Un BNG entusiasmado ve a Pontón na presidencia: "Se ningún voto do cambio se perde, faremos historia"

Ana Pontón, no mitin de peche da campaña do BNG para o 18F, este 16 de febreiro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

"Están pasando moitas cousas que non pasaran nunca". Un militante veterano observa unha bancada chea do compostelán pavillón Fontes do Sar. A memoria fálalle de cando, hai pouco máis dunha década, o BNG estivo en serio risco de desaparición. E agora, resume, "pode haber goberno".

O Bloque desborda as súas propias expectativas no mitin de peche dunha campaña que ve "histórica"

A pé de pista non fican cadeiras baleiras. Entre a militancia distínguense rostros que durante anos estiveran formal ou sentimentalmente afastados do devir do Bloque. Entre eles, o ex-vicepresidente Anxo Quintana, quen hai agora dúas décadas sucedera na portavocía nacional a Xosé Manuel Beiras, tamén presente. Ambos acceden de bo grao a posaren para unha fotografía. Os dous acudiron ao peche dunha campaña que, reiteran os presentes, "pase o que pase" xa é "histórica". Pero máis histórica será se os votos do 18F compoñen un Parlamento que poida elixir a Ana Pontón como nova presidenta. E iso, cren no Bloque, pode suceder. É difícil, pero pode pasar "se ningún voto do cambio queda sen representación" e se "concentra no BNG".

Vista do Multiusos Fontes do Sar durante o mitin de peche de campaña do BNG, este 16 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Ao fío das oito da tarde as dúas mil prazas previstas para o mitin fican escasas e obrigan a retirar as lonas que cobren parte da bancada. Fábrica de luz, o tema d'A banda da Loba que o Bloque escolleu como sintonía de campaña, acompaña a chegada de Pontón, recibida entre berros de "presidenta" e "BNG, BNG". Cando Daniel Castro, número dous da candidatura por Lugo, asume o rol de mestre de cerimonias, a concorrencia xa está entregada: "Vaia campañón que fixemos!", exclama ante as arredor de 3.000 persoas presentes lucindo unha camisola do colectivo Defende a Galega.

"Este país xa cambiou e o domingo vaise levantar e facer historia, o cambio é imparable, está aquí e ninguén o vai frear", di Pontón, que apela especialmente a que nunca votou BNG

Tras a intervención de Goretti Sanmartín, que evocou a campaña que a levou a alcaldía o pasado ano como "primeiro paso" para un triunfo de Pontón que o 18F deixe atrás "a encarnación da tristura" que, di, é o actual Goberno do PP, a candidata toma a palabra ante un público entregado antes da primeira frase. "Este país xa cambiou e o domingo vaise levantar e facer historia, o cambio é imparable, está aquí e ninguén o vai frear" porque quen o impulsa son "milleiros de persoas ilusionadas", proclama, e chegamos "con máis forza ca nunca".

Dende o centro da pista, Pontón diríxese a "todos os galegos e galegas que levan este país na cabeza e no corazón". "Dá igual o que votasen noutras ocasións, hai moitas maneiras de sentirse galega ou galego, todas son necesarias para o cambio", para un cambio que di, chegará dende a "unión" como a que permite, explicou, que no serán deste venres estivesen presentes Beiras ou Carmen Santos, antiga líder de Podemos en Galicia.

Intervención de Ana Pontón no mitin de peche da campaña do BNG, este venres CC-BY-NC-SA BNG

O PP, mantén Pontón, "vai perder estas eleccións a pesar de todo". Tras unha campaña "de difamación e mentiras" dos de Alfonso Rueda, asegura, o "único medo" que ten a xente é a que "nada cambie". "Imos gañar a pesar das súas mentiras", do seu "caciquismo 2.0" ou de que "o Partido Popular vampirizase a TVG ata convertela en Tele PP".

"Imos gañar a pesar das súas mentiras", do seu "caciquismo 2.0" ou de que "vampirizasen a TVG", afirma a candidata sobre o PP

"Construír unha Galiza en grande" dende a "defensa dos servizos públicos" a comezar pola sanidade, "acabar co espolio eléctrico" e crear "unha compañía eléctrica cen por cen pública", "mellorar a educación pública" ou "ver as persoas maiores non como un negocio, senón como persoas que poidan estar nas súas casas con todos os coidados" foron algúns dos compromisos enunciados por Pontón nun mitin de peche de campaña no que, advertiu, o que está en xogo é "o país das próximas décadas", a "vida das galegas e galegos".

Así culminou a candidata do Bloque a que denominou como a "campaña da alegría", a carreira electoral tras a que quere "que fagamos historia todos e todas" o 18F e coa que quere "entrar pola porta da Xunta" con "todas as mulleres deste país". "Imos facer historia por todas!", exclamou, e "imos gañar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.