o PP logrou 11 actas nas eleccións-. Os díscolos de Ames serán obxecto dun "expediente" por "rebelárense" e, aínda que descartan tombar o alcalde, resta saber cal será o seu papel de agora en diante. En todo caso, os populares reafírmanse na súa mensaxe oficial: "o PPdeG seguirase caracterizando por manter a unidade" fronte "a outros partidos que acostuman a protagonizar loitas internas".

Rueda, con Prado e outros dirixentes do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.