Folga de ambulancias na primeira semana de xullo. Os catro sindicatos con representación no sector (CIG, CCOO, UGT e USO) presentarán axiña unha convocatoria de folga logo do apoio practicamente unánime á proposta recibida polas asembleas de traballadores celebradas esta semana en toda Galicia.
As asembleas acordan ir á folga ante o "inmobilismo" da patronal na negociación dun novo convenio
A previsión é que os paros teñan lugar os vindeiros 6 e 7 de xullo, ademais de mobilizacións na segunda semana do mesmo mes e folga de novo os días 19, 20 e 21 de xullo, na previa do día de reflexión e das eleccións xerais do 23.
A razón que esgrimen os sindicatos é o "inmobilismo" da patronal na negociación que manteñen para un novo convenio xa que o de 2019 mantense prorrogado desde principios deste ano. Dun total de 352 votos na asembleas celebradas na Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago, Ourense e Lugo, tan só houbo nove abstencións e ningún voto en contra da convocatoria de folga.
"Chegamos a esta situación pola negativa da patronal e da Consellería de Sanidade de avanzar nunha negociación que pretendían rápida"
Constituído xa o comité de folga, os próximos días rexistrarase formalmente a convocatoria de paros, segundo explican os sindicatos, así como "as accións de mobilización e presións que se van realizar". "Chegamos a esta situación pola negativa da patronal e da Consellería de Sanidade de avanzar nunha negociación que pretendían rápida", di a representación do persoal, que asegura que "non haberá solución se no convenio non se compensa o aumento da carestía da vida e se dan as garantías necesarias para manter o poder adquisitivo do sector nesta situación tan cambiante, ademais de incluír o resto de medidas de tipo social que son fundamentais para este sector".
O principal atranco na negociación, segundo contan os sindicatos, é o económico, ao non chegar a un acordo sobre a petición de que se acepte garantir a suba do IPC no convenio e, a partir desta, ir engadindo unha suba salarial. O ofrecemento dun incremento do 4% veno insuficiente e advirten de que son moitos os traballadores que roldan o salario mínimo.
Ademais, acusan a Xunta de "mirar para outro lado" e lembran que é "de quen depende todo". Con todo, xa advirten da posibilidade de que se decreten servizos mínimos do 100% e de que moita veces acaban sendo declarados abusivos por sentenzas xudiciais.
O anuncio desta folga nas ambulancias únese ás protestas que nos últimos días se levan a cabo en varios puntos de Galicia, tamén na loita por un convenio digno e mellorada como pano de fondo. O metal en Vigo e en toda a provincia de Pontevedra, o comercio de alimentación en Lugo e tamén en Pontevedra, o sector da limpeza en varias zonas ou o persoal de escolas infantís privadas son algúns dos traballadores que están a mobilizarse e a convocar folgas nesta altura.
Folga no comercio de alimentación
Precisamente, a folga convocada pola CIG no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra obrigou este venres a pechar varios establecementos en Vigo, onde centos de persoas percorreron as rúas en demanda dun "convenio digno" e un "salario xusto".
A oferta económica da patronal suporía un aumento salarial do 2% en 2023 e do 1% en cada un do tres anos seguintes, o que supón un 5% na totalidade de vixencia do convenio. "Estas cifras son unha auténtica burla para o sector, xa que o IPC de ano anterior, 2022, terminou nun 5,7%. Ademais, néganse a reducir a xornada semanal”, denuncia a CIG nunha xornada de folga que tiña previsto celebrarse tamén na provincia de Lugo, onde o paro foi desconvocado logo de que USO e UGT chegaran en solitario a un acordo para o convenio co empresariado.
Por outra banda, o persoal de amarre de barcos no Porto de Vigo convocou tamén tres xornadas de paro por un "convenio digno", segundo informou a CIG, sindicato que ostenta a representación sindical. A folga será os días 26 e 30 de xuño e o venres 7 de xullo, de 5 da madrugada a 12 do mediodía.