"Se Feijóo destituíse a Baltar, descabezaría o PP en Ourense nun momento de febleza

O consultor Santiago Martínez © Santiago Martínez

Santiago Martínez é consultor político e media trainer internacional. Licenciado en Dereito e co mestrado de márketing político, decidiu facer da elocuencia a súa profesión e por iso montou en Compostela unha escola de oratoria. Pronosticou o auxe de Cidadáns xa nas municipais nunha entrevista para Praza. Desta volta, analiza os eixos sobre os que pivota a estratexia comunicativa dos partidos políticos e os e as candidatas.

Se falamos dos 4 partidos mediáticos, que proposta comunicativa é a que máis che gusta?

Hai que recoñecer que quen fai mellor as cousas en cuestións de comunicación son os partidos emerxentes. Podemos detectou fai tempo que hoxe en día o medio que triunfa é a televisión. Se non estás aí, non existes. Mesmo cando se falaba do seu dominio das redes sociais, algúns xa advertíamos que a clave non estaba aí, senón na televisión. Logo Cidadáns tamén ten unha imaxe fresca, en parte aproveitándose do traballo feito por Podemos. En todo caso, se teño que elixir, desde o punto de vista de consultor, quedo con Izquierda Unida, porque teñen recursos limitados, pero úsanos moi ben. Teñen un uso moi orixinal e fantástico. 

"Se teño que elixir, desde o punto de vista de consultor, quedo con Izquierda Unida"

Alberto Garzón é un bo líder que chegou en mal momento?

Absolutamente. Eu xa levaba tempo dicindo, igual dous anos e medio, cando empezaba a emerxer que me parecía o mellor político dos últimos tempos. Lembro unha entrevista que lle fixeron nunha facultade, creo que Évole, onde me pareceu brillante nas contestacións e na súa maneira de expoñer o ideario político. 

Nas Europeas auguraches en Praza Pública o crecemento expoñencial de Cidadáns...

Hai unha estratexia de márketing clásico que se usa tamén en consultoría que se denomina Técnica Aída. Digamos que todo acto de persuasión para elaborar un discurso, ou unha campaña ten que pasar por 4 fases: atención, interese, desexo e acción. A acción é agora o 20 de decembro, que te voten, pero esas tres fases previas, Cidadáns leva anos facéndoas desde que Albert Rivera apareceu espido nun cartel e provocou a atención, logo o desexo pola posible fusión con UPyD, logo os pactos de goberno en Andalucía e Madrid. Convertéronse nun obxecto de desexo codiciado. Xeraron unha aureola atractiva a ollos da opinión pública. Agora a seguinte fase é a acción, que voten. Eu considero que nas eleccións vai haber de novo unha sorpresa que as enquisas non recollen. Xa levan tempo fallando e non saben recoller ben este tipo de técnicas.

"Cidadáns converteuse nun obxecto de desexo codiciado"

Cal é esa sorpresa da que falas?

Penso que Cidadáns vai ser segunda forza e cun resultado maior do que nos están contando. Eu póñome, incluso, nun escenario no que o PSOE sexa cuarta forza. Agora mesmo hai un triple empate onde a marxe é de dous puntos. A nivel de enquisas, sociolóxica e estadísticamente falando, é un empate técnico. Tendo en conta que hai unha alta porcentaxe de indecisos, pero que manifestan que queren ir votar, e que seguramente non van votar polo mesmo de sempre, votarán cambio. Iso verémolo o día das eleccións cando a porcentaxe de voto sexa máis alta que nos pasados comicios.

"Eu póñome, incluso, nun escenario no que o PSOE sexa cuarta forza"

Houbo múltiples críticas do nivel do debate a dous...

Son dos que pensa que é a fin dos debates a dous. Había un contexto político no que debatían os partidos que se alternaban no poder e eu creo que isto se desmonta no novo contexto, que tamén é un novo contexto sociolóxico. Logo tamén penso que morreu a forma de debater casposa, vella que representa Manuel Campo Vidal e todo o grupo de persoas da Academia que teñen moita experiencia pero cunha idade elevada, que non saben facer outro modelo de debate, outro plató, outro escenario, outro modelo, outra estrutura temática... Asistimos ao final do tipo de debate deste estilo e impoñeranse formatos máis americanos como o debate a catro.

Respecto ao debate en si pois hai que medilo no seu contexto, é dicir, hai que analizalo en función das expectativas e das necesidades dos candidatos. Era un debate do bipartidismo, os candidatos precisaban estimular e motivar á infantería, a súa xente que se lle está fugando a novos partidos. O que foi máis descaradamente a mobilizar o seu electorado foi Pedro Sánchez. Entón, se hai que escoller un vencedor, Pedro Sánchez, porque dixo cousas que o electorado socialista tiña ganas que alguén lle botase en cara a Rajoy. Porén, no momento que pasou ao ataque persoal deulle unha arma ao PP para, no medio do vitimismo, poder xerar un efecto que se chama Underdog, que é a compasión ante quen acaba de perder ou saír noqueado dun envite. De feito xa vimos varias portadas de prensa nas que o titular buscaba, precisamente, ese efecto.

"Se hai que escoller un vencedor, Pedro Sánchez, porque dixo cousas que o electorado socialista tiña ganas que alguén lle botase en cara a Rajoy"

Foi unha boa estratexia mandar a Soraya Sáez en vez de a Rajoy ao debate a 4?

Visto o debate a 2, si. Mesmo Albert Rivera recoñece que Moradas, o xefe de campaña de Rajoy estivo acertado non mandando a Rajoy porque vimos a un presidente moi limitado, pouco preparado, era previsible que Sánchez fose a atacar e os temas que ía sacar e Rajoy sacou argumentos previsibles, pouco elaborados e con pouco peso para poder mudar o marco de debate que establecía Sánchez. Con esa pouca cintura dialéctica que mostrou nun cara a cara, imaxina tendo a tres en contra. Creo que foi un acerto, moi criticable, porque é lamentable que un candidato a presidente prefira ir locutar un partido de fútbol a unha radio que a falar de política. Pero desde o punto de vista estratéxico totalmente.

"Mandar a Soraya ao debate a 4 foi unha boa estratexia, aínda que é lamentable que o presidente dun Estado non vaia a un debate"

Que opinas da liña de campaña de EnMarea?

Desde un punto de vista de márketing paréceme que está a ser frouxa, ten pouco que ver coa de AGE das autonómicas. Creo que tamén é froito da desorganización interna, quero dicir, son unha unidade de diferentes visións e realidades na que cada un tira polo seu e iso nótase á hora de facer a campaña e a estratexia de campaña. Nótase en canto a grafismo, a creación de actividade, podería facerse un cronograma de campaña máis atractivo, a presenza en redes socias é frouxa, aínda que tamén é certo que tiñan o listón alto.

"A campaña de EnMarea pouco ten que ver coa de AGE"

Nós-Candidatura Galega fixo unha aposta audiovisual forte...

En canto á campaña de Nós, nótase a limitación de recursos pero a min particularmente estame gustando. Os candidatos teñen orixinalidade, Carme Adán é unha persoa que fai unha campaña moi distinta, Carlos Callón está metendo un aire fresco de ideas, nótase que é lingüista e domina ese campo... bueno, cando tes poucos recursos, a necesidade agudiza o enxeño. Ao meu ver, en termos xerais, é unha boa campaña, pero veremos se chega con tantos actores políticos que teñen enfronte e coa lei D´Hondt.

"A campaña de Nós, nótase a limitación de recursos pero a min particularmente estame gustando".

A crítica a Nós, e polo tanto ao BNG é que a mensaxe que lles queda é a do nacionalismo e os ataque da Voz de Galicia. Son argumentos moi repetidos en moitas eleccións e agora, cando realmente si se precisa unha voz galega nunha cámara de representación en Madrid porque vai haber reformas constitucionais importantes, e onde esa mensaxe sería coherente, de tanto que se repetiu, parece que non chega.

En termos de vender un produto, sería acertado ter feito a candidatura galega unitaria?

O bo dese escenario sería que, probablemente, xeraría ilusión e podería ter un resultado potente. Porén, hai unha parte negativa, porque iso xeraría unha gran incoherencia co que pasou en Amio no 2012. Separámonos, volvémonos unir... E claro, para os líderes das formacións, despois do vivido, sería complicado ceder en certas cousas... E tamén lle estarías dicindo á sociedade: "bueno, catro anos despois estamos onde estabamos e montamos o circo para acabar dicindo que onde residía a forza era na nosa unidade, que había máis elementos de unión que de división". E, certamente, nesa unidade é onde reside a forza deste tipo de forzas, pero seguen sen velo e, lamentablemente, Galicia perde unha representación única forte, independente nun intre que, creo eu, era importante que tivese.

"Galicia perde unha representación única, forte, independente, nun intre que, eu creo que era importante que tivese"

Acertou Feijóo non destituíndo a Baltar?

Se imos a un punto de vista de manual, e isto non é correcto desde un punto de vista democrático, a xente pois si, di "ah non o votaron, isto é terrible, é incrible...", pero claro, isto ocorre moito en España, non todo o mundo dimite nin se lle obriga a dimitir e sempre se buscan máis argumentos para que se quede un cargo a que se vaia. Pero tamén temos que ter en conta que en Galicia o PP está débil, levou un bo pau nas municipais, internamente cónstame que está desmobilizado e claro, xusto na túa provincia máis forte, ter destituído a Baltar sería descabezar a estrutura territorial, a capacidade de mobilización do teu propio exército nunha provincia tan importante a só tres meses das eleccións e a un ano e pouco das autonómicas.

"Destituír a Baltar sería descabezar a estrutura territorial nun intre de febleza"

O Partido Popular ten motivos para preocuparse pola deriva da súa traxectoria en Galicia?

Si, e sábeno. Nas súas cifras e enquisas internas saben que en Galicia non teñen tanto problema con Cidadáns como no resto do Estado, porque non teñen tanta penetración, pero non deixan de ser unha brecha no seu electorado. Perder electorado polo centro-dereita é un problema para eles. A vantaxe que teñen en Galicia é a falta de liderado en fronte, non hai un partido ou un candidato, polo menos de momento, que poida contrarrestar a Feijóo ou a Rueda.

"A vantaxe que ten o PP en Galicia é a ausencia dun liderado forte enfronte"

Quen é mellor a nivel de oratoria, Iglesias ou Rivera?

A Rivera nótaselle o paso pola competición universitaria de debates. Pero eu xa levo tempo advertindo de que a tensión da campaña púxoo moi nervioso. Desde o punto de vista da linguaxe non verbal está fallando, pero á hora das entrevistas é unha persoa hábil, moi áxil. Fóra de entrevistas gústame máis Iglesias, constrúe mellor o relato, o discurso e a posta en escea. Cada un ten as súas fortalezas. No cara a cara con Jordi Évole eu penso que a Iglesias lle pasaba algo, cansazo, que se confiou, ou que fose, porque estaba nun nivel moi baixo impropio del. Rivera preparouno moi ben malia que, insisto, notábaselle tenso.

"Para entrevistas, prefiro a Rivera, para debates, Iglesias"

Rivera escolleu ben o vestiario no debate a 4?

Non, nin no debate a catro nin ultimamente na súa imaxe en xeral. Está errando nas cores, no tipo de gravata, estase convertendo nunha imaxe un pouco rancia ou clasista do que el critica. Pablo Iglesias é todo o contrario. Unha máxima da persuasión é que se ti queres convencer a unha tribo de algo tes que parecerte a eles ou ser da tribo. Sería incoherente que o discurso de Iglesias o dixese alguén con traxe e gravata. O que pon en práctica é o efecto espello, mimetízase coa xente á que quere chegar. Sabe que o seu electorado está na xente que leva vaqueiros, camisa e, como moito, unha americana.

"Unha máxima da persuasión é, que se queres convencer unha tribo, mimetízate con ela"

Estas eleccións van ser o golpe definitivo ao bipartidismo?

Non, non me atrevería a dicir iso. Primeiro porque o sistema electoral foméntao. Se a próxima lexislatura se italianiza, a xente vai querer recuperar ambiente de estabilidade e home, non se vai volver ao bipartidismo brutal de fai anos, pero se PP e PSOE son intelixentes poden, nestes catro anos, recuperar.

 

Santiago Martínez, consultor político Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.