Sogama pagará ata 1.400 euros ao mes por dous novos coches

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

A finais de setembro de 2009 a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) iniciaba os trámites para renovar parte do seu parque móbil. Mentres o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, acabado de chegar á Xunta, ultimaba o procedemento para poxar automóbiles que utilizara o Executivo bipartito e tamén o de Manuel Fraga, a entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente puña sobre a mesa 152.640 euros máis 24.422 de IVE -daquela o tipo era do 16%- para incorporar ao seu parque móbil cinco vehículos en réxime de arrendamento. Entre eles figuraba unha "berlina media grande" de, cando menos, 240 cabalos e 6 cilindros, con cambio automático, "climatizador bizona" e "tapizaría de pel", polo que a empresa pública estaba diposta a pagar ata 1.200 euros ao mes. Ademais, no mesmo concurso incluíase unha "berlina media" dun "mínimo" de 139 cabalos por 1.100 euros ao mes. As características do primeiro dos automóbiles correspondíanse, por exemplo coas do Citroën C6 que emprega o presidente da Xunta, as do segundo poderían ser as dun Audi 100. Ambos, en definitiva, vehículos semellantes aos que a Xunta se dispuña a tentar vender.

Case tres anos despois daquela operación a entidade que preside Luis Lamas vén de iniciar un novo procedemento para o "arrendamento de vehículos sen condutor a longo prazo". Desta volta trátase de cinco coches polos que, en conxunto, a entidade ofrece ata 2.500 euros ao mes, cun montante total para catro anos de ata 122.400 euros que se converterán en 144.432 se o concurso se pecha antes do 1 de setembro -cousa bastante improbable, dados os prazos- ou en 148.104 se o fai despois, xa co novo tipo do IVE en vigor. Dese máximo de 2.500 euros ata 1.460 -ambas cantidades sen IVE- corresponden a dous turismos de tipo "berlina familiar grande", cuxas características é posible atopalas no correspondente prego de condicións.

En 2009 xa arrendou vehículos de alta gama por 1.200 euros ao mes

Segundo ese documento tratarase de dous coches tipo "sedán", cunha cilindrada mínima de 1.990 centímetros cúbicos e, cando menos, 160 cabalos. Ademais, Sogama require que os automóbiles que arrendará teñan cambio automático, pintura metalizada, climatizador e control de velocidade. Retrovisores eléctricos, faros de xenón, "aceso automático de luces", "sensor de chuvia e estacionamento" ou dispositivo de limpeza de faros son outras das características duns coches que serán de cor negra, azul, gris ou branca. Ao contrario do acontecido en 2009, desta volta a tapizaría é de tea e non de pel.

Vehículos profesionais

Os algo máis de 1.000 euros que restan do contrato repártense entre outros tres coches máis axustados, a priori, ao labor profesional que desenvolve Sogama. Así, por 510 euros a entidade incorporará un coche de cinco portas "con portón" e prestacións máis básicas, como cambio de marchas manual ou faros antinéboa, entre outras. Do mesmo xeito, por 260 euros arrendará un vehículo do "segmento comercial mini-pequeno" de tres portas e un portón, cun "mínimo" de 65 cabalos. O paquete péchase con outro vehículo de marcado carácter industrial, con tres portas, portón e tracción ás catro rodas, polo que Sogama abonará ata 320 euros ao mes.

Non é esta a primeira ocasión na que Sogama combina nun mesmo procedemento de contratación coches que poderían ser considerados 'de representación' ou oficiais con outros máis vinculados á actividade da empresa, isto é, o tratamento de residuos e a divulgación ambiental. Así, no devandito concurso de 2009, tamén composto por cinco coches, xunto aos vehículos de gama alta arrendábase tamén un turismo pequeno de 65 cabalos e tres portas -cun perfil aproximado dun Seat Ibiza- e un todoterreo con tracción catro por catro e 125 cabalos que se correspondía coas especificacións técnicas de, por exemplo, un Nissan Terrano ou un Toyota Land Cruiser.

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama
Luis Lamas, presidente de Sogama © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.