Trapero defende o "acatamento da lei" dos Mossos durante o proceso soberanista catalán

Trapero, no inicio da súa declaración ante o Supremo CC-BY-SA Sinal institucional do TS

A declaración do major dos Mossos d'Esquadra Josep Lluís Trapero converteuse nuns dos momentos álxidos do xuízo polo 1 de outubro. Trapero pechou o seu interrogatorio despois de cinco horas cunha alegación para defender que os Mossos emprazaron o Govern ao "cumprimento da legalidade" e manifestaron que non pensaban acompañar "o proxecto independentista" na reunión mantida o 28 de setembro con Puigdemont, Junqueras e Forn. "Dixémoslles que non se equivocasen connosco", resumiu.

Os mandos dos Mossos e varios membros do Govern mantiveron dous encontros a iniciativa do major celebrados o 26 e o 28 de setembro, nos que se lles trasladou "unha preocupación pola orde e a seguridade pública" de cara ao 1-O. No primeiro -definido como insatisfactorio por Trapero- xa se instou a Puigdemont e ao conseller de Interior Forn ao "cumprimento da legalidade", segundo o seu relato ante o Supremo. Ao segundo, ao que se suma Junqueras, acudiron coa intención de deixar claro "onde estaba a cúpula do Corpo".

"Dixemos que os Mossos non ían crebar nunca coa legalidade da Constitución. Que non acompañamos o proxecto independentista, que estabamos molestos con declaracións que houbera por parte dalgúns responsables políticos [unha declaración de Forn e outra de Turull]. Dixémoslles que debían ser conscientes de que estabamos notificados polo Constitucional e nos estaban a poñer nunha posición na que corriamos riscos persoais", declarou Trapero.

Trapero (dereita), nunha imaxe de arquivo con Puigdemont e o conseller Forn © Govern de Catalunya

"Fagan o traballo que teñan que facer", foi a resposta de Puigdemont, segundo Trapero

O avogado do ex-conseller Forn, Xavier Melero, cuestionou se obtivo algún "reproche" dos dirixentes políticos presentes para manter viva a formulación de que o Govern non presionou os Mossos sobre a actuación do dispositivo do 1-O. "Fagan o traballo que teñan que facer", foi a resposta de Puigdemont, segundo Trapero. Neste encontro estiveron presentes, ademais do major, os comisarios Joan Carles Molinero, Ferran López, Manel Castellví e Emili Quevedo. Os Mossos pediron que acudise Carme Forcadell, pero non ocorreu así.

O xefe da Policía autonómica, investigado na Audiencia Nacional por un delito de rebelión, asegurou durante o seu testemuño que tiñan previsto un dispositivo para deter ao president Carles Puigdemont e os consellers do Govern se así o ordenaba a Xustiza tras a declaración de independencia no Parlament. Esas accións estaban deseñadas desde dous días antes desa votación, o 25 de outubro de 2017.

O 27 de outubro, o major dos Mossos telefonou o fiscal superior e o presidente do Tribunal Superior catalán para dicirlles que o Corpo estaba á disposición da Fiscalía e do órgano xudicial no caso de que houbese "algún tipo de orde nese sentido". "Descoñeciamos que era aquilo e que delitos podía haber, pero aparentemente era dunha certa gravidade e puñámonos á súa disposición", declarou.

Liña entre a actuación policial e Forn

Trapero trazou unha liña clara entre a actuación da Policía que el dirixía e o seu responsable político naquel momento, Joaquim Forn, ao que o mando acusou de actuar "cun punto de irresponsabilidade". Por contra, os Mossos, dixo Trapero, tiveron como único fin "cumprir cos mandamentos xudiciais".

Trapero trazou unha liña clara entre a actuación da Policía que el dirixía e o seu responsable político naquel momento, Forn

A distancia que quixo marcar Trapero entre o Corpo policial e o membro do Govern apareceu pronto na súa declaración. Despois dun interrogatorio insubstancial da acusación popular, que exerce o partido de extrema dereita Vox, o fiscal Javier Zaragoza preguntou a Forn polas declaracións do conseller nas que aseguraba que os Mossos garantirían que os cidadáns votasen con normalidade. Esas declaracións, dixo Trapero, "encaixaban moi mal, especialmente mal a medida que fomos avanzando e xa tiñamos ordes xudiciais concretas".

"Houbo un comunicado pola nosa conta para dicir que non estabamos de acordo co que dicía Forn (...) creo que había un punto de irresponsabilidade, pero o Corpo ten a forza que ten", rematou Trapero, quen se refería a unha nota interna distribuída na Intranet do Corpo na que se explicaba que a oposición á coordinación por parte do coronel da Garda Civil Pérez de los Cobos, imposta pola Fiscalía, non era compartida pola Xefatura do Corpo, pero a que a diferenza do afirmado por Forn, acatábao.

Recibimento a Trapero na sede dos Mossos, tras deixar de ser o xefe do Corpo © Mossos d'Esquadra

Enfrontamento con Pérez de los Cobos

O enfrontamento persoal entre Trapero e Pérez de los Cobos tamén ficou reflectida neste interrogatorio. O ex-xefe dos Mossos recoñeceu a "tensión" nas reunións e que el puido non estar moi afortunado ao expresar o seu rexeitamento a que o garda civil coordinase a actuación dos Corpos fronte ao 1-O. Mesmo chegou a dicir que considera que non era a persoa adecuada porque, ao seu entender, non tiña experiencia operativa. Trapero dixo que a súa intervención na reunión en defensa dos Mossos quizá non foi "moi acertada": "Recoñezo que puido non ser apropiada e non facelo coas palabras correctas. No Corpo hai bastante confusión e vívoo dunha maneira. Cada un vive as cousas ao seu xeito".

O major defendeu a actuación dos Mossos d'Esquadra o 1-O. Ante as críticas pola súa inacción dixo que o único que tiñan posibilidade de achegar eran os "binomios" de axentes en cada colexio

O major defendeu a actuación dos Mossos d'Esquadra o 1-O. Ante as críticas pola súa inacción dixo que o único que tiñan posibilidade de achegar eran os "binomios" de axentes en cada colexio. Tratábase de enviar esas parellas de axentes aos 2.300 axentes ou concentrar os mobilizados en "100 colexios e que outros 2.200 fagan o que queiran".

Así, os binomios informaban do que pasaba e "o groso" da intervención correspondería, como ocorreu, a Policía e Garda Civil. O razoamento de Trapero é que os Mossos non teñen máis de 800 axentes de intervención fronte aos máis de 6.000 que enviara Policía e Garda Civil a Catalunya.

En calquera caso, o dispositivo non foi obra de Trapero, dixo el mesmo, senón dunha "reflexión" do conxunto dos mandos da Policía autonómica. "Os binomios fixeron a súa función e fixérono ben", engadiu.

Fronte ás acusacións de que el estaba aliñado co proceso independentista e a actuación do Govern, Trapero dixo que levaba un tempo "incómodo" á fronte dos Mossos cando Jordi Jané deixou a dirección política do Corpo. O fiscal Zaragoza preguntoulle por que marchou Jané e el contestou: "Penso que a deriva política, supoño que el non quere correr un risco, estaba incómodo (...) Estabamos incómodos os dous e el chega un momento en que non quere sufrir ningún tipo de risco".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.