Traballo asegura que "nunca" pagou 100.000 euros concedidos a Azetanet cando xa era investigada

Axudas á empresa de Gerardo Crespo publicadas no DOG do 20 de febreiro de 2015 CC-BY-SA Praza Pública

O debate en torno á Operación Zeta ten moitas vertentes, e unha delas é a das datas. O Goberno galego asegurou en innumerables ocasións que foi a propia Xunta quen, a comezos de 2012, foi a "primeira" en denunciar a trama de suposta fraude nos cursos de formación para persoas desempregadas. Non obstante, o sumario do caso reflicte que a investigación comezou un chisco antes, a finais de 2011, cando dúas ex empregadas da Confederación de Autónomos y Profesionales de España (CAYPE), unha das entidades investigadas, denunciaron ante a Policía un "conxunto de irregularidades" na "obtención e xustificación de subvencións públicas". Cando ambas investigacións, a policial e a da Xunta, xa estaban en marcha, as organizacións de Gerardo Crespo seguiron sendo adxudicatarias de axudas pero, segundo a Consellería de Traballo, "nunca" chegaron a cobralas.

A investigación policial comezou en 2011 e as axudas datan de 2013

Como informou este diario, na relación de subvencións concedidas pola Consellería de Traballo no ano 2013 figuraban, cando menos, dúas achegas para a Academia Azetanet, a principal empresa do entramado dirixido por Crespo. Tratábase de axudas convocadas ao abeiro dunha orde ditada en decembro de 2012 que lle concedían a Azetanet a organización dun curso de asistencia á dirección e doutro de atención a persoas dependentes. Segundo ese documento as cantidades das subvencións eran de 51.000 e 32.600 euros, respectivamente. Non obstante, unha resolución publicada no DOG este 20 de febreiro detalla que a concesión final ascendía a 67.292,44 e 47.521,69, isto é, un montante superior aos 100.000 euros adxudicados despois de que, segundo afirmou o presidente da Xunta, "decidíramos cortar todo tipo de contrato coas empresas implicadas por supostas irregularidades".

Mato afirma que Azetanet "nunca endexamais chegou a percibir" as axudas, segundo a Consellería por "incumprir os obxectivos"

A publicación destas cantidades no DOG hai menos dunha semana foi trasladada ao pleno do Parlamento este martes polo deputado de AGE Juan Fajardo, que cuestionou ao respecto á conselleira Beatriz Mato durante a súa comparecencia en materia de emprego. A publicación da relación de axudas no DOG "é unha obriga" en virtude da Lei de Transparencia, evidencia Mato, pero Fajardo "fala interesadamente". "Esta empresa" da que o deputado de AGE "ten interese en falar" no pleno "nunca endexamais chegou a percibir" as axudas. En todo caso, resolve, o que a ela lle "preocupa" é "a situación que están a vivir os miles de galegos e galegas" a respecto do emprego.

"Non me convence", repuxo Fajardo, quen se pregunta "onde di" que esas achegas "non se pagaron", polo que, di, cumpriría que Mato "explique máis" toda a relación do seu departamento coa rede de Crespo. Nun comunicado remitido á prensa con posterioridade a Consellería, cuxo ex director xeral de Traballo, Odilo Martiñá, está imputado no caso, asegura que a publicación da resolución non implica que as axudas se pagasen. Esas achegas "nunca se abonaron por incumprir os obxectivos da subvención", que inicialmente se concedeu porque a empresa de Crespo, malia estar sendo investigada, "cumpría os requisitos da orde". Ata novembro de 2014 a Academia Zeta estivo autorizada por Traballo para impartir este tipo de cursos.

O vindeiro 5 de marzo celebrarse o "acto de conciliación por calumnias" entre Crespo e Mato

Este enésimo cruzamento de acusacións e desmentidos, así como de incriminacións a PSdeG e BNG polas adxudicacións a entidades de Crespo na etapa do bipartito, prodúcense a apenas unha semana de que, segundo revelou o propio Crespo, se celebre o "acto de conciliación por calumnias" derivadas da demanda que el mesmo interpuxo contra Beatriz Mato. O empresario e militante do PP realizou este anuncio a mediados de febreiro nunha entrevista en Radio Coruña, na que tamén advertiu da súa intención de achegar durante o procedemento xudicial "probas" contra "persoas moi importantes" do partido que sustenta os gobernos de Galicia e España.

 

 

 

Mato, este martes no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.