A norma coa que a Xunta modifica outras moitas leis cun menor debate tenta tamén regulamentar mellor as competencias na xestión da biomasa nas diversas faixas de protección fronte a incendios
Como nos últimos anos, xunto coa lei de Orzamentos para 2018, a Xunta vén de remitir ao Parlamento unha denominada lei de acompañamento coa que aproveita para modificar moitas outras normas diversas cun procedemento máis rápido e con menos debate. Coa deste ano tómanse medidas tan dispares como restrinxir a venta ambulante nos Camiños de Santiago, facilitar a fusión de confrarías de pescadores ou crear ou modificar un bo número de taxas autonómicas así como diversas normas de xestión dos montes.
Coa nova lei de acompañamento, a Xunta crea unha taxa para a solicitude de fondeo deportivo no Parque Nacional das Illas Atlánticas que oscila entre os 4,55 euros por un día en temporada baixa para as embarcacións de menos de 12 metros de eslora ata os 101 euros en temporada alta para as embarcacións de entre 20 e 35 metros. Do mesmo xeito, modifícanse diversas taxas de Portos de Galicia para usuarios como os que se dedican á acuicultura. E facilítase que as confrarías de pescadores que se fusionen herden os dereitos e obrigas que tiñan as entidades previas.
En materia de Montes, a norma modifica a lei de montes veciñais en man común, a de defensa contra os incendios forestais e a de mobilidade de terras. A lei de acompañamento facilita a declaración de terreos como en grave estado de abandono e dá maior poder de intervención ao Banco de Terras. Do mesmo xeito, adapta a terminoloxía desas leis aos cambios introducidos pola Lei do Solo sobre a consideración dos distintos tipos de solo. A norma tamén tenta regulamentar mellor as competencias na xestión da biomasa nas diversas faixas de protección fronte a incendios e inclúe as estacións de telecomunicacións entre as instalacións en cuxo perímetro é obrigatorio controlala. En particular, a norma regula a execución subsidiaria por parte da Xunta das tarefas de limpeza cando os propietarios, tamén no caso de non ser coñecidos, non as realicen e permite que rendabilice economicamente a madeira así obtida.
Nas rutas dos Camiños de Santiago a venda ambulante só poderá desenvolverse nos tramos urbanos da traza
A lei de acompañamento tamén establece que "por razóns de protección do patrimonio natural, nas rutas dos Camiños de Santiago a venda ambulante só poderá desenvolverse nos tramos urbanos da traza dos devanditos Camiños" ou alí onde haxa un mercado tradicional puntual. A lei tamén modifica a ordenación farmacéutica, de xeito que se amplía a 15 anos o tempo que deben levar abertas as farmacias antes de que os seus propietarios poidan transmitilas.
Por último, a lei tamén inclúe as medidas anunciadas polo presidente Feijóo no debate de política xeral celebrado a principios de mes. Entre elas, a ampliación do permiso de maternidade aos funcionarios ou rebaixas da parte autonómica do IRPF para investimentos nos ámbitos agrícola, forestal ou inmobiliario nos cascos históricos e espazos industriais.
En anos anteriores as leis de acompañamento permitiron á Xunta aumentar o seu control sobre o Consello Consultivo e a CRTVG ou beneficiar a concesionarios
En anos anteriores, a lei de acompañamento permitiulle á Xunta designar a dedo os letrados do Consello Consultivo, expandir as explotacións forestais, prorrogar o seu control sobre a dirección da CRTVG, adaptar a construción da Autovía da Costa da Morte ás posibilidades da concesionaria, ou prorrogar de 30 a 50 anos as concesións de bateas.