Unha funcionaria da Coruña denuncia a "manipulación" dun ordenador investigado na Pokémon

Xunta de Goberno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

De novo, os ordenadores do Concello da Coruña. Apenas unha semana despois de que os últimos informes incorporados ao caso Pokémon amosasen a presunta rede de enchufes detectada pola investigación grazas ao volcado informático, funcionaria do consistorio coruñés, investigada no caso, denuncia ante a xuíza que o seu ordenador foi "manipulado" para borrar o seu contido. Dáse a circunstancia de que esta funcionaria, que tivo que emitir informes a respecto do servizo da ORA en 2005, xestionado polo grupo Véndex e investigado pola xuíza, foi destituída en 2014 como xefa de Usos da Vía Publica. Agora a maxistrada Pilar de Lara disponse a indagar se o equipo de Carlos Negreira prevaricou con ese cesamento.

Nunha providencia emitida este luns, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, a xuíza detalla que, nunha declaración efectuada o pasado 30 de abril, a funcionaria "manifestou que o disco duro existente no equipo informático" que utilizaba "na súa condición de funcionaria" do Concello da Coruña "foi supostamente manipulado ou alterado, desaparecendo a información contida no mesmo". Esa desaparición, subliña, é certificada cunha "copia do informe" dun técnico informático municipal, que o 31 de maio de 2011 reflectiu que "aparentemente, é como se se descargase o disco duro e cargase o sistema operativo, algo que non pode facer un usuario", xa que é "competencia exclusiva do Departamento de Informática".

A traballadora asegura que o seu disco duro, investigado no caso, foi "manipulado ou alterado" e a información, borrada

Esta "circunstancia", relata a maxistrada, non foi "posta de manifesto por ningún responsable municipal" cando, en decembro de 2013, Vixilancia Aduaneira acudiu ao Pazo de María Pita para extraer información de varios ordenadores, entre eles, o desta funcionaria. Así as cousas, De Lara insta agora o goberno local a informala sobre se este ordenador "sufriu algunha incidencia, alteración ou manipulación", se a funcionaria "ou o departamento informático o comunicou nalgún momento, oficial ou extraoficialmente", aos seus superiores. Asemade, deberá indicar se houbo algún tipo de "investigación" sobre estes feitos. Ao tempo, a xuíza ordena "precintar e conservar o disco duro en cuestión" e achegarllo ao Departamento de Informática da Axencia Tributaria para tentar "proceder á recuperación do contido" perdido.

De Lara investigará se o cesamento da funcionaria implicou "prevaricación ou tráfico de influencias"

Dadas as circunstancias e "tendo en conta as manifestacións" da funcionaria Pilar de Lara ordena tamén incorporar á investigación da póla coruñesa da Pokémon o "informe íntegro" que esta traballadora tivo que emitir "no expediente de adxudicación" dos servizos de ORA e guindastre do Concello. A instrutora quere, ademais, que os xulgados da Coruña e a Policía Local a informen sobre se teñen aberta algunha investigación sobre a "desaparición de documentación" ou "expedientes".

Ademais de sobre a suposta "manipulación" do ordenador, a funcionaria imputada tamén declarou ante a xuíza sobre a súa destitución, decidida polo goberno cando lle restaban apenas tres meses para a xubilación. Dado que existen correos do tenente de alcalde, Julio Flores, "relacionados con dito posto de traballo", De Lara ordena abrir dilixencias por se o cesamento "fose constitutivo dalgún delito de prevaricación ou de tráfico de influencias".

Xunta de Goberno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.