Unanimidade parlamentaria para instar as empresas á "igualdade salarial efectiva" de mulleres e homes

Pleno no Parlamento, este martes © Parlamento de Galicia

A fenda salarial de xénero entrou e saíu dos peores anos da crise practicamente intacta. As mulleres galegas cobran, de media, uns 4.300 euros menos que os homes ao ano. Os anos de dificultades económicas apenas reduciron un indicador que durante a etapa previa, a de crecemento, non fixo máis que empeorar. É neste contexto no que este martes os grupos do Parlamento deron en avalar coa unanimidade dos seus votos, no marco dun pleno marcado polas propostas contra a violencia machista, unha iniciativa para instar as empresas a acadaren a "igualdade salarial efectiva" no horizonte do ano 2020.

O acordo non recolle a totalidade da moción sobre o que foi tecido, formulada pola deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, pero si que chega a un consenso básico. Se a Xunta cumpre o pactado terá que dirixirse a sindicatos e patronal para, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, "promover que na negociación colectiva de ámbito galego se considere obxectivo a acadar" no devandito horizonte a equiparación salarial entre mulleres e homes pola realización do mesmo traballo.

As mulleres galegas cobran, de media, uns 4.300 euros menos que os homes cada ano

Unha apelación ao Goberno de España para que impulse unha "lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres" completa un texto que, di a autora da moción, ten a intención de amosar que "a fenda salarial de xénero é tamén unha forma de violencia". "A desigualdade salarial -subliña Vázquez Verao- mantén a desvalorización dos traballos femininos e a imaxe da muller dependente do home", ademais de provocar que "moitas mulleres precarias queden atrapadas por razóns económicas en relacións machistas que as anulan, degradan e asasinan".

O PP deu en apoiar a moción ao considerar, a través de Cristina Romero, que a desigualdade salarial é "unha das discriminacións máis inxustas que sufrimos as mulleres" se ben, como adoito, no marco do debate instou a considerar que Galicia está en mellor situación que outros territorios do Estado grazas ao goberno de Feijóo. "O discurso da oposición non é crible -proclama- porque nas comunidades autónomas gobernadas por socialistas, nacionalistas e a nova política de Podemos teñen unha fenda salarial cinco puntos por riba de Galicia, como está a ocorrer en Andalucía, Catalunya ou Aragón".

A prol de financiar os centros que segregan por sexo

O PP defende o financiamento público dos colexios que separan nenos e nenas porque non é ilegal

A unanimidade, como era previsible, non se repetiu noutro dos debates da xornada vinculado ás políticas de igualdade, o da proposición non de lei de En Marea a prol da inserción "transversal" de contidos sobre igualdade no sistema educativo, da coeducación e pola retirada do financiamento público aos colexios que segregan o alumnado por razón de sexo. Estes colexios -cinco en Galicia-, di a deputada Ánxeles Cuña, "afondan de xeito claro e directo na concepción desigual de homes e mulleres". A iniciativa recibiu o apoio tanto do PSdeG como do BNG, que lembraron a teimosía do Goberno galego en financiar este colexios mesmo cando a lei aínda non o permitía -o Executivo de Rajoy blindounos a través da LOMCE-, pero atopou o veto no PP.

Segundo o deputado popular César Fernández este financiamento público aos cinco colexios que segregan por sexo en Galicia -catro deles con dependencia directa dunha empresa do Opus Dei- debe continuar porque non é ilegal. "O ordenamento xurídico español nunha impuxo un modelo de coeducación", e ademais a LOMCE, admite, "reafirma a cobertura legal do financiamento con fondos públicos da opción educativa diferenciada por sexo". Achegar cartos públicos para estes colexios garante, segundo o deputado, "o equilibrio entre o dereito á educación, a liberdade do ensino e o dereito a escller centro".

Paula Vázquez Verao (En Marea), durante o debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.