Tres lucenses logran que o Supremo atribúa a persoal de emerxencias e non de enfermaría o traslado de material para esterilizar

Sentenza do Supremo tras un recurso de dous enfermeiros de Lugo que establece xurisprudencia sobre as funcións da enfermaría en relación co material a empregar nas urxencias sanitarias CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal fixa xurisprudencia a nivel estatal e delimita as funcións das dúas categorías profesionais despois de que o Sergas tentase responsabilizar a enfermeiros do 061 do transporte do material entre as ambulancias e o servizo de esterilización do HULA

Dous enfermeiros do servizo de emerxencias sanitarias 061 en Lugo e unha avogada da cidade veñen de lograr unha vitoria no Tribunal Supremo que supón fixar xurisprudencia a nivel estatal sobre as funcións que corresponden á súa categoría profesional e as dos técnicos de emerxencias. En concreto, o alto tribunal establece, tras unha longa batalla dos afectados contra a Xunta, que o traslado de material sanitario entre as ambulancias e os servizos de esterilización, e viceversa, é unha competencia dos técnicos de emerxencias e non dos enfermeiros.

A avogada do caso, Pilar García Vilar, salienta a satisfacción dos seus clientes, que non queren protagonismo, e dela mesma por un pronunciamento do Supremo que adoita ser difícil de obter. Para comezar son poucos os asuntos que o alto tribunal admite a trámite en casación para establecer xurisprudencia como fai neste caso, lembra a letrada, e despois hai que lograr un pronunciamento favorable, como se obtivo neste caso. "Son moitos anos de traballo", conclúe García Vilar.

Ambulancias e técnicos do 061 ante a Consellería de Sanidade nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O caso orixínase ante as discrepancias sobre quen debía trasladar entre as ambulancias e o servizo de esterilización do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) o material xa empregado nas emerxencias para que fose esterilizado, ou á inversa o material xa limpo para seguintes usos. En xaneiro de 2019 a dirección do 061 emitiu unha resolución atribuíndo esa responsabilidade ao persoal de enfermaría. Estableceu que estes debían facelo "persoalmente" aínda que puidesen estar acompañados por persoal técnico de emerxencias sanitarias "se se lles require", pero coa indicación expresa de que ese persoal técnico "non transportará o indicado material, basicamente porque entre as funcións da enfermaría se atopa o vixiar a conservación e bo estado do material sanitario". E sobre ese aspecto centrouse o debate xurídico do caso. 

A dirección do 061atribuíu en xaneiro de 2019 a responsabilidade aos enfermeiros e a Xunta nin contestou o seu recurso, pero agora o Supremo dálles a razón tras "moitos anos de traballo", segundo salienta a avogada Pilar García Vilar

Os dous enfermeiros presentaron primeiro unha reclamación ante a propia Xunta, que nin lles contestou. Acudiron despois a un xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo que si lles deu a razón en setembro de 2021. Pero a Xunta recorreu e en abril de 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia corrixiu a sentenza anterior e avalou a decisión da dirección do 061. 

Os afectados non desistiron e a súa avogada recorreu ante o Tribunal Supremo. Foi o alto tribunal o que entendeu que existía "interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia" en "determinar o alcance das competencias dos enfermeiros en relación coas funcións de traslado, entrega e recollida de material empregado nas asistencias sanitarias".

Ambulancias do 061, nun centro sanitario galego CC-BY-SA Xunta

No proceso o TSXG e a Xunta mantiveron que a lei de ordenación das profesións sanitarias de 2003 e o estatuto do persoal auxiliar sanitario de 1973 establecen que é competencia da enfermaría a vixilancia e conservación do material sanitario e a prevención de enfermidades. Nese sentido, ao seu ver a vixilancia do material sanitario só se lograría se son os propios enfermeiros os que o transportan, e a prevención de enfermidades se son tamén eles os que garanten que nese transporte o material xa empregado non propaga enfermidades e o esterilizado non se ensucia. Pola súa banda, esa mesma visión restrinxiu as competencias do persoal técnico de emerxencias ás propias ambulancias.

Porén, o Supremo corrixe esa visión e establece que "as tarefas de traslado, entrega e recollida do material sanitario para a súa esterilización non son asistencia sanitaria en sentido estrito" senón un labor complementario e polo tanto non forma parte dos cometidos da enfermaría segundo os describe a lei de ordenación das profesións sanitarias. "O enfermeiro, como profesional sanitario titulado, será o encargado de que o material sanitario estea en condicións de ser usado, pero non o será, sen embargo, de realizar labores complementarias que engloban todo o relativo ás tarefas de limpeza e desinfección", di o Supremo. 

Persoal de enfermaría nun hospital galego © Sergas

Para o alto tribunal, "só unha interpretación en exceso expansiva" como a que realizou o TSXG avalando a postura da Xunta "permite considerar que non resulta factible levar a cabo a función de vixilancia e conservación do material sanitario se o enfermeiro non realiza por si o traslado". 

O tribunal considera un exceso considerar que só se garante o correcto estado do material se o transportan os enfermeiros

O Supremo tampouco considera adecuado circunscribir a competencia dos técnicos de emerxencias para "controlar e repoñer as existencias de material sanitario" a exclusivamente os habitáculos das ambulancias. "Porque as dotacións e o material sanitario non están neses espazos senón no centro hospitalario", di o Supremo, que engade que "o centro hospitalario non é un espazo cerrado aos técnicos en emerxencias sanitarias".

Por todas estas consideracións o Supremo establece como xurisprudencia que "entre as competencias dos enfermeiros non cabe incluír as funcións de traslado, entrega e recollida do material empregado nas asistencias sanitarias prestadas nas dotacións dos servizos de emerxencias prehospitalarios ás dependencias hospitalarias de esterilización". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.