Sanidade corrixe a Feijóo e di que a falecida nas urxencias de Vigo tivo "atención correcta"

Mosquera, nun intre da comparecencia © Xoán Crespo

O pasado xoves ao presidente da Xunta tocáballe responder ante a prensa do falecemento dunha muller de 81 anos mentres agardaba ser atendida no servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo. Ante a prensa Alberto Núñez Feijóo anunciaba unha investigación ao respecto e deixaba caer a necesidade de indagar "se houbo un erro no diagnóstico previo" da doente e, polo tanto, "se se puido evitar o desenlace", isto é, o falecemento. Os grupos da oposición e os colectivos en defensa da sanidade pública consideraron "inaceptable" que o presidente "culpe os profesionais" do acontecido. Menos dunha semana despois, a conselleira de Sanidade emenda o discurso oficial.

"Tivo a señora unha atención absolutamente correcta", afirmou a conselleira Rocío Mosquera no Parlamento, onde compareceu para explicar as liñas de actuación do seu departamento para a lexislatura. Segundo a máxima responsable da sanidade pública galega no hospital vigués aplicáronse os "sistemas de clasificación e avaliación de pacientes dunha maneira correcta" e, polo tanto, non cabe cuestionamento ao respecto. Para Mosquera as críticas da oposición son un xeito de "utilizar a morte dunha paciente con saña" e "o único que están é poñendo en entredito a actuación dos profesionais, cousa que non é correcta".

"Quen utiliza os profesionais como escudo humano é o señor Feijóo", retrucou dende o BNG Carlos Aymerich. O presidente, reprocha, "bótalles a culpa" aos profesionais cando non é súa, senón "da mala xestión da consellería, da falta de protocolos e dun sistema adecuado". "Os que utilizan unha morte como carniza son vostedes", subliñou, en referencia ao PP, ao que acusa de "asumir que os recortes poden producir mortes, pero asumen o risco e tiran para adiante". 

"Quen utiliza os profesionais como escudo humano é o señor Feijóo"

"Non utilizamos as mortes, preguntamos por esas mortes que se producen nun contexto de recortes", abondou a voceira socialista, Carmen Acuña. Eses mesmos recortes "estanos a denunciar os profesionais que traballan neses servizos, alarmados polo que está a pasar". Ademais, engadiu Eva Solla dende AGE, a imaxe de doentes agardando nos corredores hospitalarios a seren atendidos non é algo excepcional, senón unha situación que se repite a diario. 

Fronte ao ton conciliador da conselleira, a artillería grosa púxoa dende o PP Miguel Santalices, para quen a oposición exerce o "carroñeirismo político" nesta cuestión. PSdeG, AGE e BNG, acusa, fai unha "utilización perigosa e demagóxica" do falecemento da paciente Vigo, no que "entraron a degüello". Santalices, que lembra que no tempo do bipartito socialistas e nacionalistas atribuían as saturacións das urxencias "á actitude dos médicos", tensou un debate que despois, ao remate, tentou aplacar a propia conselleira ofrecendo un "pacto pola sanidade de Galicia".

Mosquera, nun intre do pleno © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.