Pedro Sánchez amosa a súa fortaleza. A súa candidatura ao liderado do PSOE vence claramente na recollida de avais en Galicia e queda a apenas 6.273 sinaturas válidas das acadadas por Susana Díaz en todo o Estado, segundo o reconto oficial e a verificación finalizada este venres. O ex-secretario xeral do partido deu un golpe na mesa. Sen o apoio do aparato, a elevada mobilización da militancia fortaleceu a presidenta da Junta de Andalucía pero deixou tamén claras as enormes posibilidades do ex-candidato á Moncloa, así como as nulas do ex-lehendakari Patxi López.
Pedro Sánchez supera nun milleiro de avais a Susana Díaz en Galicia
Sánchez supera en máis de 1.000 os avais de Susana Díaz en Galicia e vence en todas as provincias, tamén na de Pontevedra, feudo de Abel Caballero e Carmela Silva, principais defensores da dirixente andaluza e críticos co ex-líder socialista. Mesmo en Ourense, onde o ex-conselleiro Pachi Vázquez deixou claras as súas preferencias cara á dirixente andaluza, o resultado foi moi axustado pero favorable ao ex-secretario xeral.
Sánchez tería superado as 4.000 sinaturas mentres que Susana Díaz quedou a pouco das 3.000. Patxi López, pola súa banda, roldou as 800, segundo os datos que ofrecen as candidaturas. O ex-líder do PSOE practicamente dobrou en avais á dirixente andaluza nas provincias da Coruña (1.400 por 700) e de Lugo (900 fronte a algo máis de 400). En Pontevedra e Ourense foi onde a disputa estivo máis apertada, cunha diferenza de arredor dun cento de apoios en cada territorio ( sobre 1.100 para o madrileño e un milleiro para a sevillana na provincia atlántica e 800 fronte a 700 na do interior).
Pedro Sánchez recolleu o dobre de avais de Díaz nas provincias de Lugo e da Coruña
Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP, limitouse a asegurar este venres que "Susana [Díaz] arrasou, literalmente na primeira agrupación de Galicia e nunha das máis importantes de España", en referencia á local da súa cidade, e que os avais dos militantes da urbe foron "maioritariamente" para a dirixente andaluza. "No resto de Galicia haberá que preguntar a outros dirixentes”, engadiu.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso pediu“cultura democrática” e advertiu que as primarias “non poden converterse nun proceso de autodestrución”. En declaracións a Radio Galicia, pediu non incrementar a tensión no PSdeG a “límites que non se deberían” e demostrar "sentido común".
"As primarias non poden converterse nun proceso de autodestrución", advirte González Formoso
Cunha participación de arredor do 65% -achegada ao importante 70% que se deu a nivel estatal-, a militancia galega deulle o seu apoio ao antigo aspirante á presidencia do Goberno central, candidato de boa parte do PSdeG que apostou por Xoaquín Fernández Leiceaga para aspirar á Xunta fronte a José Luis Méndez Romeu, entre eles Pilar Cancela, presidenta da xestora provisional dos socialistas galegos e estreita colaboradora de Sánchez.
Susana Díaz presentou 59.390 avais válidos, fronte aos 53.117 de Sánchez e os 10.866 de López
No cómputo global en toda España, Susana Díaz presentou finalmente 59.390 sinaturas de apoio válidas; Sánchez, 53.117; e Patxi López, que superou o corte, 10.866. Para poder optar á secretaría xeral, abondaba con superar os 9.368 avais, pero a participación foi tal que se superou en máis de 15.000 persoas a todos os participantes nas primarias celebradas en 2014 e nas que o ex-aspirante á Moncloa vencera co apoio inestimable da presidenta andaluza. Logo sería obrigado a dimitir logo de obter os peores resultados socialistas nunhas eleccións xerais tras a irrupción de Podemos e as súas confluencias.
Ao final, o número de avais invalidados -por non pertencer a militantes ou ter erros nos datos- foi semellante en ambos os dous principais aspirantes a liderar o PSOE. Sánchez presentou 4.407 sinaturas non válidas e Díaz, 4.635, desbotándose así as acusasións de irregulares que saíran do equipo da aspirante andaluza. En total, houbo 123.373 avais en regra dun total de case 188.000 militantes do PSOE no censo.
Sánchez superou con claridade en número de avais a Díaz en Galicia, pero moito máis aínda noutras comunidades do norte e do leste peninsular. O ex-líder socialista arrasa en Navarra, Cantabria, Comunitat Valenciana, Asturias, Balears ou Castilla y León, mesmo en territorios onde baróns e presidentes autonómicos deron o seu apoio á líder andaluza, como no caso valenciano con Ximo Puig ou o asturiano de Javier Fernández, presidente da xestora aliñada coa dirixente da Junta. Gañou en 11 autonomías fronte as 6 de Díaz.
En Catalunya, celeiro de votos para o PSOE, Sánchez multiplica por sete os apoios de Susana Díaz, mentres que en Euskadi, o ex-lehendakari López vence a ambos e a presidenta andaluza acada un escaso 2%. É en Castilla-La Mancha e en Aragón -presididos por dous ferventes apoios da aspirante sevillana, Emiliano García-Page e Javier Lambán- onde Díaz acumula máis avais que os rivais, á marxe de Andalucía, onde o apoio colleitado é moi maioritario, ou Extremadura.
López di 'non' á proposta de Sáchez para que se integre na súa candidatura
Vistos os resultados, Pedro Sánchez emprazou este venrs a Patxi López a sumar forzas contra Susana Díaz. Nun acto en Alcalá de los Gazules (Cádiz), anunciou que incorporaría varias das propostas do ex-lehendakari como propias, con independencia da súa resposta, que axiña foi negativa desde o equipo do aspirante vasco.
"Con toda humilidae e respecto, para min e para nós, sería unha honra e un orgullo compartir camiño para facer do PSOE un partido de esquerda, coherente e aberto", advertiu Sánchez, que lle pediu a López "camiñar xuntos até o 21 de maio". O equipo do ex-presidente vasco recoñece que serán moitas as voces que lle pidan unirse á candidatura e a non seguir até o 21 de maio pola apelación ao voto útil que se vai producir e que pode minguar aínda máis os seus apoios. No entanto, asegura que Sánchez non se dirixiu a eles para facerlles "ningunha oferta" e que a súa "intención é seguir ata o final" da competición pola secretaría xeral.
Susana Díaz carga contra a intención de Sánchez: "Hai quen está contento con ser segundo e xa é a terceira vez"
Horas despois de coñecerse os datos da recollida de avais, López cancelou a súa axenda: aprazou unha entrevista e un acto que tiña previsto en Galicia, a onde non acudirá polo momento. O encontro con militantes da Coruña estaba previsto para as sete da tarde deste venres. En comparecencia de prensa, á mesma hora que tiña previsto estar no país, o aspirante vasco advertiu que a súa candidatura "non se podía retirar" "Presentámonos para defender a undiade do partido", dixo, ademais de rexeitar "a batalla da división suicida". "Temos que parar este enrontamento, temos que salvar o PSOE", engadiu.
Mentres, Susana Díaz criticata os intentos de "confluencia" por parte de Pedro Sánchez e cargaba con dureza contra el: "Hai quen está contento con ser segundo e xa é a terceira vez". Tamén Caballero denunciou a actitude do aspirante madrileño polo seu "cambio de opinión" e por querer "pactar" con López "á marxe dos militantes".