Toda a oposición denuncia no Parlamento a descoordinación das emerxencias

Os servizos de emerxencias en Angrois CC-BY contandoestrelas

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, compareceu este xoves no Parlamento galego para dar conta do dispositivo posto en marcha pola Xunta de Galicia con motivo do accidente ferroviario. Unha comparecencia que os tres grupos da oposición consideraran "precipitada" previamente, por non dispoñer todos os datos necesarios para avaliar esta cuestión e na que en bloque pediron que sexa "a primeira de moitas comparecencias de membros do Goberno galego para ofrecer explicacións", en palabras de Beatriz Sestayo (PSdeG-PSOE). E, en efecto, semella que na sesión deste xoves na Comisión 1ª do Parlamento asistimos ao primeiro dos moitos debates que se han vivir nos vindeiros meses para afondar nas causas do accidente e na análise do operativo de emerxencias.

A intervención de Rueda estivo inzada de cifras: "35 policías nacionais, máis de 130 gardas civís, 75 axentes da Policía Autonómica, 120 policías locais, 80 bombeiros, 170 efectivos de 26 agrupacións de Protección Civil, 45 psicólogos..." e nela o vicepresidente da Xunta destacou a "eficiencia" do dispositivo.

Os tres grupos da oposición recibiron con criticas unánimes as palabras de Rueda, ao que acusaron de "triunfalismo", de non ofrecer información clave en varios asuntos, ou de non responder a moitas das preguntas concretas que lle formularon

Porén, os tres grupos da oposición recibiron con criticas unánimes as palabras de Rueda, ao que acusaron de "triunfalismo", de non ofrecer información clave en varios asuntos, ou de non responder a moitas das preguntas concretas que lle formularon. Dende as bancadas socialistas lembránronlle que "non vimos darlle as grazas senón a que nos informe, máis humildade, menos soberbia e máis respecto ás vítimas”. AGE acusou a Rueda de "utilizar a traxedia para facer autobombo". E dende o BNG acusárono de "poñer a camisola de hooligan. Fan o que fan sempre: non responder e desviar a responsabilidade a outras instancias". Tamén lle afearon a "falta de rigor" nos datos ofrecidos, en base á información que as tres forzas politicas foron recollendo na última semana, directamente dos propios traballadores ou de partes do 112. 

"Se teñen un minimo de sensibilidade polas vitimas, se non teñen un croio no lugar do corazón teñen que acceder a crear esa comisión de investigación"

PSdeG, AGE e BNG esixiron "chegar ao fondo das causas do accidente", e AGE e BNG lembraron a este respecto a súa petición de que se constitúa unha comisión parlamentaria de investigación ao efecto. As tres forzas apelaron ao "respecto ás vítimas" e Tareixa Paz (BNG) citou as palabras de María Esperanza Valle Pereira, dona dun dos falecidos, que este mércores reclamou na homenaxe civil celebrada en Bonaval: "Queremos saber a verdade, que nos digan por que pasou". "Se teñen un minimo de sensibilidade polas vítimas, se non teñen un croio no lugar do corazón teñen que acceder a crear esa comisión", engadiu Tareixa Pazque concluíu que "necesitamos a verdade polas vítimas e para garantir a seguridade dos milleiros de usuarios do tren". 

 

"Falta de coordinación"

"O operativo funcionou grazas á vontade da sociedade civil que foi quen de contrarrestar as eivas que existiron no dispositivo da Xunta", engadiu Yolanda Díaz

"Dispoñemos de partes que demostran que non houbo coordinación (...) O posto de mando avanzado constituíuse ás 22.27 horas (...) Faltaron ambulancias medicalizadas (...) Non houbo hospital de campaña". Yolanda Díaz (AGE) enumerou varios erros detectados no dispositivo e que contradicían a análise oficial ofrecida por Rueda, ao que acusou de "mentir". "O operativo funcionou grazas á vontade da sociedade civil que foi quen de contrarrestar as eivas que existiron no dispositivo da Xunta", engadiu. Tamén Sestallo e Paz louvaron o traballo dos profesionais públicos e chamaron a tirar a conclusión de que "deben cesar os recortes nos servizos públicos". De igual xeito Díaz reclamou "a necesidade de recuperar a xestión dos parques comarcais de bombeiros", xa que “manter os sistemas de emerxencia do noso pais en mans privadas é un auténtico suicidio”. "Foi un éxito da sociedade civil e dos profesionais a pesar das agresións", concluiu.

Ao igual que Paz e Díaz, Sestayo puxo o énfase na falta de coordinación: "Os profesionais tiveron que autoxestionarse. O 112 non xestionou, foi só unha centralita de chamadas, non estivo para o que ten que estar segundo a Lei de Emerxencias. A coordinación fixose de abaixo a arriba". 

Os servizos de emerxencias en Angrois CC-BY contandoestrelas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.