Sanidade defende a resposta dos servizos de emerxencias no caso do falecido en Lalín e a oposición pide máis medios

Unha ambulancia do 061, nunha imaxe de arquivo © Xunta

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu a resposta dada polos servizos de emerxencias sanitarias no caso do home que faleceu en Lalín despois de esperar 36 minutos por unha ambulancia que o trasladou ao PAC da localidade, onde morreu. Houbo, dixo, dúas chamadas distintas nas que a situación descrita tiña "prioridades diferentes segundo os criterios que os facultativos do 061 seguen en moitísimos casos ao ano, en xeral cunha alta eficacia". A inicial, engadiu, era "sen prioridade médica" segundo eses criterios.

Almuiña afirma que o paciente "foi tratado adecuadamente por un equipo completo" no PAC

O 061 explicou que a primeira chamada recibida para pedir atención para o paciente rexistrouse ás 21: 09 do luns e que 17 minutos despois comunicóuselle ao médico por vía telefónica que o estado do home empeorara. A ambulancia, que se mobilizara xa co primeiro aviso, tardou outros 19 minutos en chegar desde Chantada ata a parroquia de Catasós.

O conselleiro de Sanidade nun pleno do Parlamento © Xunta

Almuiña indicou que o doente foi trasladado ao PAC de Lalín e alí "foi tratado adecuadamente por un equipo completo", pero "desgraciadamente, neste caso, non puido salvar a vida".

Os partidos da oposición tamén reaccionaron ao caso.O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu explicacións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Os recortes de Feijóo na sanidade pública son de enorme gravidade”, dixo e criticou que a nova ambulancia prometida tras o falecemento dun home en Dozón en outubro funciona só ata as 20:00 horas. Lamentou que os falecementos de Lalín e o da Estrada en agosto de 2018 se produciron “sen os recursos sanitarios suficientes”.

O secretario xeral de Podemos Galicia e candidato de Galicia en Común á Xunta, Antón Gómez-Reino, considerou que esta "non é a primeira vez" que ocorre algo semellante nin "un caso illado", senón que "forma parte estructural dos efectos dos recortes". "O sistema está montado de tal modo que, para minimizar costes, se xoga coa saúde da xente", sinalou.

A oposición critica a falta de medios na sanidade e, en concreto, na comarca do Deza

Por parte do BNG, o seu portavoz municipal en Lalín, Francisco Vilariño, rexeitou falar deste caso concreto aludindo aos problemas de saúde previos do falecido, pero manifestou que unha espera superior a media hora "non é un caso excepcional" na comarca. "É o habitual", lamentou e afirmou que, se na zona "non hai máis mortes polas carencias en transporte sanitario" é por "sorte". A formación reclama unha ambulancia medicalizada para atender este territorio.

Pola súa banda, a asociación Defensor del Paciente dirixiu este mércores un escrito ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, no que lle pide que investigue esta morte. "Este virus da falta de asistencia é xa demasiado repetido na sanidade, con falecidos non porcontaxio, senón pola desidia da administración, pola falta de persoal e ambulancias", indica o texto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.