O Goberno galego desenvolveu na primeira xornada da campaña electoral unha intensa axenda de promoción dos seus logros políticos, actuacións prohibidas pola lexislación electoral
A lexislación electoral prohibe a todas as administracións realizar actos ou propaganda de logros políticos desde o momento en que se convocan unhas eleccións, sexan xerais, autonómicas ou locais. Esa prohibición está en vigor desde o 6 de outubro e xa supuxo apercibimentos da Xunta Electoral ao Goberno galego, pero este incluso redobrou ese tipo de actuacións este venres, na primeira xornada da campaña electoral propiamente dita. Anuncios de investimentos, visitas a obras ou publicidade da entrega de axudas directas ocuparon boa parte da axenda pública oficial da Xunta.
Na Coruña a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou con chaleco reflectante a carón das obras do novo complexo hospitalario a licitación por 1,5 millóns de euros de traballos de mellora do acceso peonil a ese centro sanitario. A conselleira tamén tiña previsto visitar na tarde deste mesmo venres actuacións na estrada AC-542 en Abegondo e na AC-171 en Bergondo.
En Laza foi o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o que visitou obras rematadas de mellora da OU-112.
A Salvaterra de Miño desprazouse o conselleiro de Cultura, José López Campos, para anunciar a adxudicación de obras de restauración dunha ponte por 200.000 euros. E o mesmo conselleiro publicitou en Tomiño que a Xunta xa entregou este ano o denominado Bono Emancípate a 1.366 mozos e mozas.
Tamén axudas directas divulgou a delegada da Xunta na Coruña en Vilasantar, onde anunciou que ese concello e o de Vilarmaior contarán con casas niño grazas a achegas do Goberno galego por 121.000 euros.