Tras a visita do conselleiro apareceu a placa franquista

Placas recuperadas en Vila de Cruces CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado novembro producíase en Vila de Cruces un feito pouco común. Mentres que en diversos concellos organizacións políticas e grupos defensores da memoria histórica loitan pola desaparición de elementos franquistas dos espazos públicos, nesta vila as protestas chegaban pola reposición destes símbolos nun local municipal tras 30 anos retirados. Tratábase de dúas placas que exaltaban, respectivamente, as ditaduras de Franco e de Primo de Rivera. Estiveran colocadas na antiga casa consistorial, edificio derrubado sen previa consulta con Patrimonio e do que, casualmente, o único que se salvaron foron tales placas. O novo emprazamento dos polémicos símbolos foi inaugurado en 2010 polo conselleiro de Educación, pero aínda sen as placas.

A controversia xerada por esta recolocación, denunciada pola agrupación do PSdeG na vila, chegou ao Parlamento a través dunha pregunta do Grupo Socialista. Na súa resposta a Xunta explica que "queda constatado que no momento do acto inaugural a referida placa non estaba presente" e por iso, "tras ter coñecemento destes feitos", a Consellería "ponse en contacto co Concello de Vila de Cruces". Nesa comunicación, asegura o Goberno, o departamento que dirixe Jesús Vázquez "destacou" a "vixencia" da Lei da Memoria Histórica, texto legal que establece, precisamente, a eliminación da simboloxía franquista.

O alcalde atribúe a colocación das placas a unha exposición e a propia Xunta lembroulle a "vixencia" da Lei de Memoria Histórica

Mentres que o Executivo galego lle lembraba ao goberno de Vila de Cruces a necesidade de "cumprir coa legalidade vixente" en aras da "convivencia pacífica e respectuosa da cidadanía galega", o alcalde da localidade, Jesús Otero (PP), xustificaba a presenza destas placas nun espazo municipal. Fíxoo nunha misiva dirixida a este diario, na que cualificaba como "absolutamente falso" que a recolocación das exaltaciósn dos réximes ditatorias partise do seu gabinete, senón que foi obra de "colectivos de persoas da parroquia de Carbia" que están a "organizar unha exposición" que "se vai inaugurar o 19 de setembro de 2014", explicaba a finais de 2013.

Esta exposición acollerá "todo tipo de elementos" que fagan "referencia ao nome da vila de Carbia, nome do Concello no momento de elaboración da placa", que está exposta "non por facer referencia ao réxime anterior, nin moito menos", aseguraba Otero nesa misiva. Sempre segundo o alcalde, "todos os elementos que se van recuperando" para a mostra "non se paran a mirar se son do franquismo, da II República ou da ditadura de Primo de Rivera". "Non hai que ver máis alá do que realmente é", insistía o rexedor . Para a oposición municipal os responsables do Concello "viven no pasado ou traizoounos o subsconciente".

Placas recuperadas en Vila de Cruces CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.