Colapso. É a palabra máis repetida nos últimos días ao falar da situación do Servizo Galego de Saúde, moi especialmente dos servizos de urxencias dos grandes hospitais. Persoal e doentes falan abertamente de "caos" e ollan cara á Xunta en xeral e cara ao Servizo Galego de Saúde en particular para esixir responsabilidades. Non debera ser posible, exemplifican, que haxa pacientes a agardar durantes horas nos corredores mentres camas hospitalarias permanecen pechadas. Neste contexto o presidente, Alberto Núñez Feijóo, deu eu pedir "desculpas" a pasada semana e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, foi nas últimas horas un chisco máis alá ao considerar que a poboación ten tamén a súa parte de "responsabilidade" no colapso, obviando, por exemplo, o recorte de máis de 1.400 profesionais no Sergas dende 2009.
En xaneiro de 2009, dous meses antes do retorno do PP ao poder, o Sergas contaba con algo máis de 35.000 traballadores e traballadoras, segundo datos da Secretaría de Estado de Administracións públicas, que actualiza este indicador semestralmente. Dende aquel momento transcorreron seis anos e, dos once semestres analizados -os datos a xaneiro de 2015 aínda non están dispoñibles- a sanidade pública galega perdeu persoal en sete deles, chegando a un recorte de máis de 2.000 profesionais no inicio de 2014. Tras a leve recuperación do pasado verán o balance é dunha perda de 1.438 persoas a traballar no Sergas.
Neste contexto, e mentres os sucesivos Orzamentos Xerais da Xunta acreditan un recorte no orzamento sanitario de case o 11% -de 3.500 millóns de euros en 2009 a algo menos de 3.200 en 2015-, Mosquera deixa caer que parte da culpa é dunha poboación que, en todo caso, só está a sufrir problemas de confort. "Evidentemente non estamos satisfeitos coa confortabilidade dos pacientes nin co tempo" que os doentes tardan en ser atendidos. Pero "débese fundamentalmente -evidencia- ao número de cidadáns que acudiron aos servizos de urxencias".
A conselleira nega a influencia dos recortes e pide "responsabilidade a todo o mundo, cada un ao seu nivel"
A xuízo da máxima responsable da sanidade pública galega cómpre "lembrar" que "eu insistín durante todo o mes de outubro, de novembro e de decembro para que a xente se vacinase", pero "o 70% dos cidadáns que están ingresando non están vacinados". Trátase, di, de "pedirlle responsabilidade a todo o mundo, cada un ao seu nivel" nun contexto no que non cabe ver os recortes por tras dos problemas asistenciais. "Substituíuse todo o que se considerou necesario substituír" e "nunca faltou nada necesario para atender os pacientes", afirma mentres admite que hospitais como o de Ourense xa teñen que atrasar operacións cirúrxicas programadas.
Tras estas primeiras declaracións da conselleira este mércores foi o número dous do seu departamento, o xerente do Sergas, quen se afanou en asegurar que o colapso é pasaxeiro. Así e todo, e mentres arrencian as protestas, Antonio Fernández-Campa dá en admitir que a "calidade" da asistencia sanitaria se ve afectada cando, por exemplo, os doentes son atendidos nos corredores mentres non hai unha cama hospitalaria dispoñible.