Todas as deputadas da oposición esixen "desculpas" a Feijóo por dicir que Pontón "está moi necesitada"

Vista do hemiciclo do Parlamento dende as bancadas da oposición © Parlamento de Galicia

"A verdade é que me parecía que a señora Pontón estaba moi necesitada; lle dixen que non se parecera a vostede. Pero, evidentemente que vostede aínda está máis, señor Villares". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou nestes termos a resposta ao voceiro de En Marea, Luís Villares, no marco da sesión de control deste mércores. Inmediatamente despois Feijóo agregou: "señora Pontón, retiro o que acabo de dicir" sen aclarar a que 'necesidade' se refería e mentres, nas bancadas da oposición se estendían as protestas. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclamou sen éxito a aplicación do Regulamento ante o que considerou unha expresión de "machismo repugnante" que, como "mínimo", esixía unha petición formal de "desculpas". Esas desculpas non chegaron e agora quen as reclaman son todas as deputadas da oposición.

Nun comunicado conxunto as 18 deputadas de En Marea, PSdeG e BNG expresan a súa indignación "como mulleres, despois da expresión machista usada polo presidente". A frase dirixida á líder do Bloque, afirman, resulta "inaceptábel" e "humíllanos a todas", máis aínda porque "se pronuncia polo presidente nunha sesión institucional do Parlamento". "Ante o machismo non podemos calar nin pasar páxina como se non pasase nada" e, xa que "o mínimo sería unha desculpa pública, o señor Feijóo aínda pode emendar o seu erro".

As deputadas de En Marea, PSdeG e BNG coidan que a "retirada" das palabras pronunciada por Feijóo no pleno non abonda: "O mínimo sería unha desculpa pública e sincera" coa líder do Bloque, afirman

"A igualdade e o respecto ás mulleres son principios básicos, que están recollidos no noso marco lega e político" e "se non son aplicados no noso día a día redúcense a papel mollado", resaltan todas as deputadas dos tres grupos da oposición. "No mesmo ano no que as mulleres galegas expresaron a súa inconformidade nas rúas contra o machismo", as persoas que compoñen as institucións do país "debemos reforzar o noso compromiso coa igualdade", reflexionan. E iso, resaltan, ten que "comezar polas nosas propias condutas".

As deputadas de En Marea, PSdeG e BNG coidan que "o acontecido non pode pasar co noso silencio" porque o comentario de Feijóo sobre Pontón na resposta a Villares "transcende, con moito, o marco da disputa dialéctica" e "ofende a todas as mulleres". O presidente, afirman, "débenos unha desculpa a todas as que somos deputadas e ás que non" para así "emendar o acontecido que, por desgraza, vai máis alá do excepcional". As súas intervencións, salientan, teñen maior eco "pola súa responsabilidade e atribucións políticas e simbólicas" e por iso as desculpas tamén o deben ter, conclúen.

Horas despois do lanzamento deste comunicado das deputadas da oposición, o PPdeG respondía á controversia mediática creada a través das redes sociais. Xunto cunha transcrición da frase de Feijóo, o gabinete dos conservadores indica que "unha cousa é facer oposición" e outra "manipular unhas palabras de Feijóo para acusalo do que non é, nunca foi e nunca será". "Non todo vale", agregan.

Feijóo e Pontón Dominio Público Parlamento de Galicia / BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.