Rueda parapeta a Paula Prado, que segue en silencio

Prado (dereita), nunha imaxe tirada do vídeo da xuntanza distribuído polo PP CC-BY-SA Praza Pública

"Xa falou o secretario xeral". Xa transcorreu un mes e medio desde que a xuíza Pilar de Lara ergueu o segredo sobre o informe no que Vixilancia Aduaneira relata, ao longo de case 120 páxinas, as presuntas implicacións da voceira do PP, Paula Prado, nunha suposta arañeira de enchufes e irregularidades no marco do caso Pokémon, na que compareceu como testemuña. Dende aquela a voceira non volveu exercer de tal e, á marxe das intervencións no Parlamento, só se dirixiu á prensa nunha ocasión, por escrito e para deslizar críticas sobre a maxistrada. Este martes Prado tivo que estar ao carón dos xornalistas pero non compareceu, limitándose á devandita referencia ao número dous do partido, Alfonso Rueda, quen optou por parapetala.

A considerada número tres do partido que sustenta o Goberno galego participou nunha xuntanza que serviu para facer público os plans dos conservadores para a campaña das europeas, que comeza este venres. Na quenda para a prensa gráfica Prado sentou á mesa co propio Rueda, cos candidatos galegos da lista do partido, Francisco Millán Mon e Carmen Pardo, e co vicesecretario xeral e conselleiro Agustín Hernández. Cando chegou o momento de comparecer Rueda púxose ante a prensa flanqueado polos candidatos mentres que Prado optou por quedar por tras das cámaras, evitando así as preguntas directas, que foron para o tamén vicepresidente da Xunta.

Prado permaneceu tras as cámaras durante a intervención de Rueda, que asegura que a voceira participará "en moitos actos" da campaña europea, que ela dirixe

Dado o mutismo da voceira, a pregunta semellaba obrigada: Participará Paula Prado na campaña que ela mesma dirixe? "Imos participar todos en todos os sitios nos que se poida estar", respondeu, nun contexto no que "a voceira, como responsable, tivo moito traballo e intervención" no deseño da campaña. "Outra cousa é que me toque a min expoñelo como secretario do partido", pero Prado "tivo moita intervención e agardo que a siga tendo na campaña". "Xa verán -engadiu- como a verán en moitos actos de campaña igual que a todos nós, é unha obriga de ir onde se nos chame", sinalou.

Pero, é compatible ser voceira e non falarlle á prensa en case dous meses? Prado xa "emitiu un comunicado que creo que aclaraba moitas cousas e dende entón seguiu traballando", defendeu. Malia ao carácter rechamante da situación o número dous de Alberto Núñez Feijóo declárase "moi satisfeito do traballo que fixo para hoxe poder presentar a completa axenda que presentamos", a cal inclúe actos en Galicia con Mariano Rajoy, Miguel Arias Cañete, Soraya Sáenz de Santamaría e Esteban González Pons. Ao remate da explicación de Rueda os informadores aínda tentaron arrincarlle algunha verba á protagonista silente, que se limitou a constatar que Rueda xa falara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.