Os ruxerruxes dos responsables operativos da seguridade do Estado nos días previos ao referendo catalán do 1-O de 2017 irromperon esta semana no xuízo aos líderes independentistas: o Ministerio do Interior nunca contou cos efectivos necesarios para deter unha mobilización cidadá das dimensións das daquel 1 de outubro. E o Goberno de Mariano Rajoy sabíao. Tíñao tan claro que mesmo ofreceu "simular" un referendo para dar por feito o cumprimento do veto xudicial ás votacións sen ter que frealas pola forza.
Así o revelou o que era secretario de Estado de Seguridade naqueles días, José Antonio Nieto, quen expresou ás claras que no gabinete de Mariano Rajoy eran conscientes de ate onde ían chegar para evitar o referendo se a Generalitat non accedía a desconvocalo. Nieto afirmou ante o Tribunal que o Goberno de España propuxo á ao Executivo de Catalunya "simular" o referendo nas "prazas dos municipios" e en "lugares abertos". A razón é que eses lugares non aparecían mencionados na prohibición do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.
O daquela secretario de Estado de Seguridade relatou ante o Tribunal que o Goberno de España "trasladou" a Puigdemont que "podería simular ese referendo nas prazas dos municipios ou en lugares abertos" que non contradirían o veto xudicial
Nieto non toca de ouvido. O ex-alto cargo do Ministerio do Interior encabezaba a delegación que trasladou a oferta de Moncloa a Carles Puigdemont a tan só 72 horas da convocatoria de votación. Como se constataría tres días despois, o Estado non lograra interceptar as urnas onde máis de dous millóns de cataláns, segundo os convocantes, acabaron depositando os seus votos.
Até agora descoñecíase que a oferta de converter o 1-O nunha xornada lúdica, con tal de que non houbese votacións nos colexios, foi trasladada en persoa a Puigdemont na reunión da Xunta de Seguridade que tivo lugar en Pedralbes o 28 de setembro. Ante o tribunal, José Antonio Nieto dixo este luns: "Non houbo o máis mínimo xesto de diálogo [por parte da delegación da Generalitat]. Chegaron cunha idea e marcharon coa mesma idea. Poderíase simular ese referendo nas prazas dos municipios ou en lugares abertos, onde non fosen contra ese mandato. Así se lles trasladou tamén".
A acta da xunta de seguridade
O ofrecemento non figura na acta da xuntanza, transcrita por un funcionario do Estado
Un dos dos motivos polos que non transcendera este ofrecemento é que daquela reunión consta unha acta, incorporada ao sumario, que non recolle tal proposta. Trátase dunha nota de de cinco folios sobre unha reunión que durou hora e media e que está redactada en estilo indirecto. Os termos utilizados denotan que o escribán é un funcionario do Estado que utiliza expresións como "mozos de Escuadra" ou "Generalidad de Cataluña". A acta, non obstante, está asinada por representantes de ambas as partes. Por unha banda, o coronel Diego Pérez de los Cobos, en representación do Estado, polo outro, Marta Gordi i Aguilar, "secretaria en representación de la Generalidad".
A declaración de Nieto sobre o volume do dispositivo policial necesario, que cifrou nuns 6.000 axentes, deixou algunha contradición. Por unha banda foi contundente ao afirmar: "Se os Mossos cumprisen o mandato xudicial, o referendo desconvocaríase". Iso é tal como afirmar que no caso de seren destiandos os 17.000 axentes da Policía catalá á xornada do 1-O no canto dos 7.800 que o propio Corpo asegura que empregou, as imaxes que deixou aquel día non existirían.
O ex-alto cargo defende que as malleiras cesaron á tarde por cansanzo dos axentes e non por ningunha "orde política"
Pero, por outra banda, Nieto non negou a afirmación realizada nunha entrevista a vozpopuli.com na que dixo que nin con 90.000 axentes sería posible deter a votación. Para rematar, Nieto teimou na tese dos outros membros do seu Goberno que declararon ao asegurar que a Policía e a Garda Civil evitaron un referendo o 1-O.
O ex-secretario de Estado atribuíu ao cansazo dos axentes, algúns comezara a traballar ás 4 da mañá, a decisión de non seguir intervindo pola tarde. Así negou que Moncloa ordenase parar as cartas ante o escándalo internacional que deixaban as imaxes das malleiras ao votantes. "Non houbo unha orde política nin de ningún outro tipo", afirmou.