"Somos galegos, vivimos en Catalunya e tamén queremos votar"

Bandeiras independentistas nun balcón en Cataluña CC-BY-SA Núria_nur

Catro visións galegas sobre o proceso catalán. Catro miradas de emigrantes galegos en Catalunya a poucas horas de que ducias de milleiros de persoas volvan reclamar na rúa o dereito a decidir con motivo da Diada, un 11-S que será o terceiro consecutivo cunha masiva mobilización desde aquel "brutal" clamor de hai dous anos. Nesta ocasión, a manifestación -a V coa que se pretende encher Barcelona e que xa supera o medio millón de inscritos- ten un claro obxectivo: reclamar a celebración da consulta pactada no Parlament para o vindeiro 9 de novembro e ante os anuncios do Executivo central de abortala a través dun recurso constitucional á lei de consultas catalá.

Os catro emigrantes teñen visións distintas do proceso pero todos coinciden no dereito do pobo catalán a ser consultado en referendo

Marta, Xan, Maruxa e Anxo. Uns chegados hai pouco a Catalunya, outros con xa anos de vivencia e algún máis que pasou máis tempo da súa vida en Barcelona que na súa vila natal. E catro visións do proceso soberanista que, malia as diferenzas, coinciden en dúas cousas: o seu acordo cunha consulta como "unha forma de exercer a democracia pura" e en que a situación que se vive alá non é tal e como se pinta por aquí.

"Eu definiría o proceso que se vive en Catalunya nos últimos anos como unha forma de autodefensa; despois de que o Constitucional tombase a reforma do Estatut, o que se aprecia é sobre todo frustración", di Xan Picos, ferroviario de 36 anos que leva sete anos emigado e vive en L'Hospitalet. "O argumento dos cataláns, en moitos casos, é económico; insisten en que pagan demasiados impostos para o que reciben do Estado en comparación con outras comunidades", asegura este coruñés que coincide nesta primeira reflexión con Marta Sanchís, administrativa de 29 anos que leva pouco máis dun mes en Barcelona. "Cando cheguei entendín o seu punto de vista; entendo que reclamen un mellor trato e que defendan o seu, pero agora que estou empadroada e pago os impostos aquí, tampouco noto tanta diferenza con respecto a Galicia", explica.

"Non existe a crispación que se dá a entender desde fóra e que transmiten algúns políticos e medios interesados", coinciden

Esta moza ferrolá residente na capital catalá rexeita que a lexítima reivindicación acabe provocando posturas extremas. "Que algúns, polo feito de vivir aquí, se crean mellores có resto é o que me molesta, pero son casos illados e para nada existe a crispación que se dá a entender moitas veces desde fóra", insiste. Parecido opina Maruxa del Puerto, traballadora de banca que leva xa nove anos en Catalunya. "Esa crispación é máis cousa dos partidos ou dos medios porque na rúa, aínda que o proceso soberanista é un tema de conversa, non o é tanto como se di nin hai tanto como parece", conta esta muller de 32 anos e orixinaria da Pobra do Caramiñal. "A crise económica foi un factor clave nesta situación; os cataláns están buscando algo e parece que o van conseguir... E ese algo é votar e non tanto a independencia", resume.

"O que pide a xente é votar, ter dereito a decidir, unha consulta que nin tan sequera é un referendo para separarse", di Anxo Baranga, ourensán de Valdeorras

"A información que se dá fóra do que aquí pasa non é exacta; estou farto de ir a Galicia e intentar explicarlle á xente o que ocorre e de desfacer os malentendidos que provocan os políticos e algúns medios interesados", di Anxo Baranga, pintor, debuxante de banda deseñada, director e actor de teatro de 58 anos que leva trinta en Catalunya. "O que pide a xente é ter dereito a decidir, unha consulta, nin tan sequera un referendo para separarse, senón que se escoite a súa opinión... E é moitísima xente a que pide o mesmo, máis aló de que sexan independentistas, federalistas ou aposten por outro tipo de relación co Estado", explica este orixinario do Córgomo, en Valdeorras, que cre que é moi trabucado "pensar que todo o mundo que reclama o referendo está querendo marchar". 

Non obstante, o apoio ao independentismo si medrou os últimos anos tanto nas enquisas como no voto aos partidos que apostan por un Estado propio. Para Xan Picos, "desde que se tombou o Estatut hai moita xente que para nada estaba achegada ao nacionalismo ou ao soberanismo que agora si o está, incluídos moitos fillos de emigrantes doutras autonomías españolas que apostan claramente pola independencia".

"O que se reclama é máis poder expresarse que a propia independencia", di Maruxa, unha emigrante da Pobra

O pau do Tribunal Constitucional e a actitude do PP son para Anxo Baranga as claves deste auxe do independentismo. "Se o Goberno central di desde un primeiro momento que non ten problema en facer unha consulta, tería gañado moitos votos aquí, pero cada vez que se nega, agroman máis e máis independentistas. Ninguén favoreceu tanto a causa soberanista como o Partido Popular, ao que ERC ou a CUP lle terían que estar moi agradecido", conta este galego que estará unha vez máis na manifestación da Diada.

"O que se reclama é máis poder expresarse que a propia independencia; eu coñezo moitisima xente que insiste en querer ir votar e que votaría Si-Non ou que incluso votaría Non en ambas as dúas preguntas", engade Maruxa, que está "a favor de que se consulte ao pobo". "Vivo aquí e pago impostos aquí e claro que me gustaría votar", insiste, ao igual que Marta Sanchís, que se mostra favorable "a que a cidadanía teña dereito a opinar". "Se hai consulta irei votar e votarei Non, pero se lles dan a opción de se separar e é o que elixen, pois é o que hai", asegura.

"A cidadanía ten dereito a opinar e se hai consulta, eu irei votar e votarei 'non'", asegura a ferrolá Marta Sanchís

"Estou totalmente de acordo coa consulta, se cadra porque é algo ben simple, democracia pura; algo está mal neste Estado se a propia Constitución prohíbe que un pobo poida expresar a súa opinión nas urnas", explica Baranga, que coincide con Xan Picos en destacar que o feito de que se vote, saia o resultado que sexa, non implicaría directamente nin a independencia nin a renuncia a ela. "O referendo non tería validez legal, por moito que os resultados logo se utilizasen politicamente; estou plenamente a favor de que se leve a cabo a consulta porque un país democrático debe preguntarlle á xente o que quere", di quen remata con algo que cre "obvio". "O que se quere en Catalunya é o mellor para o país... Parvos non son", finaliza. 

Manifestación da Diada de 2013 CC-BY-NC Abel Pau

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.