A CIG acusa o Sergas de "falsear as estatísticas" do tempo de espera das ambulancias no Morrazo

Ambulancia do 061 diante do PAC de Cangas © CIG

A central sindical sinala que se está a "falsear" o tempo que tarda a ambulancia en chegar ata a pesoa que precisa axuda co fin de "reducir as estatísticas" e xustificar así a ausencia de reforzos nas ambulancias do Morrazo

A CIG volve alertar do aumento no tempo de espera para a asistencia das emerxencias sanitarias no Morrazo. Un problema que vén consecuencia directa da "falta de ambulancias do 061" e cuxas consecuencias empeoran durante o verán. O sindicato asegura que esta escaseza de vehículos de emerxencias está a provocar unha "grave situación" na comarca e considera "imprescindíbel e urxente" o reforzo por parte do Sergas 

Desde a CIG tamén acusan o Sergas de ocultar datos sobre a verdadeira realidade da asistencia extrahospitalaria na zona. Pois sinalan que se está a "falsear" o tempo que tarda a ambulancia en chegar ata a pesoa que precisa axuda co fin de "reducir as estatísticas" e xustificar así a ausencia de reforzos nas ambulancias. 

Foto de arquivo do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, falando cunha técnica dunha ambulancia CC-BY-SA Xunta

Segundo explican na CIG, o propio persoal do servizo denuncia que xa durante a pandemia, pero máis agora co inicio do verán, "se están a producir de maneira habitual, reiterada e de xeito permanente" situacións nas que se computa "o tempo que tarda a ambulancia en chegar dende que queda operativa tras unha asistencia anterior e non o tempo que transcorre mentres o paciente agarda a que unha ambulancia estea dispoñible".

Desta maneira, denuncian, "o tempo de espera dende que se determina que unha persoa precisa atención por parte do persoal do 061 ata que finalmente a ambulancia chega ao lugar da asistencia é falseado para reducir as estatísticas".

A central sindical lembra que a comarca do Morrazo "conta tan só con tres unidades de Soporte Vital Básico con base en Cangas, Moaña e Bueu". Estas mesmas ambulancias tamén poden –cando así o require a gravidade da situación– recoller persoal nos Puntos de Atención Continuada (PAC) ou nos centros de saúde.

Ambulancia do 061, nun simulacro de traslado urxente © Xunta

"A realidade habitual é que estes tres vehículos de emerxencia estean permanentemente ocupados ao longo do ano, sobre todo en horario diúrno, o que provoca a activación de ambulancias con base noutras vilas afastadas", salientan desde a CIG.

A CIG acusa aos responsables do 061 e do Sergas de "ocultar deliberadamente datos ao respecto da verdadeira situación da asistencia extrahospitalaria na comarca"

No sindicato acusan aos responsables do 061 e do Sergas de "ocultar deliberadamente datos ao respecto da verdadeira situación da asistencia extrahospitalaria na comarca pese a teren sido solicitados formalmente por rexistro público por esta organización". Pola súa banda, ven como "imprescindible e urxente" o "reforzo no servizo do 061 no Morrazo ás 24 horas do día, durante os 365 días do ano". 

Ademais, censuran que se están a empregar "cada vez máis ambulancias de fóra da Rede de Transporte Sanitario Público para atender emerxencias sanitarias" que "cobran en función do número de servizos que realizan, sen atender a calidade na asistencia". Servizos de ambulancias privados que, segundo traslada a CIG, "non contan coa máis mínima supervisión por parte do Sergas sobre o tipo de vehículos, o material que dispoñen, o número de profesionais e a súa titulación". 

Neste sentido, apuntan que o Sergas lles manifestou que "as ambulancias de fóra da Rede de Transporte Sanitario Público contan co compromiso escrito do empresario/a de cumprir coa lexislación vixente. Por este motivo non é necesario realizar as inspeccións periódicas efectuadas a ambulancias do 061".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.