Vence advirte do "medo a perder poder" do PP que o leva a mudar o criterio sobre os pactos

Xavier Vence e Adolfo Muíños, en Rianxo CC-BY-SA BNG

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, ironizou este domingo sobre a estratexia do PP e de Núñez Feijóo de alertar sobre as "ensaladas" de siglas e espallar o medo ao nacionalismo e aos pactos, tal e como fixo no multitudinario mitin do sábado na Coruña. O líder do Bloque, durante un acto en Rianxo, contrapuxo os acordos coa suposta estabilidade das maiorías populares nos gobernos locais.

Vence ironiza sobre a suposta "estabilidade" das maiorías absolutas do PP, como a que "encheu Santiago de corrupción"

“Descubrimos estes días que a Feijóo non lle gustan as ensaladas, dixire mellor as maiorías absolutas, as mesmas que durante catro anos encheron Santiago de corrupción e paralizaron a cidade, esa é a estabilidade que garanten as maiorías do PP”, dixo Vence, que advirte de que o BNG non quere "a estabilidade das augas mortas dos encoros, que permite negociar ao PP coas empresas amigas para entregarlles o 50% dos orzamentos dos nosos concellos".

"Non queremos a estabilidade que lle permite ocultar a realidade e roubar en paz”, criticou Vence, que atribiuíu este cambio de discurso do PP sobre os pactos “ao medo a perder o poder”. “Como a conversión de Saulo camiño de Damasco, ou coa mesma firmeza que Groucho Marx nos seus principios, o señor Feijóo pasou de dicir que os pactos eran a peste a dicir que formaban parte do ADN do PP. O seus principios mudan cando ten medo a perder o poder municipal en moitas cidades e concellos do país”, alegou.

"Feijóo pasou de dicir que os pactos eran a peste a dicir que formaban parte do ADN do PP", lembra o líder do BNG

Vence fixo un chamamento a elixir a opción BNG-Asembleas Abertas centrándose en dous argumentos: o aval do traballo feito nos concellos alí onde goberna, libres de corrupción e a favor da xente, e a traxectoria histórica do Bloque en defensa do país. “Pedimos o apoio para un proxecto nacionalista que defende os intereses do país tamén desde os concellos, que sería de Galiza sen un nacionalismo como o que representa o BNG para defender o noso aforro, para defendernos do espolio, para defender o agro e a pesca, os nosos recursos enerxéticos, que sería deste país sen un nacionalismo que defendese a súa cultura e a súa lingua?”, argumentaba.

"Non somos unha imporvisación; estamos na rúa ao lado da ene, non nos platós de televisión"

Ademais, asegurou que o BNG é a única alternativa nacionalista de esquerdas que disputa terreo ao PP, “palmo a palmo”, en todo o país e "non só nun puñado de cidades". “Non somos unha improvisación de última hora, estamos na rúa ao lado da xente, non nos platós de televisión”, engadiu, tras apelar ao “espírito de Riotorto” para condensar o modelo de goberno en defensa dos servizos públicos, “en lugar de privatizalos para beneficio dun grupo de lobbies madrileños”.

Vence puxo como modelo de goberno nacionalista o traballo desenvolvido polo rexedor nacionalista e candidato en Rianxo Adolfo Muíños, “exemplo de como se pode gobernar un concello cando ten ao fronte un alcalde e unha equipa que cree nas posibilidades deste país, defendendo con uñas e dentes aos sectores produtivos mesmo en Bruxelas como no caso do sector do xeito.

Xavier Vence e Adolfo Muíños, en Rianxo CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.