Tres dirixentes do BNG terán que responder ante o xulgado pola protesta anti-troika en Santiago

Protesta anti troika na Praza da Quintana CC-BY-SA BNG Santiago

Tres dirixentes do BNG deberán responder ante os xulgados pola vía penal logo de ter participado na concentración de protesta contra a troika co gallo da visita da chanceler alemá Angela Merkel do pasado 25 de agosto en Compostela. Segundo adianta La Voz de Galicia, os sancionados son o voceiro local en Santiago, Rubén Cela, así como os responsables na Coruña, Paulo Carballada, e en Guitiriz, Alfonso Losada.

Dirixentes do BNG de Compostela, A Coruña e Guitiriz terán que responder ante os xulgados pola vía penal

Tan só o dirixente de Compostela reicibiu tamén a notificación da apertura dun expediente administrativo sancionador da Subdelegación do Goberno da Coruña e que lle podería supor unha multa de 300 euros por ter participado na concentración. O Bloque non ten constancia deste proceso por vía penal, que é o que provoca que esta multa sexa suspendida ata que se resolvan estas accións no xulgado.

"Alarma a política do PP de incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía", denuncia o Bloque

"Alarma a política do PP de incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía", respondeu nas redes sociais o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que censura así un proceso que a formación nacionalista considera unha campaña contra a protesta e a súa propia organización.

O atestado policial, segundo La Voz, acusa a Carballada de terlle quitado a pistola a un policía e a Losada de ter agredido a outro axente cravándolle un obxecto que lle causou unha ferida. As acusacións son moi graves e o BNG negounas en todo momento. Ademais, destaca que non houbo identificado ni detido ningún do Bloque no día da protesta. Rubén Cela, de feito, foi ferido tras ser golepado cunha porra e acabou polo chan. O voceiro en Compostela ten previsto recorrer a sanción, pero Paulo Carballada terá que declarar como imputado xa o luns da vindeira semana.

O atestado policial acusa dous dos dirixentes de terlle quitado a pistola a un axente e de ter agredido a outro

Logo daquela protesta, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a actuación policial contra a manifestación anti troika, unha defensa que foi aínda máis vehemente dende a Delegación do Goberno de España en Galicia. O seu responsable, Samuel Juárez, non aforrou críticas para a CIG, o BNG e AGE mentres que defendeu a actuación dos antidisturbios que, di, se limitaron a "facer o seu traballo" e "defenderse" cunha carga policial. "Tentaron traspasar o cordón policial pola forza e a Policía tivo que defenderse desa agresión e desa violencia", resolveu, mentres o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, critica que as mobilizacións non se celebrasen nunha data diferente á da visita oficial.

Protesta anti troika na Praza da Quintana CC-BY-SA BNG Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.