Sánchez garante que o PSOE nunca "porá en perigo" os gobernos municipais das mareas

Pedro Sánchez, con varias veciñas na Coruña © PSOE

Pedro Sánchez deuse na Coruña un baño de masas. O secretario xeral do PSOE trasladouse a Galicia para se xuntar coa militancia coruñesa e aproveitou tamén para visitar a praza de Lugo, lugar habitual dos paseos políticos, onde foi abordado en numerosas ocasións polas peixeiras e clientas para seflies, bicos e fotos nas que o líder do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, chegou a facer de improvisado fotógrafo. Entre algún berro de "valente!", "guapo" e tímidas queixas -"hai que roubar menos" oíuse mentres atendía á prensa-, o aspirante á presidencia do Goberno central lanzou mensaxes a En Marea e aos galegos, prometendo unha "axenda" para o país no caso de "formar goberno en España" e asegurando que os socialistas nunca porán "en perigo" os gobernos das mareas.

Sánchez promete unha "axenda galega" no caso de formar goberno para que "Galicia teña o que se merece"

"Quero trasladar a todos os galegos que se o PSOE forma goberno en España, vai facer todo o posibe para que Galicia teña o que se merece", dixo Sánchez, que prometeu unha "axenda galega" na que incluíu "revisar" -que non suprimir nin eliminar- "a prórroga da concesións de ENCE, a aposta polo sector lácteo e por un sector pesqueiro que merece recoñecemento e peso porque moitas familias dependen das cotas pesqueiras". Ademais, comprometeuse a "poñer en marcha todas as medidas de emerxencia social para frear a pobreza e a desigualdade que tamén sofren moitos galegos". 

O líder do PSOE insistiu en considerar o 2016 un "ano decisivo" porque "pode supoñer o cambio na Moncloa e na Xunta". "Para iso traballamos porque os socialistas van apostar sempre polo cambio", advertiu Sánchez, que asegurou que o feito de que Podemos non apoiase a súa investidura tras o pacto do seu partido con Ciudadanos "nunca porá en perigo" os gobernos municipais das mareas aos que o PSdeG deu o seu apoio. "Os alcaldes vinculados a En Marea ou a outras candidaturas achegadas a Podemos poden estar tranquilos e seguros de que o PSOE non vai frear o cambio", insistiu antes de pedirlle ao líder da formación morada "que faga caso a Carmena e Jiménez Villarejo, persoas de esquerdas que piden a fin dos vetos". 

Sánchez augura "cambio" no Goberno central e na Xunta: "O PSOE non o vai frear", afirma

Pedro Sánchez volveu tender a man a Podemos e Pablo Iglesias, pero deixou claro tamén que non aspira nin quere "un goberno só de esquerdas porque non suma". Así, apostou por un executivo "de cambio e transversalidade", no que inclúe a Ciudadanos e á formación morada, e "con independentes de recoñecido prestixio comprometidos coa loita contra a desigualdade, a fin da corrupción e a creación de emprego con dereitos". 

Respecto á posibilidade de que Iglesias ocupe unha vicepresidencia, Sánchez di "non pecharse a nada", pero sempre que sexa "un goberno transversal", aínda que evitou responder se xa comentara con Albert Rivera a posibilidade de que Podemos entrase nun goberno a tres. "O bloque de esquerdas non suma, xa me gustaría a min formar un goberno de esquerdas só, pero os españois queren gobernos transversais, de mestizaxe ideolóxica", engadiu.

O líder do PSOE renuncia a "un goberno só de esquerdas" e tende a man a Podemos para "un executivo transversal" xunto a Ciudadanos 

Ademais, Sánchez engadiu un argumento máis a favor dese hipotético executivo a tres: a xeracional. "Rivera, Iglesias e eu compartimos a mesma ambición xeracional e hai moita xente ova que quere un goberno de cambio", dixo quen pediu "non desaproveitar esta oportunidade". "Non repitamos eleccións e poñamos fin ao goberno de Rajoy; esa debe ser a única liña vermella das forzas do cambio e esta debe ser a última semana do PP no poder", rematou antes de advertir estar diposto a "pasar páxina" e a "non entrar en descualificacións". 

Sánchez, acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Besteiro ou o voceiro do PSOE no Concello da Coruña, José Manuel Dapena, mantivo unha xuntanza co reitor da Universidade da Coruña antes de reunirse coa militancia. Preguntado por se a dirección do PSdeG era a mellor para afrontar as eleccións autonómicas en Galicia, o líder do PSOE respondeu cun lacónico "si". E despediuse non sen antes recibir os consellos dalgunha outra peixeira e clienta. "Non te rendas", dixéronlle, mentres seguía a atender a todas as peticións para fotos e bicos. Como unha estrela da música calquera. 

Pachi Vázquez volveu cargar contra Besteiro: "Se estás imputado e es amigo de Sánchez, non pasa nada"

Mentres, o ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, volveu cargar contra Sánchez e Besteiro nas redes sociais. "Se estás imputado e es amigo de Sánchez, non pasa nada", asegurou na súa conta de Twitter o ex dirixente socialista, cuxas críticas á dirección galega veñen sendo habituais nos últimos tempos. Ademais, criticou as dúas "varas de medir" nos partidos "á hora de valorar os seus problemas e os doutros". Feijóo aproveitou para asegurar que está "de acordo" coas palabras de Vázquez. 

Pedro Sánchez, cunha peixeira na Coruña © PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.