Un alcalde do PSOE e unha alcaldesa do BNG pásanse ao 'baltarismo'

Baltar, cos seus candidatos e outros cargos do PP, en Celanova © PP Ourense

"A política é unha arte dinámica". Esta sentenza, atribuída ao anterior líder dos socialistas galegos, podería ser perfectamente aplicable ao PP da provincia de Ourense, principal sustento das maiorías absolutas dos populares en Galicia tanto con Fraga como con Feijóo e extensión partidaria da familia Baltar, antes co seu patriarca, José Luís, e agora co fillo deste, José Manuel, que desde principios da década substitúe ao pai no partido, na Deputación e agora tamén, en determinados modos de extensión da marca. Baltar fillo acudiu este sábado ao claustro do mosteiro de Celanova para presentar os seus candidatos ás municipais na comarca e entre eles figuran dúas persoas que xa ostentan o bastón de mando nas súas vilas: unha polo PSdeG e a outra, polo BNG.

A segunda xeración do baltarismo presenta estas fichaxes como meras incorporacións e facilita os seus datos á prensa especificando, unicamente, o ano no que se incorporaron ás súas respectivas alcaldías. O que abandona as siglas do PSdeG para abrazar as do PP é Avelino de Francisco, policía nacional xubilado que se converteu en rexedor da súa localidade en 2007 entre unha dura polémica, precisamente, coa dirección do PP. Quen entón xa era secretario xeral do partido en Galicia, o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, esixiulle a De Francisco o seu abandono inmediato da Alcaldía por ser policía na reserva o que, aseguraba, convertía a súa situación en "ilegal".

Ambos rexedores eran independentes e, no caso da Bola, a alcaldesa xa estivo afiliada ao PP

No caso da alcaldesa da Bola, a fichaxe é, realmente, unha volta á casa. Teresa Barge é filla de Pedro Barge, alcalde do mesmo Concello durante máis de dúas décadas e falecido en 2001. Nesta conxuntura todo parecía indicar que a candidata do PP en 2003 ía ser a súa filla Teresa, que chegou a afiliarse ao partido. Pero, poucos meses antes dos comicios, as componendas internas da formación acabaron colocando a outro candidato e ela, lonxe de abandonar a batalla, fundou un partido independente que empatou en concelleiros co PP pero conseguiu a alcaldía grazas ao apoio do BNG, formación na que acabou desembocando como independente e pola que foi candidata en 2007.

Agora estes dous rexedores independentes xa se presentan ante as súas respectivas veciñanzas avalados polo baltarismo e compartindo escenario este sábado con, entre outros, os aspirantes a revalidar a alcaldía de Ramirás, María Pilar Otilia López, alcaldesa desde 1975; e Quintela de Leirado, onde José Antonio Pérez ostenta o bastón de mando desde 1976. A mensaxe destacada polos populares neste acto é que "a 176 días das eleccións, o PP é o único partido que xa designou 91 cabezas de lista dos 92 totais da provincia de Ourense" cun "proxecto político preparado para gobernar desde o minuto uno".

Baltar, cos seus candidatos e outros cargos do PP, en Celanova © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.