"Non se logra que a asistencia se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio", censura o Consello de Contas tras analizar os servizos de emerxencias sanitarias da Xunta
"Non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio". Esa é a conclusión á que chega o Consello de Contas tras analizar o funcionamento dos servizos de emerxencia sanitarios da Xunta, o 061.
Entre outras cuestións porque as súas 107 ambulancias de soporte vital básico, que deben poder atender o 90% da poboación de Galicia en menos de 15 minutos, só foron quen de facelo en 2021 en 115 concellos. Isto deixa fóra 198 municipios que suman 592.000 habitantes, o 22% da poboación.
O Consello de Contas, ente independente fiscalizador do gasto público das administracións galegas, vén de facer público un informe no que analiza o grao de cumprimento dos contratos-programa asinados entre o Sergas e as súas fundacións sanitarias, entre elas a de emerxencias sanitarias, o 061. O informe comeza sinalando diversas eivas nos indicadores contemplados polo Sergas no seu propio contrato-programa co 061 para avaliar o cumprimento dos obxectivos e a calidade do servizo. Por iso, os auditores do Consello de Contas solicitaron ao 061"os datos sen tratar do ano 2021 dos tempos de mobilización e dos lugares de asistencia". E o que obtiveron é o seguinte panorama.
Para Contas "o único indicador fiable para a avaliación da calidade do servizo é o tempo medio de resposta total" entre que o 061 recibe unha chamada e chega a asistencia, fronte aos catro tempos parciais que valora o Sergas (entre a chamada e a clasificación da urxencia, a activación do recurso sanitario, a súa mobilización e a chegada a destino). Porque Contas considera que "un aspecto fundamental da atención sanitaria é que sexa equitativa" e "un dos posibles eixes de desigualdade no ámbito do transporte sanitario é o territorio, en canto que o lugar onde se produza a emerxencia pode condicionar ou supoñer unha limitación na prestación da asistencia".
En 2021 as ambulancias básicas realizaron 105.000 servizos en toda Galicia e tardaron unha media de 17 minutos e 48 segundos, por riba do límite de 15 minutos fixado polo propio Sergas
Nese aspecto, o contrato-programa entre o Sergas e o 061 establece que como mínimo o 90% da poboación debe estar cuberta en 15 minutos cando se mobilice unha ambulancia de soporte vital básico (en 2021 había 107 vehículos) e o 65% da poboación en 20 minutos cando sexa precisa unha ambulancia de soporte vital avanzado (16 vehículos, 12 con persoal médico e 4 con persoal de enfermaría). A análise global dos auditores de Contas conclúe que "non se acada o obxectivo para ningún dos dous recursos asistenciais".
As ambulancias básicas, que prestaron un total de 105.124 servizos en toda Galicia en 2021, tardaron unha media de 17 minutos e 48 segundos no global do país. O tempo foi superior aos 15 minutos fixados como límite en 198 concellos que supoñen un 22% da poboación galega (592.000 habitantes), polo que o grao de cumprimento do obxectivo foi do 78% fronte ao 90% establecido.
No caso das ambulancias avanzadas, que prestaron un total de 22.670 servizos, o tempo de chegada "foi superior a 20 minutos ou non é susceptible de prestarse o servizo para 229 concellos, que representan o 36% da poboación", uns 966.000 habitantes. Neste caso Contas constata que o tempo de atención en menos de 20 minutos das ambulancias avanzadas só se cumpre "para as sete grandes cidades e para os concellos de Foz, de Monforte de Lemos, de Vilagarcía de Arousa e para as zonas comprendidas nun radio de 20 km, mentres que as zonas do interior das catro provincias, especialmente de Lugo e do sur de Ourense, quedan fóra da isocrona".
Contas di que os concellos con peor tempo de resposta das ambulancias básicas son Avión, Cervantes, A Lama, Negueira de Muñiz e Triacastela. Mentres, hai concellos que carecen sequera da "posibilidade real" de ter unha ambulancia avanzada
O informe mesmo cita os concellos que considera que presentan un peor tempo de resposta. No caso das ambulancias básicas, Contas sinala os concellos de Avión, Cervantes, A Lama, Negueira de Muñiz e Triacastela. Pero no caso das ambulancias avanzadas a situación nin sequera é comparable, segundo Contas, xa que hai concellos que carecen sequera da "posibilidade real de contar coa asistencia deste recurso, evidenciándose unha clara desigualdade en canto á cobertura coa que se conta en función da situación xeográfica".
O 061 recibiu 853.000 chamadas en 2021 das que 12.397 non foron descolgadas e 13.284 tardaron máis dun minuto en seren atendidas
Nese sentido, as ambulancias avanzadas só prestaron algún servizo en 2021 en 176 dos 313 concellos de Galicia. E neles, fronte o requisito dos 20 minutos, a media real foi de 31 minutos e 21 segundos.
Contas tamén analiza outras variables do funcionamento do 061. Canto ás chamadas recibidas polo 061, en 2021 foron 853.000, das que 12.397 (1,5%) non foron atendidas. O tempo medio de descolgue da chamada foi de 6 segundos, pero Contas tamén constata que 13.284 chamadas tardaron máis dun minuto en seren atendidas.
En 2021, ano analizado por Contas e no que o contrato-programa do 061 foi mellorado, o servizo supuxo un custo duns 68 millóns de euros, fronte aos arredor de 45 millóns da década anterior. O ente fiscalizador tamén sinala que en 2018, 2019 e 2020 "non se celebrou ningunha reunión da comisión de seguimento do contrato-programa", e que estas só volveron celebrarse en 2021 e 2022. "A ausencia das reunións da comisión de seguimento evidencian unha debilidade no control do seguimento e cumprimento do contrato-programa", conclúe o Consello de Contas.