Vázquez confía nun pacto con Ferraz pero non "cederá" na convocatoria de primarias

Vázquez, este martes nos corredores do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

"Queremos que isto saia ben, pero non podemos ceder". A dirección do PSdeG semella decidida, esta vez si, a manter o pulso coa dirección federal do PSOE. A creba do pacto para renovar a secretaría xeral en primarias a apenas catro días de pechar o sistema para celebralas vén de abrirlle unha nova fronte interna ao atribulado Alfredo Pérez Rubalcaba encabezada por un dos membros da súa Executiva federal, Pachi Vázquez. O secretario xeral dos socialistas galegos sobe de ton o seu discurso para advertir de que non vai "ceder" nun asunto que é "moi fácil" para "os sentido común" pero "moi difícil de ver para algúns".

"Os militantes non entenderían que agora lles digamos que non poden participar", sinalaba Vázquez na mañá deste martes nos corredores do Parlamento de Galicia, onde non evitou criticar abertamente a dirección do PSOE, na que detecta falta de "vontade política" para permitir que o próximo secretario ou secretaria xeral do PSdeG sexa designado por sufraxio universal entre a militancia. Sen afirmalo explicitamente, Vázquez vén acusar de falta de coherencia a unha Executiva federal que é "quen de propoñer a reforma da Constitución, do senado, do financiamento, da lei hipotecaria" pero non é "quen de adaptar unha norma interna para que a militancia poida participar". "Iso é pouco crible", censura.

"Somos quen de propoñer a reforma da Constitución e non de adaptar unha norma interna? Iso é pouco crible", di Vázquez

"Isto estaba acordado hai tres días e algo rompeu" e por iso a Executiva nacional galega segue "aberta a acordos, pero vai facer a súa proposta" dende a convicción de que "as primarias son unha fortaleza para este partido, non poden ser un problema", porque son sinónimo de "dar exemplo". "Se lle pedimos á sociedade que participe, nós non queremos que participen os militantes e o fagan con transparencia?", pregúntase.

Como avanzou este diario, o principal obstáculo para o acordo é "formal", explica Vázquez. "Cando acordamos vincular delegados e candidato nós entendemos que había que ter dúas papeletas, unha para secretario xeral e outra para delegados". Pero "cando chegamos ao menudeo", á "casuística", "todos vimos que era moito máis transparente e participativo" que a votación se celebrase con dúas papeletas. "Tan difícil é distinguir se vai nunha papeleta o secretario e os delegados ao lado ou se van nunha única papeleta?", cuestiona.

Así as cousas, Pachi Vázquez manten o órdago e o vindeiro venres someterá á votación do Comité Nacional unha proposta concreta para celebrar as priairas. "Galicia quéreo facer" e "non ao 25%, senón ao 95%". "Cabe nos estatutos" e, polo tatno, tamén "ten que caber an vontade política" da dirección socialista, aínda que haxa "unha parte importante" da cúpula do partido "que non quere escoitar falar de primarias para secretarios xerais". "Galicia respecta as federacións que non o queren facer, pero Galicia quéreo". "Se apostamos polo federalismo, sexamos primeiro federalistas dentro do partido", reta.

Vázquez, este martes nos corredores do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.