Sogama vai gastar ata 9.000 euros ao mes en manter os seus xardíns

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

"Traballos de xardinaría e mantemento das zonas verdes do complexo medioambiental de Cerceda, así como das antigas oficinas de Sogama". Son os traballos nos que a Sociedade Galega do Medio Ambiente prevé gastar ata 9.000 euros ao mes durante os vindeiros dous anos, prorrogables ata dous máis. En plena crise económica e mentres sobe o ton das protestas polo proxecto de instalación dunha nova planta incineradora de lixo no sur de Galicia, a empresa pública vén de iniciar os trámites dun contrato que terá un impacto de ata 432.000 euros nas contas públicas. Co correspondente IVE, o gasto pode elevarse ata os 509.760 euros.

O prego de condicións que acompaña ao orzamento de licitación -cantidade máxima que a Administración está disposta a gastar- elaborado pola empresa pública ofrece unha completa descrición dos labores que terá que realizar a empresa que se faga con este substancioso contrato para coidar do "céspede, plantas, árbores e arbustos" que poboan o complexo. Así, no documento sinálase que nese máximo de 9.000 euros mensuais vai incluída, por exemplo a sega do céspede "tantas veces como alcance os sete centímetros de altura", tendo en conta ademais que "non invada as flores, beirarrúas e estradas", un factor que tamén terá que ser tido en conta á hora de recortar "noiros e bordos".

O gasto total do contrato pode superar o medio millón de euros

No prezo a compañía dependente de Medio Ambiente engloba tamén a "aireación, polo menos unha vez o ano" das súas zonas verdes, "evacuando os residuos e resementando" cando sexa necesario. Do mesmo xeito, os operarios terán que "fertilizar como mínimo dúas veces ao ano", regar "durante o tempo necesario segundo a época" e "conservar en perfecto estado" plantas e árbores. As deterioradas só poderán ser repostas "previa aceptación por parte de Sogama".

A poda "para axudar ás árbores ou plantas a adquirir ou conservar a súa forma natural", o "recorte de sebes e enredadeiras cando proceda" ou a "roza de maleza nas zonas axardinadas e non axardinadas" son outros dos conceptos dun contrato que afecta tamén ás plantas de interior coas que conta sogama. No seu caso, os adxudicatarios terán que regar cando as características de cada planta "así o aconselle", repoñelas "cando estas se atopen mortas" , "pulverizar e limpar" as follas e "podar, como mínimo no mes de marzo".

Sogama require que á fronte destes traballos estean, como mínimo, dous xardineiros coa categoría de "oficiais de primeira" e, ademais, "persoal específico para os traballos de roza e tarefas afíns nas datas estipuladas". Este persoal terá que ter todos os medios materiais necesarios, que serán achegados pola propia empresa contratista. Para anunicar esta operación Sogama gastou 1.200 euros en publicidade, que terá que asumir a empresa que se ocupe da súa xardinaría.

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.