Rueda tenta pór orde no PP de Santiago e pide a fin das "liortas"

Rueda, nun acto de partido © PPdeG

O incendio arde dende hai meses e Alfonso Rueda tenta actuar como bombeiro. A división do goberno do Concello de Santiago e do PP da cidade, un segredo a voces dende a dimisión de Gerardo Conde Roa, pasou a ser pública e notoria a partir da imputación do alcalde, Ángel Currás, como presunto implicado no caso Pokémon. Currás semella contar co apoio de só catro dos seus doce concelleiros e o número dous de Alberto Núñez Feijóo -quen aínda se descoñece se seguirá sendo secretario xeral do partido despois desta fin de semana- pide a fin das "liortas".

Os enfrontamentos deben quedar de lado e cómpre traballar "con máis obxectividade ca nunca", reclamou Rueda este venres a preguntas dos xornalistas, aos que lles explicou ademais que "o que lles temos dito a todos eles", en referencia aos seus edís en Santiago, é que desenvolvan o seu labor con "unidade e concentración", centrados na problemática da veciñanza da capital. "Agardo que se cumpra", di o tamén vicepresidente da Xunta, quen tamén ten outro lume que apagar en Ames, onde o alcalde do PP quedou en minoría no pleno municipal ao ausentárense 6 dos seus 11 edís. "Algunha medida hai que tomar", evidencia.

Baltar veta a a investigación e ameaza con denuncias

Mentres Alfonso Rueda debullaba os seus intentos de poñer orde no galiñeiro compostelán en Ourense o presidente da Deputación, Manuel Baltar, axitaba a outra fronte aberta do PP galego, os máis de 100 contratos presuntamente irregulares formalizados polo seu pai, José Luis Baltar, en vésperas do congreso da formación en 2010. No pleno da corporación provincial votábase a proposta socialista de abrir unha investigación sobre esa contratacións e a maioría absoluta dos conservadores vetouna. Ademais do bloqueo, Baltar deixou na sesión unha advertencia a navegantes en forma de ameaza de denuncias.

Baltar ameaza con denunciar a quen atente "contra a honra e a integridade" da Deputación de Ourense

Antes da votación o fillo do suposto principal implicado no caso asegurou que vai emprender accións "legais", "penais ou civís" ou mesmo "as dúas xuntas" contra toda persoa que critique a súa xestión neste particualr. El, di, ten a "obriga de defender " a unha "institución de todos" e por iso denunciará a quen atente contra a "honra e a integridade" do organismo provincial.

Este é o pano de fondo co que o PPdeG inicia o vindeiro sábado o seu congreso autonómico, que se celebrará en Lugo. O que estaba destinado a ser unha caste de nova celebración da vitoria electoral do 21-O ten agora sobre del a sombra non só do conflito de Santiago e do caso Baltar, senón tamén do estourido do escándalo das contas suízas do ex tesoureiro estatal do PP, Luis Bárcenas. Neste contexto, Mariano Rajoy non acudirá ao cónclave, senón que envía á súa secretaria xeral, María Dolores de Cospedal.

Rueda, nun acto de partido © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.