A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir catro autos que abocan a Marina Castaño, segunda muller de Camilo José Cela, a ser xulgada por malversación de caudais públicos por un xurado popular. Xunto a ela sentarán no banco outros tres cargos públicos: o ex conselleiro de Fraga e patrón da Fundación Cela Dositeo Rodríguez, a súa filla e ex directora da Fundación Covadonga Rodríguez e o ex xerente da mesma entidade Tomás Cavanna. Tras analizar varios recursos dos imputados, a Audiencia considera que hai probas suficientes de que os catro participaron na presunta negociación ilegal para que Cavanna deixara voluntariamente o seu cargo pero que a Fundación o indemnizase igualmente con 150.000 euros como se fose un despido. Pola contra, a Audiencia arquiva outra investigación polos traballos privados que un ordenanza da Fundación Cela realizaba para Marina Castaño e pide á xuíza instrutora do caso seguir investigando un terceiro presunto delito de fraude do IVE, a dirimir noutro xuízo distinto que non impedirá a celebración xa da vista oral con xurado popular pola malversación.
A Audiencia rexeita dous recursos dos imputados, admite outro e pide seguir investigando un terceiro aspecto
Os autos da Audiencia da Coruña prodúcense como consecuencia de varios recursos interpostos polos catro imputados contra decisións da xuíza de instrución que leva investigando o caso desde 2012. A Audiencia cualifica esa investigación de “exhaustiva” e dálle a razón á xuíza na súa consideración de que se produciu unha malversación de caudais públicos. O tribunal di que “desde o ano 2007 máis do 50% dos ingresos da Fundación proviñan de subvencións públicas” e que en 2010, cando Tomás Cavanna deixou a Fundación cunha indemnización de 150.000 euros, a entidade xa tiña a consideración oficial de Fundación Pública Galega. Con estes datos, o tribunal considera que “os recurrentes eran funcionarios públicos a efectos penais, por desempeñar funcións nunha fundación do sector público” e que os cartos implicados na investigación eran caudais públicos, polo que considera xustificado abrir xuízo xa contra eles, que no caso do delito de malversación de caudais públicos debe ser xulgado por un xurado popular.
O tribunal di que a Fundación era pública e se financiaba maioritariamente con cartos públicos cando se produciron os feitos, polo que os seus responsables eran tamén cargos públicos
Pola contra, a Audiencia considera que debe proseguir a investigación sobre un presunto fraude no IVE que a Fundación recuperaba por estar exenta da súa tributación e que segundo a xuíza instrutora Castaño e Cavanna derivaban a unha sociedade privada. Segundo o tribunal, “a instrución neste particular non está o avanzada que debera” e, de existir ese delito, non debería ser xulgado por un xurado popular senón por un xuíz profesional. Por iso, pide á xuíza que abra unha causa separada na que se sigan investigando eses feitos.
A investigación seguirá sobre un presunto fraude no IVE e péchase sobre os traballos privados para Marina Castaño dun empregado da Fundación
A Audiencia tamén rexeita unha petición de Marina Castaño de realizar máis probas que permitan determinar se ela mesma resultou beneficiada ou non da súa relación coa Fundación. O tribunal di que a causa só analiza se “tomou parte nunha suposta malversación dos caudais públicos”, polo que denega a realización desa dilixencia.
Por último, a Audiencia si estima un recurso dos imputados sobre outro dos feitos investigados, que a propia xuíza instrutora do caso xa non consideraba constitutivo de delito. En particular, o tribunal “non observa o debido encaixe punitivo”, por terse producido cando a entidade aínda era privada, da “contratación dun empregado como ordenanza da Fundación e o seu emprego, para usos privados, pola súa presidenta, Marina Castaño”.