Dende o pasado setembro só un dos tres grupos da oposición galega ten o seu líder sentado no Parlamento. O máis recentemente elixido, José Ramón Gómez Besteiro, compatibiliza a presidencia da deputación de Lugo coa secretaría xeral do PSdeG, cargo orgánico que exerce tamén en Compostela pero non no hemiciclo do lexislativo, por motivos obvios. O debate orzamentario anual deulle este venres a Besteiro a oportunidade de falar por primeira vez na Cámara dende que accedeu ao liderado do seu partido e por iso, aínda que en calidade de titular do ente provincial, realizou un discurso que transcendeu as cuestións técnicas. Nesa liña, tentou poñerlle cifras a un propósito que semella amplo: demostrar a "viabilidade" económica dos gobernos de esquerdas.
Vinte e catro horas despois de reunirse cos secretarios xerais de CIG, CC.OO. e UGT para coordinar con eles a "axenda social necesaria para Galicia" Besteiro presenta os orzamentos da administración que preside como mostra da "viabilidade da alternativa política progresista". "Pódese saír da crise dende a esquerda", asegura o socialista, presentando como mostra desta aseveración as "prioridades" das súas contas, a saber: "crear emprego e fixar poboación" e "garantir servizos de calidade". En contraposición coa doutrina Feijóo Besteiro mantén que "é posible gobernar mellor dende a esquerda" e "facer compatible un programa progresista" cunhas "contas saneadas e estables".
"É posible gobernar mellor dende a esquerda e compatibilizar un programa progresista cunhas contas saneadas"
Neste sentido, o xefe de filas do PSdeG mantén que "creo na débeda", pero "cando se utiliza para o que se debe utilizar", é dicir, para financiar as devanditas prioridades. Isto non impide, asegura, que o gabinete que preside -de coalición co BNG-, sexa "a deputación con menos débeda financeira de Galicia" e a quinta de todo o Estado, cunha amortización ano a ano que, asegura, permitirá "acadar o endebedamento cero no ano 2016", afirmación que ilustrou amosando dúas gráficas ante os deputados e deputadas, unha descendente, a do endebedamento da Deputación lucense, e outra ascendente, a do endebedamento da Xunta, "que se disparou, chegando a duplicarse" sen que isto, reprocha, significase un incremento dos servizos públicos. En Lugo, di, o saneamento produciuse "sen recortar dereitos nin servizos", senón "reestruturando" e, por exemplo, "eliminando fundacións de dubidosa legalidade".
O PP culpa a Besteiro de realizar demasiados recortes orzamentarios
A falta dun cara a cara con Alberto Núñez Feijóo o PP confioulle un ano maís a réplica a Besteiro ao seu número dous na provincia de Lugo, o deputado José Manuel Balseiro. Ante a exposición do socialista o conservador baséase nas cifras dos remanentes de tesouraría para sentenciar que "a Deputación de Lugo é a metade menos solvente que cando chegou" Besteiro, nunha defensa implícita do cuestionado Francisco Cacharro Pardo. Fronte ao apoio de PSdeG e BNG á política social do ente provincial -e, aínda que con matices, tamén de AGE-, Balseiro espeta tamén que "a Deputación de Lugo é a que máis recortes fixo"e, ademais, reprocha, "non lles preocupa o desemprego" porque "non quixeron asumir un programa de emprego en colaboración coa Xunta", afirma, entre acusacións de presuntos casos de corrupcións vinculados a programas turísticos e críticas por non realizar máis investimentos en obras.
"Non podemos facelo todo pero temos criterio e tomamos decisións", retruca Besteiro, quen admite que "non estamos facendo obras novas" e "dicímosllelo aos cidadáns", xa que os cartos van, principalmente, para "fomento do emprego e servizos sociais" e a isto se dedica, por exemplo, o groso do Plan de Obras e Servizos. No que atinxe ás supostas irregularidades o socialista recoméndalle "moita mesura e moita precaución" ao PP, porque "levan unha traxectoria de estrepitosos fracasos" en todas as ocasións que levaron o gabinete provincial ante os tribuntais. "A xestión da Deputación é totalmente transparente" afirma, ata o punto de que ten respondidas "44 das 58" solicitudes de información do PP, isto é, máis do 75%. No caso da Xunta, a oposición recibiu menos do 40% dos documentos que reclamou no que vai de lexislatura.