Unha década despois de que Baiona copiase unha iniciativa de Nova York para os seus areais e de que se estendese por toda Galicia hai cinco anos, o Sergas quere ampliala aos parques urbanos e vén de encargar xa carteis para poñelos a disposición dos concellos
En 2012 o daquela alcalde de Baiona, o popular Jesús Vázquez Almuiña, copiou e adaptou en dúas das praias máis céntricas da vila, a da Ribeira e a dos Frades, a iniciativa de Nova York de prohibir o consumo de tabaco en praias e parques. En 2015 Almuiña foi nomeado por Feijóo conselleiro de Sanidade e decidiu estender a iniciativa a toda Galicia, onde xa son 214 as praias sen fume repartidas por 80 concellos.
Almuiña deixou a consellería en 2020, pero a súa iniciativa segue a medrar e agora o Sergas vai impulsar unha nova categoría, a de parques sen fume, e ten a intención de que no próximo ano poidan ser declarados así máis dun cento en toda Galicia.

A iniciativa das praias sen fume naceu sen prohibición nin multas, segundo Almuiña porque “un cambio tan importante non se podía facer con prohibicións porque xeraría rexeitamento”. E así segue, como un modelo replicado noutros puntos do Estado que apela á educación e á concienciación pero que xera visións contrapostas sobre se sería máis útil impulsar ordenanzas municipais que permitan multar aos fumadores.
O Sergas quere afondar na súa estratexia de “facer visible a desnormalización do tabaco na sociedade, sumándose ademais un obxectivo medioambiental ao eliminar as cabichas desas contornas”
Agora, con 214 praias xa declaradas sen fume neste 2022, o Sergas quere estender ese modelo aos parques, como xa fixera a idea orixinal de Nova York. O seu obxectivo segue a ser “facer visible a desnormalización do tabaco na sociedade, sumándose ademais un obxectivo medioambiental ao eliminar as cabichas desas contornas”. Así o di na documentación coa que vén de encargar a subministración de 126 carteis e bandeirolas por 41.000 euros para instalar nos parques dos concellos que se queiran sumar á iniciativa. Se os das praias teñen fondo azul, os dos parques serán verdes, e os soportes levarán incorporados cinceiros para poder depositar neles as cabichas. A Xunta quere contar con trinta unidades xa este ano e o resto en 2023.

Segundo salienta o Goberno galego, “a creación de espazos sen fume ao aire libre fainos avanzar e mudar a percepción social sobre o tabaco, convertendo esta contorna en educativa e preventiva, ao desnormalizar este consumo na sociedade, ademais de reforzar o modelo positivo dos adultos aos nenos e mozos”.
“Non existe un nivel inocuo de exposición ao fume de tabaco ambiental”, di a Organización Mundial da Saúde
No caso dos parques, di o Sergas, “estas contornas ao aire libre, dentro das zonas urbanas, son utilizadas pola sociedade para o ocio, encontro con amigos, lugar de xogo de menores ou de paseo en solitario” e a súa incorporación á iniciativa lanzada a nivel galego en 2016 permitirá “reforzar o modelo”. Porque segundo lembra, citando á Organización Mundial da Saúde (OMS), “non existe un nivel inocuo de exposición ao fume de tabaco ambiental”. “Crear espazos totalmente libres de fume de tabaco é a única maneira de protexer ás persoas dos efectos nocivos do tabaquismo pasivo”, conclúe.