Somos Maioría decidirá en votación se aposta por confluír coas 'mareas' cidadás

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela Dominio Público @xmps

A iniciativa Somos Maioría decidirá a través dunha votación telemática entre os asinantes do seu manifesto se fai un "chamanento á cidadanía e aos partidos" para que unan as súas forzas en candidaturas unitarias e populares baseadas nos seus principios, así como se aposta pola confluencia con iniciativas semellantes como as diferentes mareas cidadás que están a agromar en Galicia.

Esas foron as conclusións da xuntanza que varios dos asinantes da iniciativa mantiveron este domingo en Compostela co obxectivo de intercambiar ideas e poñer en común os principios do manifesto que anima a crear candidaturas cidadás nos municipios galegos. Serán todas as persoas asinantes até este momento as que poderán participar nunha votación que aínda non ten data concreto.

Somos Maioría preguntará entre os asinantes a conveniencia de confluír coas 'mareas' cidadás

Así, preguntarse sobre a posibilidade de facer este chamamento á cidadanía e aos partidos que compartan os seus principios, baseados na radicalidade democrática, a defensa da maioría social, a participación directa, rematar coa corrupción e o espolio do país ou o respecto ao dereito a decidir deste proxecto que pretende xuntar a esquerda alternativa de cara ás eleccións municipais pero desde os alicerces da xente do común. Somos Maioría incide nun comunicado "na necesidade de que a cidadanía sexa a protagonista do proceso de construción das candidaturas de unidade".

A iniciativa incide "na necesidade de que a cidadanía sexa a protagonista na construción das candidaturas de unidade"

Ademais, e tal e como asegurara a Praza, un dos promotores e voceiros do colectivo, o actor Miguel Pernas, insistiu en que o proceso "é totalmente compatible" coas mareas xurdidas en diferentes localidades, así como na "necesidade" de que sexa a cidadanía a "protagonista" na construción destas candidaturas unitarias."Aparquemos as siglas para unha fronte común que dignifique o país", dicía.

Á reunión acudiron cidadáns sen militancia ningunha, pero tamén militantes de formacións como o BNG ou Anova. Entre os asistentes atopábanse os deputados de AGE Antón Sánchez e Consolo Martínez; un dos promotores da corrente interna de Anova, Cerna, Mario López Rico; ou o ex portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela Dominio Público @xmps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.